sábado, 31 de agosto de 2013

A desmemoria dun pobo



Naquela, os ribeiráns do Sil e mais do Miño, anos que corrían devagar –días negros de pan centeo, de traballo de lusco a fusco trala gancha na cava das viñas espalladas en socalcos; chancas nos pés, calzóns de pana remendada a cadros, o peto baleiro de cartiños: no seu lugar, un pano para limpar o suor e mailos mocos– seica padeceran amnesia colectiva, pois como o di o outro: Mellor esquecerse do negativo que revelalo.                     
   A xente moza comezara emigrar fóra da chaira, así que –presta atención, nena, e deixa de xogar co gato, se queres que siga a debullar o conto que toca hoxe– os  poucos que quedaron nas aldeas, os máis vellos, acompañaban a súa soidade coas copas de licor café, esquecendo, medio chispas, o presente inmediato e máis o esvaecido pasado até quedaren orfos de recordos e de lembranzas, camiñando mainiños no solpor da súa vida, confusos e descarreirados, que en verdade daba mágoa ver tanto vello desmemoriado como se estiveran deambulando coas velas apagadas nunha procesión de ánimas.     
   Unha bisbarra, antes coa lentura de seu, trocara nun reino sen identidade, e falto de vontade, no que primaba máis vivir o instante hedonista, coma naquel país dos lotófagos, do conto da Odisea, que esqueceron retornar a Ítaca, engaiolados polos aromas embriagadores da  flor de loto.    
   –A odisea é un dos libros que máis me gustou dos recomendados polo meu pai: sentíame no rol de Penélope, esperando o regreso de Ulises, tecendo de día e destecendo o manto pola noite, máis se debe perder a esperanza, máis!                                                    
   –O teu inciso cadra axustado, certo, porén non me tornes a auga deste rego deica que chegue ao seu cabo.     
   Escoita, mantén a orella tesa e a boca pechada, como che estaba a dicir: Non había forma de recoller información da intrahistoria da bisbarra de Caldelas dos últimos cincuenta anos. Houbo un intento, certo, coa tese de doutoramento dun universitario da USC, que levaba por título: Os Esquecementos da Ribeira Sacra, aínda que tal proxecto non chegara a fraguar por causa da seca da información.                                                           
    Así que este tramo do século XX aparece na páxina da Historia da Ribeira do Sil cunha folla en branco, panorama tal que xa antano recollera o historiador Tácito no seus Anais, falando doutros lares e doutros momentos: locus et tempus, tanquam tabula rasa in qua nihil est scriptum –deixara escrito fai xa unha morea de anos.                                    
    Cumpría, emporiso, documentarse, enmeigado o meu maxín nas horas previas a pegar no sono, co libro Na busca do tempo perdido de Marcel Proust, xa que logo habería de solicitar audiencia a Hawking co gallo de arranxar, no meu obradoiro de escritor cazapasados, un teletransportador ou máquina voadora, entrerprice, para o honor de ser o primeiro cronoviaxeiro en volver ao territorio trillado do pasado.                          
    –O aroma espirituoso da augardente, tras o repouso co café tostado, non pode causar tanto estrago, borrando páxinas dos quefaceres dun pobo nin que fose o disco duro coas anotacións de Bárcenas, coido que te estás quedando comigo: o que me contas son quimeras ou andrómenas que tecen as musarañas e mailos biosbardos –díxolle a neta, mirándolle aos ollos chispos, mentres lía o título do libro da mesiña de noite do avó, Xente de aquí e de acolá, que tempos atrás tecera de realismo máxico don Álvaro Cunqueiro.

mércores, 21 de agosto de 2013

A caixa de zapatos




O gato persa acochou nun beiril do faio da Casa de Viana (Parada de Sil). O avó, coas netas que viñeran de Madrid, subiu pola escada á súa procura. As nenas, cos ollos abertos coma pratos, escudriñan o fondo das arcas que alí repousan dende a época de María Castaña, desexosas elas de atoparen algún tesouro: deseguida cravaron os ollos nunha caixa de zapatos, que aparecía atada cun barazo; desbarataron a lazada, e abrírona con tento e coa ollada curiosa de cando reciben o aguinaldo envurullado en papel de cores; dentro da caixa, un atado de estampas, xa esvaecidas polo paso dos anos; riparon unha e ofrecéronma; boteille unha ollada polo miúdo, mentres me perdía mergullando nos aluvións da memoria:                                                           

   “O mudo botaba uns berros de oso cavernícola que facían abanear o mundo, mentres camiñaba toleirán cara á igrexa, debuxando eses na estrada de terra prensada: amosando pola curva de Pedrachá, soaban as tres badaladas que marcaban o intre de saír o cura da sancristía para oficiar a misa. Entón, reinaba un recollido silencio, de certo fuxidío, que aínda non chegaran os de Viana, amosando o nariz pola porta lateral da igrexa: adoitaban coincidir co inicio da lectura da carta aos corintios.                                              
         
   –‘A porta, pecha esa porta, mecagoenningúndios!’ –exhalou un berro xordo o Petís coas orellas quentes das frieiras, que lle proían coma roídas polos ratos–. Lourén, no caso de abrir o ollo coma rei dos luceiros, a néboa, que suaba o río Sil, apagáballe a luz peneirándoa, momentos fuxidíos de luscofusco que aproveitaban as vellas saídas dos seus cubís co gallo de queceren na soleira do Val, na parede da cortiña da Trinidá do Cruceiro, mentres o tempo ía tirando delas, fiando la co fuso que lles bailaba nas mans, ‘engarabitadas’ pola artrose, coma xoguete ioió, arriba e abaixo, ou zurcindo os calcetíns dos homes que lles comían as chancas nas calcañeiras.                                                                                                 
   O crego repartía o pan consagrado a tódolos veciños que se achegaban ao altar; mesmo, á mestra de Barxacova da que se dicía que o seu donaire de femia lucida engaiolaba aos homes máis recatados e, mesmo, aos mexapías: dous ou tres da parroquia mexaban auga bendita polo cano da minga, con perdón, tralo rosario de novenas, velorios, misas e mais cabodanos. Porén, ao Mudo, non! que, o pobre quedaba a velas vir coa boca aberta coma paxariño esperando a bicada, sen dar un chío, o pobre: a doutrina antiga dicía que non era merecedor de recibir o pan de Deus por falta siso; a señorita mestra, pola contra, co siso ben tecido no caletre e con atributos de femia lúbrica na periferia, seica resucitara cun bico de cereixa a un mozo afogado na fervenza do Cachón do río Mao, botaba a lingua de vampiresa para recibir a Deus, e mais a quen for, que lle cadraba máis o nome de Xenerosa có nome de virxe Pura.                                  
       
   –‘Lo que se vayan a comer los gusanos que se lo coman los humanos’ –disque lle deitara ao cura, de boca a orella, dende o fol dos peitos o alento húmido de labios de fresa polas celosías do confesionario.                                                                                   
       
   Sucedeu no monte. Amosou o lobo polo portelo dunha tapada e, tras loitar un anaco a nai coa fera, defendendo ao seu fillo cunha forquita de ferro, o canis lupus fuxiu co rabo entre as canelas, mais como non puido roubarlle o neno, considerou non retornar baleiro coa cabeza gacha á fraga de Maraván, arreando cun año paticoxo que estaba acochado nun leito de fentos: hai quen di que o lobo aquela tarde lle roubara a fala de xente estando ao acubillo dun cesto, onde acudiu o lobo cos dentes regañados, babexando cuspe ao ventar o cheiro a carne de cristián. Dende entón, coas palabras aterecidas no ceo da boca, o neno de Bouzas padeceu de mutismo, ouveando ás veces coma un lobo. En troques, na fraga andaba un lobo que choraba coma un neno nos intervalos da noite pecha nos que a curuxa calaba.                                                        
        
   A historia do Mudo de Bouzas está avaliada por un recoñecido doutor, finado tras mal aire que, segundo dicían as mulleres no lavadoiro, lle deitara a meiga de Torbeo, a endemoñada Filomena, polo burato dunha orella, mentres, cos ollos fuxidíos en crise, conectaba co demo con quen tiña un pauto. ‘Chavaras, busca viño, busca pan que mañá te enterrarán’ –díxolle así polas boas.                                         
   –‘Os lobos son a causa do síndrome do mutismo selectivo que lles rouba aos nenos a fala de cristián nas noites de lúa chea’ –diagnosticara o doutor, don Otilio Taponato, otorrinolaringólogo con praza en Lugo. Foi a derradeira verdade que dixo, antes de visitar á meiga de Torbeo, que daba conta da orixe dos males, dos quebrantos e mais da hora que marca de negro a parca na súa axenda.              

   E como remate, disque o Mudo de Bouzas así mesmo cambiara de banda  afogando ao quedar sen aire polo atranco cunhas palabras articuladas de consonantes oclusivas trabadas na gorxa, síncope de abertura afásica que se di, véndose ceibe do illamento de mudo por ollar preto dun a boca dun lobo, mais como di o outro: ‘Non me regales panos, que xa non teño mocos’. Desto xa medraron os carballos, claro”.