mércores, 20 de outubro de 2021
Os xogos
O xogo da billarda era moi popular. Había que procurar un pau de medio metro, o palán, e mais outro pau pequenote dunha cuarta, coas dúas puntas afiadas, que se chamaba a billarda. O xogo consistía, máis ou menos, en colocar a billarda á xeito, deixándolle unha punta cara arriba e logo co palán ter habilidade na mao para darlle dous golpes: un pequeno para levantala do chan e outro moi forte no ar para que voase canto máis lonxe mellor. Co palán medíase a distancia entre a saída da billarda deica onde chegara. Despois tiraban os demais xogadores…
As escondidas, tamén se dicía as agachadas, era un xogo máis divertido con moitos rapaces. Por ser un xogo mixto, tiña tamén a súa picardía, se había moitos recunchos ou palleiras onde acocharse.
O salto da mula era un xogo moi frecuente entre os rapaces máis medrados. Colocados en fileira, os nenos de diante agachábanse, mentres os demais ían saltando e agachándose despois por orde. Algúns nenos tiñan moita habilidade para brincar sen tocarlle ‘á mula’; pola contra, outros con máis unto no corpo quedaban encima dela ou caían ó chan entre risas duns e mofas doutros.
O xogo do cravo non se practicaba no verao, dado que a terra estaba máis dura que mol. Marcábanse dous territorios e logo íaselle conquistando a terra ó contrario. Se non cravabas o pincho ou levantabas o pé do chan, perdías a vez. O xogo terminaba cando non tiñas xa terra propia onde poñer o pé.
Buscar os niños dos paxaros era moi entretido. Había que observalos onde voaban coa bicada das miocas ou cos saltóns no pico. Alegrábame moito cando atopaba algún, e gardaba o segredo. Un día, os meus irmaos atoparon tres paxariños de pitos carpinteiros deitados no chan, xa que logo arranxaron unha gaiola de barrotes de madeira e, agatuñando, subírona ó alto dunha trabe dun castiñeiro do souto do sagrado: alí voaban os pais á darlles a bicada varias veces ó día, agás un día que non volveron.
–Non están! picaron os barrotes e voaron –berrou Isidro de 11 aniños dende o alto da trabe máis longa.
–Normal, anormal! mira que te avisei que eran paxaros carpinteiros –dixo Xoán, de 12.
Coidando os eidiños era outra forma de xogar: había que preparar a terra, estercala, sementar as patacas e mailas leitugas, regar de cando en vez á noitiña e esperar deica o setembro para presumir das patacas máis grandes.
No tempo da vendima, suprimíanse os xogos, que había moita xeira lavando as cubas e mailas arcas, e logo a xeira nas viñas.
Os xogos ían cambiando segundo a estación do ano. Era un misterio cando e quen decidía mudar de xogo, mais tódolos nenos aceptaban o cambio como tal cousa.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario