martes, 26 de outubro de 2021
Un abrazo de oso
mércores, 20 de outubro de 2021
Os xogos
venres, 15 de outubro de 2021
Os xoguetes
mércores, 22 de setembro de 2021
O cachón do Sil
![]() |
| Ribeira da Teixeira (escapalandia.com) |
Carrexar as olas do sulfato era unha xeira dabondo penosa (un traballo 'fodido', diciamos nós), pois había que peitar coas olas cheas, subindo e baixando as paredes dos 'pataos' por esta banda, (en galego pulido: socalcos de sub calce, erguer as muras calzando as pedras unhas encima das outras)).
As viñas da Teixeira estaban subindo o río Sil, antes de chegar á ponte de Abeleda, mais a min gustábame ir: o pai comprara unha barca con motor fóra borda en Vigo, malia que o motor, xa vello, por veces non quería prender, véndonos na obriga de coller os remos como coitados condenados ás galeras.
Foi o que me pasou un día, andaría con doce anos no corpo, que me vin remando até á altura de Sacardebois, no Porto, á procura das viandas para os homes, os xornaleiros de Lemos que nos andaban cavando as viñas: unha bota de viño, unha lata grande de sardiñas, Rianxeira, pan e chourizos que xa tiña a nai afumados pendendo dos fungueiros na cocina vella. Os homes decidiran quedarse a durmiren dentro dunhas tinallas dunha adega próxima co fin de remataren a xeira o día vindeiro. Ese día souben o que era remar río abaixo e río arriba coa brincadeira de eolo que se erguera para soprar na miña contra.
xoves, 16 de setembro de 2021
O ditado
![]() |
| pizarra e mais o pizarrín da escola antiga, colección.net |
–“Chaval,
ponte al final de la fila” –ordenoume con voz de sarxento 'chusqueiro'.
Daquela, aparentaba eu ser un rapazolo espigado, aínda que a miña estatura, fraco de chichas e alto como unha vara de guiar os chichos, non era froito dos iogures, que non existían, nin das papas de fariña milla, que enchían a barriga pero que non apagaban as ganiñas de comer, coido que a explicación estaba nos dous anos de máis que levaba ás costas en comparanza ós outros nenos de pantalón curto e canelas de fideos, aínda co corpo arreguizado, matriculados no curso preparatorio canda min. Xa dentro da aula, o mestre, empoleirado no alto da tarima, mandou sacar o caderno e mailo lapis co gallo de encetar a clase cun ditado, onde quedaría plasmado o dominio tanto da caligrafía como da ortografía dos sesenta rapaces que don Matías, un mestre de 'cala e ponte teso' tiña ó seu cargo.
–'Estámosche bos, estes enredos coas letras non se fixeron para min' –pensei para os meus adentros, tal como falaba o me pai, que parecía eu un 'marido' rodeado de nenos. Nas contadas veces que acudira á escola en Sacardebois, nunca oíra a palabra dictado, a non ser os ditados que me daba o pai despois do parte da radio: “Mañá cedo leva as vacas polo camiño da Fermiña deica a pena dos Almorzos; esta semana hai que subir coas vacas para Celeirós que se está perdendo o outono no lameiro dos Vaos”.
Na
escala de valores da miña casa, o primeiro lugar da taxonomía estaban as vacas;
no último, a escola: como as vacas comían tódolos días, pois non pasara de escribir
co pizarrín algunha que outra frase que a señorita Enedina me puña na pizarra:
“La gallina pone huevos”, “El río
Miño lleva la fama; el Sil, el agua”, e
así.
venres, 10 de setembro de 2021
A gadaña
Pero volvamos ó rego do Corro de Sacardebois, os nenos continuaban a zurrarlle coa caxata ó burriño, coxo dunha pata, escapando lixeiros a todo meter, tanto como o animal podía, que non era moito, ata a palleira para acocharse nun tris debaixo da herba, pero o vello, moi cabreado coa rapazada, canso, despois de traballar, tirando da gadaña toda a santa mañá, entrou pola soleira da porta da palleira e, lembrando ós que mandan no ceo e na terra, berraba: “Mecagoentododiós...!”(home primitivo no blasfemar, aínda na etapa politeísta).
–Erguede esas cabeciñas de chouparros de debaixo da herba que volas sego de contado!, berraba coma un demoño.
De súpeto, cando levaba repasada a metade da palleira, nun momento preciso pasou calquera cousa extraordinaria, un milagre, visto que as táboas do chan, onde estaba a pisar o vello, escacharon, e o tío malvado desapareceu por un burato para abaixo, para o sitio dos carros: varios estadullos que se afiaran coa macheta, pois o carro andaba a carrexar na herba naqueles días de verán, o estaban esperando coma picos de paxariños, a bicada; porén, salvouse de quedar espetado coma un cabrito, que só torceu o nocello do pé dereito, así que houbo que levalo no mesmo carro, onde ía encollido pola dor. “O corpo do vello, comesto pola mala fe, chuchouno o demo dende os infernos”, dixo o crego; entón, vai o demo e replícalle co ditado: “A gadaña, de non quedar enganchada no buraco das táboas, aínda lle habería de cortar o pescozo, unha mágoa, que nun tris sería carne ó inferno!”
A súa muller só puido lavarlle o pé dereito, o pé malo, e mais un pouco, unhas rascadelas de nada, a canela do mesmo remo. Intentou varias veces o lavado integral, certo, pero o mulo do seu home, teimudo e pecho, soltaba unhas couces que nin diola...!
venres, 3 de setembro de 2021
A ribeira de Parada de Sil
![]() |
| O castiñeiro senlleiro de Entrambosríos (Fotografía de Rosa Villar Pumar) |
xoves, 26 de agosto de 2021
San Fiz
![]() |
| San Fiz (Xoán Arco da Vella) |
Ó
lonxe, só quedaba á vista o viraventos do campanario da capela de San Fiz co seu galo
marcando un destino descoñecido: testemuño do que fora antano este lugar e como
sinal de aldea desaparecida en aras da voracidade do nomeado progreso.
A
construción do embalse de Santo Estevo, inaugurado por Franco en 1955, cambiou
non só a paisaxe da ribeira, senón tamén os modos de vida de moita xente que
sufriu o desarraigo coa emigración.
martes, 24 de agosto de 2021
O Mao, río humano
Pouco a pouco, co
ruxerruxe dos motores o catamarán chegou á desembocadura do río Mao. Virou a
babor para parar un anaco en liña entre Cristosende e Barxacova. Ó redor: viñas,
hortas, soutos, amieiros, carballos, sabugueiros... Tirando cara a arriba polo
río pequeno, a ponte de madeira das Mixerelas, onde baixan as augas mexendo a
cachón, de aí o seu nome, xa desaparecida, pero presente na memoria dos máis vellos
da contorna, a ponte coa súa lenda fálica, que non podía faltar neste lugar
máxico da ribeira do Sil. Tirando cara arriba, a Fábrica da Luz. No alto, a parroquia
castrexa de San Lourenzo coas tumbas antropomorfas do medievo; no canón do Mao,
as fervenzas de augas que baixan fuxidías das meigas, que as veñen atizando
coas vasoiras na altura da ponte de Conceliñas. Xa no Sil, no tramo máis
espallado, ai está a aldea de San Fiz que quedou como testemuño: hoxe, un cemiterio
de lembranzas.
ourensenarede.com
xoves, 8 de xullo de 2021
Os socalcos da ribeira do Sil
![]() |
| Ribeira de Doade (desnivel.com) |
As augas do Sil, rebuldeiras, foron afondando o seu leito nun canón, mentres as abas ían medrando cara arriba: terras deitadas en bancais, bendicidas por un clima oceánico benigno, xa engaiolaran ós celtas: nas partes altas das ribeiras, medraban os carballos, venerados polos druídas; nas máis temperadas, os terreos para o cultivo.
As estampas dos socalcos é un regalo para os ollos, como antes alegraban os viños de Amandi o triclinium dos patricios romanos. As vistas dende o Soutochao, en Doade, abofé que deixan a un pampo: un engúrrase ante tanta beleza; natureza quebrada e retorcida, que os nosos devanceiros ribeiraos foron moldeando para a viticultura, coséndoa con socalcos, pedra sobre pedra, ao redor da cintura para non perderen as enaguas no asiduo escorregar de augas dos nubeiros que veñen preñados do océano.
Ó pé do miradoiro da Pena do Castelo, brota unha fonde de ninfas lavandeiras; no picouto, érguese a o carreteiro cunha saba suada debaixo dun cesto para carrexar as uvas: intrahistoria de homes pequenos apandando con cestos grandes; formiguiñas que, pouco a pouco, achegaban o froito ós seus lares: adegas ricas de terra pobre.
Hai unha adega na ribeira do Sil, na Barxa, que elabora un viño cos matices dun harmonioso acorde, o Arpexo, que madurou colgado nos pentagramas, que son os pataos da ribeira de Parada de Sil. Onte, presidiu a mesa de varios amigos.
Un dos convidados, violín da Orquestra Nacional, de vacacións en Augas Santas, contaba na sobremesa que un mediodía, que baixaba a coller o catamarán no embarcadoiro da ponte de Paradela, seica vira saír a San Amaro da capela de Soutochao, cantaruxando unhas lerias polifónicas, mentres movía unha póla pelada delgadiña de castiñeiro, que lle servía de batuta. Subido nunha pena, despois dun toque de atención, arrincoulle unha marabillosa melodía ás viñas de Doade: nas gradas do escenario aberto exhalaban sons de cores brancos e negros; nas liñas de socalcos, coa partitura espallada, pendían as notas negras de mencía e mailas brancas de godello; ademais das finas e pasadías corcheas de treixadura, aparecían salpicados os silencios de escaleiriñas que rubían cortando os pentagramas. As folliñas verdes e ocres movíanse ó compás dos ventos allegro, adagio, allegro da batuta do santo: contrapunto da mencía solista, acompañada do baixo godello, fronte o resto da orquestra, enmudecida en sons xordos de eco imitador. Deleite de contrastes barrocos, sonada partitura do prete rosso, Vivaldi, que seica gustaba mollar a palleta, mentres debuxaba notas de primavera.
martes, 6 de xullo de 2021
Marta, a cazadora
![]() |
| quedeflores.com |
Marta andaría entón polos dez anos, que pasaran nun suspiro dende aquel día de xuntanza familiar para o seu bautizo na Casa de Viana. Una mañá ergueu cedo á procura de arranxar uns lazos cun barazo que atopara nos caixóns da ferramenta do bisavó: teimaba día e noite en cazar na mesta fraga do Covelo unha garduña, quizais un cachorro de lobo ou aínda que for unha raposiña.
–A xeito de cebo: 'unhas codelas de touciño...' –matinaba a nena, mentres preparaba unha caxata dunha póla de castiñeiro para percorrer o camiño da Fermiña, inzado de toda clase de bichos e, mesmo, lagartos e cobras.
Perdida ó seu ar na fraga que hai por riba de Sacardebois, en busca de aventuras, saco ó lombo para apandar cos trofeos que pensaba cobrar co enredo dos lazos: feitos heroicos que logo anotaría no seu caderno de campo. Camiñou con tento polos carreiros practicados polos porcos bravos, e por camiños vellos e solitarios de ferradura que xunguían antano a ribeira coa montaña á procura das pegadas dos animais de caza que andaban ceibes polo monte.
Pasadas dúas horas, chorando bágoas por ela, trala busca de acó acolá: coa axuda dos luceiros da aguia da carballeira de Maraván en voo de recoñecemento, a nena volveu ó fogar como tal cousa, coa canseira dun can que retorna da caza, iso si, cargando no ombreiro as pezas pilladas no monte: unha puñada de estalotes, unha caixiña de bolboretas vestidas de cores e mais un grilo cri, cri…!
martes, 29 de xuño de 2021
Os salteadores de camiños
![]() |
| extremaduramisteriosa.com |
–Arre demo! –exclamou Benedito, ó tempo de furgar coa mao no fondo da alforxa. Un burro dos atracadores, que lle desaparecera dun eido ó Aquilino o ano pasado, ventando o cheiro das mulas, neste intre, arrincou a ornear, xa lúbrico, erguendo o corpo de cuartos dianteiros, coa mangueira alborotada, con perdón; orellas de pico; os dentes regañados por riba dos ramallos, como se for un monstro, rompendo co seu orneo ronco o silencio daquela noite estrelada.
O Benedito desenvurullou a arma –os Prietos de Vilar eran mozos varudos nun oficio escravo e perigoso– empuñou a pistola do nove largo, apuntou e disparou ó vulto, que caeu de pinchacarneiro, fulminado, na auga do río. A seguir, o de Vilar, furioso, esquecéndose do significado do seu nome, continuo a proferir blasfemias para coller forzas de ánimo e saír airoso daquela situación tan delicada:
–Me cago en..! Me cago na...! Vide, vinde, fillos de la gran..., vide se tedes collóns, que vos arrinco os miolos da cabeza! E seguiu, alternando os disparos cos improperios. Os ladróns, se cadra xitanos cuatreros ou maquis que só buscaban roubar as mulas, ante esta reacción desmedida de autodefensa, arreguizados polo medo, saíron por pés carballeira arriba. Isidro, rápido como un lóstrego, adiantou á reata e púxose diante, mentres lle berraba ó cuñado:
–A quen disparasss...? pecha o pico, que estás tolo! hai que desaparecer á galope, que pode acudir a garda civil. Aquela noite, os Prietos, co sentido alporizado, non pegaron ollo: por momentos, calados, cavilando, alternando con discusións acaloradas, en torno á conveniencia de acudir ó cuartel da policía ou pechar o pico, e continuar o camiño como tal cousa. Isidro, máis prudente e traballado en preitos de toda índole, resolveu que nesta situación era moito máis prudente esquecer o que había pasado, para que meterse en debuxos, botarlle terra ó asunto era o propio. E así foi.
O día seguinte, contaba un veciño, o Aquilino, que atopara o seu burro cun buraco no medio da testa, aboiando na auga, ó pé da ponte da Garganta de la Olla. Ó mediodía, unha parella da garda civil ó mando do cabo Edelmiro, acompañados do alcalde e mais do alguacil, acudiron ó lugar dos feitos, pero viñeron como foron, baleiros, moito falar que si patatín que si patatán, sen atopar ningunha explicación á estraña morte do burro do Aquilino, que se esfumara había un ano do pasteiro das figueiras. A présa na investigación foise diluíndo co pasar das horas, quedando a cousa só como tema de conversa nas cantinas. Un día daqueles, entraron no mesón da praza os dous cuñados:
–Buenos días tengan los señores –saudou, descubríndose a cabeza o señor Isidro, mentres o Benedito ollaba a clientela da tasca, con certo desdén acomodando a alforxa coa pistola aínda quente nunha cadeira.
–Lo mismo digo –dixo Benedito de Vilar– e virando a mirada cara o taberneiro, engadiu: Sirva unos chatos a esta buena gente. Os paroquianos agradeceron a invitación cun discreto sorriso, achegándose á barra do bar para continuar coa parola, cada vez máis animada, ó verse convidados. Os cuñados, tralos saúdos, comandaron dúas racións de caldereta de cabrito e mais unha botella de viño de Montánchez. Retraídos no recanto do mesón, comezaron a mollar o pan candeal na cazoleta de barro, e así continuaron comendo, calados como pedras, matinando nos últimos sucesos acontecidos, pegando tiros ó chou, desexosos de saíren airosos daquel enredo en tanto gozaban da fanfurriña de contar con cartos, polo que se rían do mundo cara dentro, asemade escoitaban ós homiños da boina competindo, alterados, na procura de atopar os motivos máis verosímiles que puidesen dar razón cumprida á desaparición do burro do pasteiro da figueiras e, un ano despois, non poder explicar a súa estraña morte, chimpado dun tiro, nas augas frías que baixan fuxidías dende o alto de Gredos.
luns, 14 de xuño de 2021
“La serrana de la Vera”
![]() |
| deviantar.com |
Na alforxa, envurullada nun trapo, por debaixo da borracha, do queixo de Zamora e dos chourizos da casa, acochaba a pistola do nove largo co cargador montado, polo si ou polo non. Mesturadas coas vituallas, bailaban algunhas balas soltas, que sobraran da última refrega cos bandidos: preto do regato, que baixa a cachón auga da serra de Gredos, no lugar coñecido como Garganta de la Olla –contaba Benedito de Vilar, xa entrado en anos, ó pé da lareira, mentres se afumaban os chourizos colgados dos fungueiros– que os máis vellos do lugar lembraban a lenda dunha muller montañesa, salteadora de camiños, coñecida en 'Castela' por “La serrana de la Vera”: unha moza fermosa que se botara ó monte, disque entolecida por un amor non correspondido.
“Legua y media de Garganta, cinco
leguas de Plasencia
habitaba una serrana, alta, rubia
y sandunguera.
Vara y media de cintura, cuarta y media
de muñeca,
con una mata de pelo que la
los zancajos le llega.
Cuando tiene sed de agua se baja
pa la ribera
cuando tiene sed de hombre se sube
para la sierra.
Vio venir a un serranito con una
carga de leña,
le ha agarrado de la mano y a la cueva
se lo lleva” (…)
martes, 8 de xuño de 2021
Os 'mulateros' de Vilar de Forcas
![]() |
| A mula, un equino híbrido |
O tren, como todo o que ven de Madrid, como agora co AVE, demorou en chegar a Galicia: a liña férrea de Zamora a Ourende aínda tardou máis. Os Prietos, e tantos outros mulateros galegos, mercaban as mulas nas feiras e tamén polas aldeas da montaña e, cando reunían unha reata de trinta a sesenta cabezas entre dous ou tres socios –pais con fillos ou cos cuñados –emprendían a viaxe de varias semanas a Estremadura, camiñando día e noite, atravesando vaos á pé ou ríos crecidos á nado; aguantando a chuvia nos ollos no outono; a xeada, no inverno e mais un sol, sen misericordia, no veráo.
De retorno, nas alforxas da cabalgadura, traían pementón, queixo de ovella e de cabra e panos de Béjar para as familias. Coa chegada do tren, os mulateros da bisbarra, coas reatas das cabalerías mercadas, concentrábanse nos lugares non afastados da estación –acostumaban xuntarse en Monterroso, Monforte, San Clodio, A Gudiña– para alugar un vagón ou varios e, logo, emprender a viaxe ata Plasencia, Trujillo, Ibahernando, Navalmoral de la Mata. Nos anos da fame da posguerra, as máis das veces, as mulas vendíanse á fiado.
Na última viaxe, recadaron
unhas 50 cabalerías nas serras de Lugo, na feira de Lalín e na comarca de Laza,
logo camiñaron en reatas dende Forcas deica a estación do tren de San Clodio
para ilas vender a Plasencia, onde se celebraba unha feira de moito carallo: compra
e venta de gando de tiro e traballo. As mulas que viñan mancadas do troupeleo
do vagón do tren mailas falsas sen domear, que non se venderan na feira, había que
levalas camiñando en reatas cara Xaraíz, Garganta de la Olla, Cuacos de Yuste, Jarandilla,
Guixo de Santa Bárbara, e tantos outros lugares do val do Jerte que, en todosos
lugares, cumprían moito as mulas galegas, das que fala con loas o mesmo don
Quixote:
...andaban por aquel valle paciendo una manada de hacas galicianas de unos
arrieros yangüesesII, 9, de los cuales es costumbre sestear
con su recua en lugares y sitios de yerba y agua, y aquel donde acertó a
hallarse don Quijote era muy a propósito de los yangüesesIII... Cap. XV.
Ás veces, despachábase
toda a reata nunha soa vila; noutras, vendíanse por parellas. As terras chás de
vastas extensións, propias para as sementeiras de cereais de secaño, ou tabaco
eran as que empregaban máis cabalerías, como Coria e Malpartida de Plasencia.
Non era así na Vera, onde se ían vendendo unha a unha polas portas, pois estas
terras de socalcos, con unha soa ou cunha parella por casa, tiñan dabondo.
luns, 31 de maio de 2021
O sereno
![]() |
| El País.es |
Particulares, que esqueceran as chaves; xentes de paso das provincias, que acudían ás pensións; os guiris, amigos de museos, dos touros nas Ventas, de verbenas e de festas en Pasapoga; solteiróns e ‘desviados’, como di o outro, que viven a corpo de rei, artistas de teatros e cabarés, pupilas de venus e demais ralea, que se recollían ás altas horas da noite, teimaban en chamar polo sereno: Sereenoo…! Seeereeenoo…! Mais nada, ninguén respondía ás insistentes chamadas. O Moucho de Aguil, nesta aldea: tres vellas e mais un candil; canso de patear a rúa da Cruz, había días que se erguera en voo de retorno a Galiza.
Dende
entón, as noites de Madrid dos Austrias xa non foron as mesmas: noites perigosas,
escuras, desamparadas, silandeiras, tristes. A voz, yaaa…vaaaa…!, gastada polos
anos de uso, rematou mouca, enmudecendo nas rúas da améndoa da capital.
Ós poucos, habería de aparecer o enxeño do porteiro automático, borrando das noites madrileñas a figura entrañable do sereno picando co seu chuzo no chan empedrado, tintinando o mangado de chaves, mentres acudía ás chamadas dos veciños e forasteiros: sons e voces que arrolaron ós ‘gatos’ de Madrid varias centurias, porén a roda do tempo, que xira sen acougo, foi cambiando os costumes, levando a vida doutro xeito máis doado: dos primitivos e vulgares berros, a pleno fol: Yaaa…vaaaaa...!, mudou nas relambidas palabras: “Diga..., ¿a qué piso llama, por favor?”
luns, 17 de maio de 2021
O moucho de Aguil
Á media noite, encamiñeime cara á rúa da Cruz, peguei unhas palmadas, namentres chamaba ó sereno: Sereeenooo…! Axiña, contestou dende lonxe: Yaaa…vaaa…! Logo, máis preto de min, anunciou a hora e mais o parte meteorolóxico con voz máis potente e pousada: “Son las doceee… y serenooo...!”
O Moucho de Aguil (concello da Teixeira) era daquela o vixiante nocturno da rúa da Cruz, paisano da bisbarra de Caldelas, de confianza, moi amigo de percorrer os camiños cun candil de carburo a media noite co fin de espantar as negras sombras das portas das casas e dos cortellos dos porcos da ceba, de aí o alcume que lle endosaran os veciños, e disque que como xa non quedaba xente no seu vilariño a quen coidar, 'en Aguil, dúas vellas e mais un candil', se viñera para Madrid á procura de xuntar uns cartiños. Onde bule xente, hai negocio: dous cans e mais unha cadela fan un real; catro reais, unha peseta; unha propina por aquí e mais outra por alá, un peso; e, como dicía o outro, gran a gran énchese unha tulla. Seica estaba a xuntar moito diñeiro dos clientes das numerosas pensións e fondas que, por entón, había ó longo desta rúa, a unha carreiriña de can da Porta do Sol.
Nun tris, apareceu pola embocadura dun canellón, noutro extremo, picando no chan de pedra co chuzo ferrado tac! tac! tac! tac…! con gabán, cinto e viseira, segundo as ordenanzas do Concello, a xeito dun un garda civil xubilado, viña camiñando tirando da súa sombra, metendo medo que nin diola! matinando en galego a súa filosofa ou rosmándoa polo baixo, ó tempo de berrar en castelán a xerga do oficio de sereno.
O Moucho, un ventrílocuo incipiente, padecía tolemia de Babel, por causa do desdobramento da súa personalidade e á practica do bilingüismo, coma resultas das horas de parrafeo para facerse a si mesmo compaña nas longas noites de inverno, remarcando o ritmo das sílabas tónicas da súa fala aldeá coa pica do chuzo.
Era o amo da rúa nas horas serenas da noite, onde só se moven esvaecidas sombras fuxidías; rebuscaba, no disco duro da súa caluga, a parola axeitada en castelán que habería de servir de canle para chegar a desentumecer o corazón do cliente e afrouxarlle a carteira.
Viña para acó, lixeiro, rascando co pico do chuzo as reixas das ventás dos negocios e das habitacións dos baixos, canso de soprar no agudo asubío de latón que lle deran no Concello, e que non acudise a policía, o pobre: facíanlle menos caso có pito dun sereno.
domingo, 2 de maio de 2021
As tumbas de San Vítor
![]() |
| breoganarqueoloxía.com |
Por riba da aldea de San Lourenzo, no concello de Parada de Sil, atópanse unhas tumbas antropomorfas escavadas nas laxas duna explanada. Todo o mundo fala delas, mais ninguén coñece a súa orixe. De cando neno baixabamos dende Forcas por este lugar ou cando subiamos dende Sacardebois de andaina coa merenda, ás veces, mediamos a contorna das tumbas co noso corpo mentres, estarricados facendo o morto, debuxabamos co maxín o percorrer doutros tempos e como se sentiría un de cómodo deitado nun leito de pedra para o repouso eterno.
San Vitor, parroquia de San Lourenzo de Barxacova, está no corazón da Ribeira Sacra. Un lugar máxico ó pé do canón do Mao: sons e imaxes, sentires dunha natureza virxe; rumor de auga cantareira do río Mao que baixa ceibe, golpeando as rochas ou lambéndoas con agarimo; auga cristalina, fuxidía das meigas que a atizan coas escobas por baixo da ponte de Conceliñas; hábitat de troitas, brincando entre as brancas escumas; por riba dos carballos e castiñeiros bravos, a silueta ameazante do gabián enmudece os chíos e rechouchíos de xílgaros, a danza da presumida bubela e mailos pitorreis petando nas trabes; ó lonxe, de cando en vez, a voz do cuco conta as horas do día; os ollos do camiñante miran en fite a Pena dos Mouros; alá, no cumio do monte, a vila castrexa de Cristosende: miradoiro do val do Sil; terra lixeira espallada na aba de Cadeiras, retida en socalcos, sub calce, pedras calzadas para formar paredes, que debuxan liñas de cepas en pataos nesta banda da viticultura heroica da subzona de ‘Amandi’: terra digna de ser amada; ó fondo, a boca do canón do Sil.
Pero, que demo habería antano neste
lugar solitario? Ninguén o sabe con certeza. A tradición oral rompeu o fío no
percorrer dos séculos.
O caso é que o único testemuño daquela época son esas dúas tumbas abertas, semellantes ás do Mosteiro de San Pedro de Rocas, do século VI, cando por entón reinaban os suevos.
Pouca información podemos sacar dos dous enterramentos de adultos sen tapas con algún lema, un nome, unha data. Menos dá unha pedra –me dixen– aínda que non vén ó caso, porque hai pedras que falan soas, porén estas tumbas baleiras aparecen mudas ós ollos de entendidos e de profanos.
Mais noutros tempos xa esvaecidos,
os arquivos falan da existencia doutros mosteiros no lugar: o de San Miguel un
pouco máis arriba de San Vitor e mais outro, San Salvador, un pouco más abaixo
de san Lourenzo.
Con estes datos, vendo a proximidade do cenobio de San Adrián –andando os anos, pasaría a depender do Mosteiro de Montederramo, coma un priorado, nomeado tamén como granxa de San Adrián– podemos deducir que San Vítor foi un asentamento eremita, quizais dun freire de calquera destes mosteiros, ou quizais o camposanto das aldeas do redor: os traballos actuais do xacemento arqueolóxico da necrópole darán luz a algúns destes interrogantes
A tradición recollida polos vellos de San Lorenzo fala do traslado da imaxe da capela de San Vitor á casa dos Quintas de Chandrexa e disque alí estivo lucindo durante anos na capela da casa fidalga, co gallo de mirar pola la facenda destes veciños, por entón máis ricos que pobres.
A
pescuda vén corroborada pola tradición noutros lugares e mais por un documento
medieval do Arquivo Diocesano avalando un caso semellante: “A Serra de San Mamede,
que se ergue ó sur do mosteiro de Montederramo, recibiu o seu nome dun monxe
deste mosteiro que fixo vida eremítica no cumio do monte ata a súa morte que
aconteceu no ano 1160”.
Os eremitas gustaban de sitios
solitarios e das alturas para ergueren as súas capelas, máis preto do ceo e
máis lonxe das cuítas mundanas.
Unha cousa é segura entre o cenobio
de San Adrián e o lugar de San Vitor houbo unha relación de dependencia. Que
foi primeiro a ermida ou o cenobio de San Adrián? Poida ser que primeiro fose a
ermida de San Vitor, e que desta nacera o cenobio: a orixe do mosteiro de San
Pedro de Rocas foi deste xeito, así o testifica a pedra fundacional do
mosteiro. Por que non se habería de dar a mesma sucesión dos feitos, non, si?
Naqueles tempos dos reinos suevos e
visigodos, na escura baixa Idade Media, coa bendición do bispo Prisciliano,
xurdiron nestas paraxes da Ribeira Sacra unha puñada de eremitas, homes devotos
chamados por la voz divina a vivir en soidade, illados do
mundanal ruído, dedicados á vida
contemplativas de laúdes e maitines
illados dos lazos da familia ó carón da lareira e afastados dunha vida doada ó
abeiro dunha comunidade monástica.
Resumindo o conto, non me queda máis que engadir que a explicación das tumbas antropomorfas de San Vitor seguirá envolta nun halo de misterio, mais quizais sexa este o seu principal encanto.
(Nota. Este conto, que fala da orixe das tumbas de San Vitor, foi matinado antes das escavacións que se están levando a acabo por don Eduardo Breogán da Uvigo, a instancias do señor alcalde do concello de Para de Sil: don Francisco Magide Bizarro).
domingo, 25 de abril de 2021
O carallo do teléfono
![]() |
| ar.pinterest.com |
De cando neno, primeiro eran as vacas, que había
que botalas para o monte e, se quedaba tempo, a escola, así que o señor Nemesio
só deprendera o galego de afalarlle á Castaña, á Rubia, á Cachorra..., de
maneira que non atinaba como xunguir o pensamento coas palabras, que lle saían
pola boca sen ton nin son, véndose na obriga de tirar das virtualidades do
“carallo” para tapar os ocos da cadea da
fala, como imos ver axiña na conversa co seu neto Luís, o ‘Pispilete’ de
Madrid, que non sei que carallo maquinaba, illado coma un caracol con antenas,
cos dedos nerviosos no WhatsApp
do teléfono novo do trinque, un LG L3 E400,
3G, nada que ver co neno Nemesiño, que antes fora o seu avó, compartindo no
recreo os xogos de habilidade coa billarda e mais a puntería coas bolas dentro
da buraca.
–Ese chisme tamén sirve para falar? –preguntoulle o vello.
–Pois claro, é un móbil Android 3G! –contestoulle o neto de Madrid sen erguer os ollos do enxeño multimedia.
–Róncalle o carallo! –refungou o vello.
–Avó, non é ningún chisme, que vén con pantalla táctil, cámara 3Mpx, WiFi... e mais outras ferramentas –tratou de explicarlle o rapaz as virtudes do celular, mentres teimaba co teclado WhatsApp.
–Dálle, carallo, dálle…! –animouno o vello.
–O mellor que ten son as aplicacións…
–Se é como dis de aplicado, que aprende cada día algo, debe ser un invento de moito carallo...pregúntalle se mañá podo segar a herba ou no amencer vou escoitar o galo ronco polas chuviscadas?
–Co Google todo está á man, aínda que peca de pouca memoria: se estás co Skype, non podes abrir o play; de navegar por Tuenti, non digamos, coa galería chea, non podes nin abrir o portelo do teu muro.
–Ten carallo a cousa, non me estraña o que me dis: abrir un portelo nun muro nunca foi cousa doada, o que non entendo é que un non poda navegar por ‘tuenti, puenti’...ou como demo se diga.
–Avó, que Tuenti é unha rede social –díxolle o neto, rindo.
–Déixate de caralladas de redes sociais: unha rede é unha rede, de cáñamo, de arame ou de fíos de fibra sintética para apañar os peixes, eiquí no río Sil, en Vigo e mais en Pekín.
–O Bluetooth para as conexións sen fíos é unha ferramenta para moitas aplicacións...
–Para, non sigas! cala co demo do blutú...! que xa estou hasta o mesmo carallo de escoitar tanta leria, agarra un sacho do sitio das ferramentas e vaime tornar a auga do regato para o lameiro do Roxedoiro!
–Pero, avó…!
–Nin avó, nin nada…! Os que moraron nas tumbas de San Vitor non andaban con estes enredos de agora, traballaban só para comer e morra o conto, rematou a conversa o señor Nemesio, e disque o Luisiño, o Pispilete de Madrid, enfurruñado có avó de Sacardebois, pechou a boca, apagou o móbil, pegou nun sacho do sitio das ferramentas e tocouse o carallo camiñando pola estrada cara ó Roxedoiro.
martes, 20 de abril de 2021
A lingua e mais a fala
Eu fun nado no berce da Ribeira Sacra, na ribeira de Parada de Sil: “Árdelle o eixe, ribeirao!” E, mesmo, me chaman ‘campaneiro’ ou ‘fogueteiro’; pero non escoito nas aldeas que conforman a parroquia de San Martiño de Sacardebois de sermos os ‘ribeiráns’ do concello.
Certo. Os xornais e mailos libros saen do prelo coa lingua pulida, como se outro galo lle cantara, estandarizada, sen engurras nin erros; académica e mais uniforme, porén ás veces, amosa fría ós ouvidos, sen chispa nin alma: “Socalcos de Doade, viticultura heroica dos ribeiráns” –intitula un xornal de Lugo–. “O doutor, mentres escribía coas mans, estaba dubidoso co diagnóstico: agorafobia, afasia, mutismo electivo...?” La Región.
“O pular céltigo,
maquiador de penedos, paixós e ideas –escribe Otero Pedrayo– tinxido como o sol
pinta a nuben, pola groria do xenio latino, universalizado nos brazos da crus.
O rir ledo, agurgullante, sin o bafo da ferocidade xermana, a cada xeneración a
curiosidade dos nenos maxinadores de universos, conten toda vida, capacidade de
agardar, ialma nova non cangada por ningún carregar de civilización alleeira,
arte eispresivo, insadisfeito, língoa matizada de alboradas e longos poentes ca
confianza no derradeiro trunfar do esprito. Cultura galega, ancorada no peirao
occidental pronta a aparexar un vento da térra pra fitar todo anceio human”. (Ramón
Otero Pedrayo: “Terra, Raza, Cultura, Historia”. El Pueblo Gallego, 27 de
xanciro de 1933).
A xente deste alpendre da ribeira, en troques a don Otero Pedrayo, engaiolada coa fala, segue cos dicires de antano coma un veciño fala a outro veciño, esquecendo arreo a normativa imposta dende un despacho que se cre co dereito de usar a tesoira para cortarlle as ás da expresión que voan ceibes na fala:
“Ai, Benedito, mira, vaime paseniño, non me emporcalles a viña, arroma esa terra cara arriba nos beirís dos pataos; logo, ténsame dous fíos de arame polas estacas de pao, malo será que me veña unha carallada do ceo que me deite as uvas na lentura do chao. E move ese corpo, anxo bendito!, que a xeira amosa verde: estes enredos, abofé, non son xeira de moitas maos, que non estamos no verao coa sega da herba nin cae o san Martiño coa matanza dos marraos, que para as faenas de moito barullo, arranxo o almorzo aos que son meus irmaos...” – así falaba o señor Isidro de Viana.
Sonche
cousas dos enredos e xogos da nosa lingua romance, dada a súa versatilidade e mais
a riqueza acumulada, herdeira do latín: dos niveis e dos rexistros, das
situacións e dos contextos no acto da fala.
martes, 13 de abril de 2021
O poder do silencio
![]() |
| Toque de silencio |
Hai
xente que fala cos ollos, cargando a cella, sen abrir a boca. Outros falan e falan
sen parar, dando voltas e máis voltas á roda da conversa, mais, ó final, non veñen
a diciren nada aproveitable, só xiros de palabras viciosas, baleiras de contido.
Os oficiais do exército teñen as cantinas separadas da tropa co gallo de conservaren o halo da autoridade das estrelas de seis puntas. Os xenerais non acoden ás cantinas: é a soidade dos mandos.
–Pode gardar silencio –lee o policía a un detido, coma un dereito. Ó longo da historia, as malvadas máquinas de aplicar tormento nas cadeas, nos calabozos e comisarías duns e mais doutros; o lume, a tortura psicolóxica, todo valeu para entraren na intimidade das persoas, caídas en desgraza, e roubarlles o silencio.
–Pois eu quero falar! fala, se queres, porén se o que dis hoxe, o cambias mañá ou se os teus feitos non van acordes co que proclamas, arruínas o teu prestixio de home de palabra, derivando nun pobre tarambaina. Coida que, ó falares, saen fóra as túas debilidades, cuspindo palabras vas perdendo a credibilidade de teu, mais has de saber que o inimigo anda ó asexo.
Non te estás vendendo ó demo coma as pitas que cacarexan, despois de por un ovo, triunfantes do milagre, pero que, ós poucos vai acudir o raposo, e por lingoreteiras coma ti, van a perderen os ovos e, quizás, a vida. Cando falares, coida que as palabras sexan mellores có silencio, como está a dicir o proverbio hindú. Escoita, pensa e mantén pechada esa boquiña, que o peixe morre pola boca: mellor ser rei do teu silencio que escravo das túas palabras.

















