martes, 30 de novembro de 2010

Corazóns solitarios




Os vellos queixámonos baixiño dos achaques de noso, porén mentres un poida, seguirei a mexer nas miñas cousas: ó cantar o galo no poleiro, baixo ó alpendre a por unhas achas de carballo e mais  unha puñada de uces e prendo o lume na cociña económica, tras os primeiros fumes, axiña poño as maos por riba do fogón: xa quentes coma roxóns, coa sensación de quecer de arriba cara abaixo, ando a rebulir na casa de acó acolá un anaco, facendo que fago sen facer nada, mais de alí a pouco o meu corazón, solitario, malferido dende o último inverno que me deixou a Xenerosa, foi entumecendo pola friaxe da súa ausencia: nestes días de novembro, nove meses compren para nacer, nove meses para a caída da folla, avisoume varias veces de se calar, que está moi traballado como o meu vello Seat 600...


venres, 26 de novembro de 2010

Unha ninfa na Ribeira do Sil

           
 San Adrián, Sacardebois (Parada de Sil)

“Mándoche a lenda de Azud de Vill, pra que me contes o que che parece este recorte que saíu publicado nunha revista de Unión Fenosa de fai máis de 15 anos.O conto vén firmado por Fontenla. Eu téñoo gardado dende aquela época polo interesante que me pareceu. Un saúdo, Alberto Fraga”.

A lenda vai dunha moza loura, de nome Azud. (Dana, nesta nova versión). Quince primaveras en flor foron deixando a marca de fermosura na figura esvelta desta moza de longas trenzas e ollos claros, engaiolantes e sedutores. De cando en vez, abrindo o ollo do luceiro, víase saír ás agachadas dunha palloza que había nun recuncho da Aldea de Abaixo de Amandi. De mañá cedo, baixaba polo camiño das Forcadas cara ó río, alegre e cantareira.

            Nesta ribeira de Lemos, que mira a Caldelas, viñera ó mundo en raras circunstancias ó pé da fonte de Amandi, un precioso lugar para abrir os ollos e ollar o mundo por primeira vez: a que se dicía ser a nai aparecera coa nena no colo entrando na aldea, sen que ninguén se decatara de haber estado preñe. Porén, durou pouco a ledicia naquela casa: unha tarde desafortunada, contando a nena cinco anos, a coitada nai desapareceu afogada nunha poza do río Sil, nun intento de salvar a Dana, que gustaba das brincadeiras nas augas, mergullando nas pozas e remuíños de funil que se formaban no río antes da represa de Santo Estevo.

            E como unha desgraza, ás veces, vén de reata con outras que non son mellores, o home desta veciña de Amandi había anos que andaba escalazado polas terras de Estremadura vendendo mulas de acó acolá, disque lle pegaran dous tiros unha panda de bandoleiros, cando baixaba coas reatas ó abeiro das moscas, aproveitando a lentura do resío, dende o alto do Piornal a Castiñar de Ibor. Desto, xa se encheron un mangado de veces os ríos subterráneos e se baleiraron outras tantas coas secas, como podemos comprobar polas biqueiras das fontes, que unhas veces están a brotaren auga a cachón e, pola contra, noutras só destilan un delgadiño fío.

            Como resultas do que estou a contar, a moza de Amandi, de dourados cabelos, tomou amparo na casa dunha tía solteira, chosca dun ollo por saltarlle o globo da cunca ocular nun esbirro endemoñado, que lle viñera de golpe cando estaba a ripar a herba na palleira vella: disque tan fortes e continuados foron os tusidos, liberando os gases formados por baixo dos miúdos que, mesmo, estivo a piques de botar os fígados a coitada muller.

            A nena, con poucos aniños, axudaba ós veciños apañando guizos para o lume, limpaba a borralleira das lareiras e acudía á fonte. As mulleres, á espera de encheren as olas, andaban con dixomedíxomes de que tería o meigallo aquela nena fada polos feitizos propios dunha meiga: de cando en vez, unha moeda de ouro aparecía rodando polo cano da fonte, cando Dana ollaba como se enchía a ola de auga de Gundivós.

            A nena, cun sorriso nas meixelas, ó chegar coa ola encima da rodela, dáballe a moeda a súa tía: seica as estaba xuntando para mercar un ollo de cristal a un vello oculista de Lugo.

            Unha cunca de caldo, unhas castañas asadas ou pilongas cocidas cunha miguiña de leite e mais unhas codelas de pan cunha lasca de touciño eran o seu consolo e recompensa.

            Os anos foron pasando, devagar, e a nena medrou amosando ser unha mociña agraciada e alegre, que daba gusto vela. Por aquela, baixaba tódolos días dende Amandi ó cenobio de San Adrián, na banda de Caldelas, a ser a princesa dos freires máis que criada: unha moza tan fermosa non podía estar fregando os potes na cociña dun mosteiro.

            Dun tempo a esta parte, o barqueiro de Meixide, non daba creto ó que estaba ollar na ribeira de Amandi. De mañá cedo, cos primeiros kiquiriquís dos galos dos poleiros do redor, daba un brinco da cama para espreitala, acochado trala ventá da súa alcoba: cos primeiros raios de sol, aparecía, por encanto, aquela moza misteriosa á altura das Forcadas, percorrendo os camiños de ferradura, de présa como un espírito alado, cara ó río Sil.

            Na beira das augas, por entón claras e bravías, repousaba un anaco para as ablucións matinais. Rematada a liturxia da purificación, a moza, núa como a deusa Venus, desaparecía nun tris mergullando baixo as fervenzas como ninfa náiade, parece ser que era. O barqueiro, seducido polos seus encantos, quedaba coa boca aberta, pois tal fermosura en muller non se vira por ningures.

            Logo, o mozo, co sentido no aire, subía de présa cara a fonte da Costrela. Alí, escondido tralas balaustradas da palleira que había por riba, esperaba á Dana, asexando, a piques de ollar como ía brotar a ninfa de Amandi polo cano da fonte; entón, o corazón comprimíaselle de devoción e de temor, dándolle por rezar, teimando en persignarse, como se tratar da aparición da Virxe das Neves: fermosa, fría e distante.

            En menos tempo que canta un galo, a náiade recuperaba a cor de seu e a figura esvelta de muller moza e guapa. Logo, inclinando a cabeza suavemente para beber auga da pingueira, sacaba unhas moedas de ouro do peto da saia e, paseniño, ías deixando caer na pía unha a unha: o barqueiro ía lendo nas sucesivas ondas, que se formaban na auga da pía, versos dun amor imposible.

            Logo, púñase andar cara San Adrián, como tal cousa, estalando campaíñas de estalotes e apañando morotes, mentres cantaba romances á beira das fontes. Logo ía indo, devagar, polo camiño que unía Bouzas con San Adrián, onde se abría nunha forcada cun gallo cara arriba, a San Lourenzo, e mais outro cara abaixo, a Barxacova.

            Así e todo, poucas veces se deixaba ver: mostrábase fuxidía das persoas e máis de sospeitar de mozos agachados nos recunchos dos eidos, entón buscaba o líquido elemento, onde houber, para percorrer as correntes de augas subterráneas, as cales, de cando en vez, asoman na superficie en forma de mananciais, sabedora de poder deixar cegos ós mozos, de escoitaren as súas doces cantigas.

            Dana, a náiade do Sil, santificaba as fontes coa súa presenza, deixando unha moeda de ouro, como testemuño da súa condición: Fonte das augas brancas, Fonte das neves da Costrela, Fontefría da fraga do cichón, fervenzas de Maraván... todas elas, augas milagreiras por daren fortuna e lavarlle as culpas ós que beberen estas augas santas ou se serviren delas para as pías de bautismos e das portas da igrexas; para purificar as estancias, para as alcobas de matrimonios en idade de procrear e para espantar o andazo das camas dos nenos.

            Disque na hora dos anxos, as doce do mediodía, Dana, axiña de ser peiteada ó sol por unha dama de compaña, sentaba nun trono de prata empoleirada no más alto de cenobio de San Adrián, na soleira do balcón da última fiestra do cenobio, para sacarlle brillo ás moedas cun pano de seda de cores. Moreas de moedas de ouro en cestas de fino castiñeiro bravo, porque moita era a riqueza que esta granxa do Mosteiro de Montederramo recadaba polos beneficios de viñas e soutos traballados polos criados dos freires; ademais dos foros, arrendos, décimos e primicias dos labregos da contorna: de cada dez peixes das pesqueiras do río, un era para os frades; de cada dez moios de viño, un para os freires e así de cada dez ferrados de castañas...,  de maneira que, gran a gran enchían as tullas e mailas cubas.

            Mesmo, o abade da freguesía de San Martiño de Sacardebois non se vira dispensado de pagar catro galiñas poñedoras ós freires do Priorato de San Adrián por cada San Martiño, en concepto de aforo da casa, soutos e hortas que recibía o Casar de Viana ( 'viana', terra que linda coa 'vía', neste caso co camiño real que xunguía a ribeira do Sil coas terras chas do alto da montaña de Forcas).

            Di a lenda que regresando Dana do mosteiro cara Amandi, unha tardiña de verán, na altura da Casa nova, un galán montado nun cabalo branco, de nome Gustavo, que acostumaba percorrer a galope os camiños vellos da ribeira co gallo de facerlle as beiras a moza de Amandi, un día prendeu a Dana pola cintura e desapareceu con ela, esporeando o cabalo a galope cara arriba. 

            En Villarino, días despois, íanse celebrar as nupcias da fermosa dama co fidalgo Gustavo, fillo vinculeiro de dona Mathilde, única herdeira da Casa dos Pretos de Cancedo, que por entón vivía retirada no castelo de Maceda. Antes da cerimonia, os noivos, vestidos cos traxes da voda, perdéronse dos invitados na beira do río Mao: Dana vai quitando o vestido de noiva paseniño, con tento, mentres o namorado estaba a seguila con ollos de peixe; porén, nun intre inesperado, érguese unha mura xigante para reter a auga do  Mao,  río humano, separando á parella na confusión do balbordo.   
           
            Dana, noutra banda do encoro de Villarino Frío, di adeus ó coitado fidalgo, o cal queda paralizado, plantado de pé como toro dun reboiro centenario.

            Logo, nun chiscar de ollos, desaparece a ninfa de longos e dourados cabelos, mergullando como un salmón a contracorrente das augas do río, volvendo a brotar, ó solpor, na Fonte do Oso preto do bidueiral da serra de San Mamede cunha moeda de ouro na boca.


Lugar, onde os druídas erguían aras nos carballos e bidueiros vellos e teñen xuntas nos claros do bosque as  lavandeiras, as fadas feiticeiras, os trasgos, os gnomos, as nereidas, os elfos... 

xoves, 18 de novembro de 2010

Parada de Sil, a Vella de Requián

                                              
Requián é una pequena aldea da parroquia de Parada de Sil. Atendendo a súa etimoloxía, foi antano vila Reccilani, é dicir vila de Reccila, fillo do rei xermánico Hermerico que reinou polos anos 400 e pico.

Nesta aldea de tanto copete viviu unha muller máis bruxa que meiga, dende aquela xa chovería para enche-lo encoro de Santo Estevo ou, sendo máis comedido, deberon medrar dúas cuartas os carballos da fraga da carballeira de Maraván. Ninguén recorda como se chamaba: os máis vellos dos vellos do lugar, que por entón eran uns raparigos, lémbrana co xenérico de a Vella de Requián, que eu poño con maiúscula, porque non foi unha vella calquera. Abofé que non.

A madeixa do conto cómpre desenredala con tento, leva tantos anos recollida, que se pode enmarañar. Bótame unha mao, ho! agarra o fío e vai tirando paseniño:

A Vella de Requián percorría a bisbarra de Caldelas camiñando, acochada, polo fondo das carriozas que serpean entre os pataos das viñas da Ribeira do Sil; outras veces, gustaba máis dos camiños abertos de carro que unen as aldeas da montaña; de cando en vez, tamén se vía como alma en pena polos de ferradura rubindo dende Barxacova, San Lourenzo, Senra e Casa do vento ou baixando dende os Fiós, Espiñas a Entrambosríos ou Rabacallos: parece ser que sentía cóxegas nas orellas de escoita-la carraca dos muíños, cando estaban a traballar moendo millo ou centeo, mercado na montaña ou na chaira de Lemos.

Tiña sona de muller tarambaina, camiñando sen acougo de acó acolá. Percorría oito leguas ó día coas mans agarradas a un pan. Máis dunha vez, vírona nos Milagros; outras, aparecía osmando entre os postos na feira de Montederramo, latricando soa, ou alá enriba no cumio de San Mamede cos brazos abertos, cismando ó Altísimo de conseguir non sei que dons e, mesmo na feira dos bois de Chandrexa de Queixa. Abofé que estaba en tódalas partes, fuxidía e omnipresente coma Deus.
Facíalle un buraco polo cima, metía a man no pan e íalle comendo o miolo: metíao na boca e, envolto en cuspe, engulíao para dentro coma un pavo, malia de estar fraca, na mesma espiña como os diaños en Semana Santa.

Disque devecera polos terróns de azucre, de cando moza ía coas ovellas para o monte, e que lle caeran os dentes cos primeiros afogos da menopausa, que se lle presentara prematura, dun mes para outro, sen darlle tempo o seu home de facerlle un fillo. Así pois, había xa anos que non podía rilla-las codelas de centeo, porén gustaba moito molla-lo pan en viño con azucre, a xeito de sopas, ó saír quente do forno. Lambona de vella!

De condición de ser unha mullerciña, diría eu que máis anana que pequena, en troques, iso si, lixeira de corpo e viva de mente coma unha carriza. Presumía de levar sempre un pan sen encetar, agarrado no peito coas dúas mans de dedos curtos e medio murchos que non lle debían valer nin para escarvar nos buratos das orellas.

–Xa vas con outro pan, Carriza? –preguntábanlle os veciños–. Como resposta, botáballes a lingua de cadela esfameada, que mesmo daba noxo vela babexando cuspe. Non levantaba máis dun palmo, mais era toda ela veleno.

De tanto camiñar e pouco comer, pola noite no leito de xergón de follas de millo, brincábanlle as tapadeiras dos potes por riba da cabeza; outras noites no percorrer ceibe do seu soño confundíase no ar, envurullada nunha nube de lá, deixándose levar nunha viaxe a ningunha parte. A coitada estábache tola de todo.

Dende había anos, metéraselle no caletre que o Benigno, o seu home, andaba a facerlle as beiras a Xenerosa, mentres ela desaparecía polos camiños da contorna. Era esta muller, a Xenerosa, unha veciña de Teimende aínda de bo ver, de patas gordas e moi lucida de peitos, que daba gusto vela camiñar contornándose, exuberante de curvas, os domingos cara a igrexa coa cara lavada e vestida de cores de festa. Por causa desta muller fermosa, como a vaqueira da Finojosa, por envexa a Carriza deixara embruxado ó Benigno: quedara castigado, de por vida, de mirar sempre cara arriba, vivindo sen atinar onde poñe-los pés: só tentando coa mao podía ata-los mallós da chancas. Dada a súa condición de mirar ó ceo, aprendeu a predici-lo tempo: moi solicitado o seu parte meteorolóxico, de tocar sega-la herba nos días de verao. Toda a vida cargou o Benigno, o coitadiño, co alcume de O’ Miralcielo que lle puxeran os rapaces malcriados da escola.

–Non podes ollar outra cousa, sempre cos ollos cravados, fitando nas pernas e nas tetas da pendanga! Vas andar de cabeza, de cabeza en alto, xa verás, xa!– tronou a vella unha noite dende o leito de follas de millo.

As pitas da Xenerosa tampouco se libraron do mal fado. A Carriza pasaba a noite debullando como amolala ben amolada. Disque a viran agachada detrás dunha parede cunhas codelas de pan, preparando o meigallo. Dende entón, as catro galiñas do poleiro da Xenerosa comezaron a camiñar a unha soa pata, seca e encollida a outra baixo unha á, dando pequenos brincos cara o poleiro no solpor ou fuxindo polos eidos do zorro e do gabián á pata coxa: era moita a pena que daba olla-las pitas, decotío deitando ó chan ou intentando inutilmente erguer en voo, dígocho de min a ti, coma os amigos que están no mesmo choio, neste caso desenredando comigo a última volta da madeixa do conto.

Unha mañá de novembro, a Vella de Requián apareceu morta no camiño de carro que baixaba ó mosteiro de Santa Cristina, cuberto por entón dunha alfombra de follas marelas e ocres caídas pola ventada nos días de defuntos cun pan sen encetar quentándolle o corazón, fatigado das andainas. Morreu tan vella que non chegara a prender na escola a conta-los anos que tiña.

As campás de Santa Mariña de Parada de Sil tocaron a defunto, tristeiras, mentres os rapaces do lugar cantaban no recreo:/Tin, tan/ pola vella de Requián./As codelas non as quere/o miolo non llelo dan./Tin, tan, tin, tan./

xoves, 11 de novembro de 2010

O Magosto de Sacardebois, rimas ripias.




Unha fogueira de cozos,
de caracochas, ardendo.
Festa dos druídas,
é o inicio do inverno.


Estoupan os foguetes,
nos eidos, ermos.
Estoupan as castañas,
na cociña quente de ferro.

                                                     Brasas de cozos de cepas vellas,
                                                     chourizos asados, lume do inferno.
                                                     Viño novo, mencía, das Albeanas,
                                                     xerro de Gundivós, espumando, dos cubetos.

domingo, 7 de novembro de 2010

Consideracións despois da visita do Papa


Chegou Bieito XVI a Santiago e veunos co conto, cando menos esaxerado, do laicismo activo, do relativismo, do anticlericalismo radical, semellante ó da República, non querendo ver que na España actual non somos anticlericais nin tampouco radicais, vai tempo que asumimos o Estado laico e liberdade relixiosa e que xa non andamos na queima das igrexas, pola contra estamos a financiala cos nosos impostos. O que pasa é que somos indiferentes á cousa relixiosa, porque non se ve coherencia entre o que predican e o que fan os que están dirixindo o choio.Tamén a súa mensaxe, ancorada no pasado, non atrae á xuventude, só a base da igrexa coa súa dedicación silandeira se salva da poda.

O Papa veu a Santiago a ofrecernos o credo da fe dos nosos avós, que vai camiño de ser esquecido na España moderna, malia de ser antano a reserva espiritual de Occidente.

O pastor Bieito XVI, experimentado no santo oficio, veu co encargo de devolver ó rego ás ovellas descarreiradas, unha desbandada nos últimos anos, malas pécoras!, quéreas de novo recadadas no seu curral, mailas ovellas de hoxe xa non son tan gregarias como as de antano nin gustan camiñar por carriozas estreitas, nin están dispostas a baixa-la cabeza, de aparece-lo lobo metendo medo; nin, mesmo, escoitan as prédicas dos últimos pastores, a piques de se extinguir, que en balde están a sermonar nos eidos desertos de almas e elas, medorras, esquecendo que un día foron marcadas coa sinal da cruz. Abofé que non se ve xeito de pastorear un rabaño tan descarreirado.

De Santiago, que representa a tradición da Igrexa, o Santo Pai voou a bendicir en latín a basílica da Sagrada Familia. Institución social profanada polos sociatas, segundo os peperos, ó sacar da manga –din eles– formas de matrimonio que nada teñen que ver co étimo mater. A nova Basílica consagrada, de Gaudí, representa a modernidade da sociedade española e a familia, un ben que o Santo Pai quere revalorizar como núcleo onde se han de asimila-los valores cristiáns.

Res dificilísima, certo, casar a tradición co progreso: cómpre levar a cabo o aggionamento da Igrexa cós tempos que corren antes que sexa demasiado tarde e se acabe o choio.

Los católicos están dejando las iglesias vacías – afirma El País.

–Xa non devecemos por estar atados a ningún credo, da cor que sexa, que non queremos seguir a comulgar con rodas de muíño, non necesitamos nin guías nin salvadores, porque, grazas a Deus, na España do século XXI xa non hai tantos parvos. Buscamos ser donos da Liberdade para pensar e decidir como antes os ilustrados, doutra banda dos Pirineos, a puxeran nun pedestal.

–Ai de vós! pécoras pródigas, a onde ides sen pastor, andádevos con tento que hai lobos soltos, cativadores, que os hai que amosan seren inofensivos como años co seu mirar magnético de azul claro baixo cellas arqueadas. Zapa, vade retro, zp!

O tempora, o mores! –Cicero dixit– xa non rezamos ás reliquias de San Pantaleón nin imos na busca do Santo Grial. Parécennos estar trasnoitados os curas célibes e as sores, virxes; as guerras santas, as bulas papais, os xubileos e mailos anos santos; tampouco corren os tempos de debulla-los rosarios dolorosos, gozosos ou gloriosos; nin se escoitan, dende hai anos, nos internados de seminarios e noviciados as ladaíñas e mailos latines que eran de seu, nin os cánticos gregorianos de misas de angelis de coros de voces brancas. Dime que pintan hoxe os cilicios, os escapularios, os velos, as velas e mailos velorios?

El número de nuevos adeptos disminuye y el de de personas, que deja de creer en la Iglesia, aumenta –informa El Imparcial.

Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, púlpitos e confesionarios, limbo de xustos e de dindáns, autos de fe, condenas, responsos, inquisicións, san benitos penitentes, infernos de tormento eterno, legados patrimoniais ós mosteiros e demais beneficiarios... R. I. P.

Mandamentos de Deus, mandamentos da Igrexa, mandamentos do catecismo, encíclicas dos Papas, exercicios espirituais, sermóns guías do camiño a seguir da nosa conciencia para o seu curro redentor.

Duns anos a esta parte, ventos transvesais iconoclastas e laicistas corren polos eidos do saber, polas tribunas e palestras, polas ciencias e conciencias:"Non cómpre invocar a Deus para acende-la mecha e pór en marcha o Universo", agrega Hawking no seu libro The Grand Design.

El barómetro del CIS afirma que sólo el 13% de los católicos va a misa.

Entón, que facer coa bagaxe espiritual, cultural e económica acumulada século tras século?

Non podemos facer tábula rasa desta riqueza fraguada dentro e pola Igrexa Católica, aportada polos bautizados que, gran a gran, encheron esta tulla. De non contar con este patrimonio, celosamente gardado polos abades, bispos e cregos, non poderíamos entender a historia, o arte, a literatura, a arquitectura nin as distintas formas de organizarse a nosa sociedade. Patrimonio riquísimo de libros escritos nos mosteiros no medievo e posteriores, o berce das universidades co trivium e quadrivium, as pinturas barrocas, as catedrais góticas que debuxaron iconas e perderon a gravidade material, tirando delas os pináculos e mailas agullas con vocación de gaña-lo ceo.

Sen esquecer, no medio rural, os beneficios dos mosteiros, de capelas, dos oratorios e dos petos de ánimas; as imaxes sagradas das pedras dos cruceiros, que limparon dos camiños de maleficios de bruxas e de diaños noitébregos. Camiños a Santiago, marcados de pontes, igrexas e hospitais, monumentos de pedras que falan soas doutros tempos gloriosos, mais agora escoita: “nas pías da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben os cans” –espetoume este verán un paisano da Ribeira Sacra ó pé do mosteiro de Santa Cristina, afundido no silencio dos soutos de orat et laborat, do Canón do Sil.

Con todo e iso, se ti es cristián practicante, non te debes preocupar, porque disque despois dunha crise ou dunha poda axeitada (que lle cómpre tanto a nosa Igrexa despois de medrar vinte séculos, está hoxe feita unha caracocha que vai tirando sen zume, con gallas secas que hai que cortar e bravías que cómpre podar co fin de enxertar novos abrollos) coido que vai brotar unha nova comunidade cristiá, pequena, asentada nas súas raíces, porén máis auténtica e fortalecida: o consabido retorno da historia cíclica.