domingo, 23 de outubro de 2011

A carreiriña dunhas galgas

“Hoxe, oito de xullo de mil novecentos cincuenta e dous, o día alborexou  sen nubes no ceo. O pai co Luís, 'o Petís', o criado, e dous homes de Lemos foron co caldeiro de cobre, que se mercara polos devanceiros  na feira de Sober, dar a cuarta mao de sulfato de cobre ás viñas de Barxacova. Tamén lles zorregarían uns foles de xofre para previren os fungos, que poden amosaren no ceo nubeiros e botarse a chover, que dun tempo a esta parte, o tempo anda tolo coma un tarabelo de pechar as portas. 

"Ó mediodía, mandeille polo Ricardo, uns cachelos con iscos, unha lata grande de sardiñas xoubas, a Rianxeira, e mais metade dun queixo de Zamora, coido que mollando a palleta da bota, xa teñen dabondo…, deste xeito reza o diario da miña mai escrito cunha plumiña de mollar no tinteiro nun caderno de escola atopado dentro dunha arca do faio entre papeis testamentarios xa medio roídos polos ratos, abofé, unha mágoa.

E continúa a miña mai debullando día tras día as trasnadas dos seus fillos: Xin, Xan e mais Pon, que así se facían chamar de pequenos, acompañados de Luís do zapateiro, o 'Milhomes', outra boa peza que engadir á camada 'destes pillos'. 

"Mira que meterse dentro do oco dunha torada podre de castiñeiro!, lamentábase por entón a miña mai: son uns trastes! Non hai xeito de domealos, de que entren ó rego como Deus manda, pero decotío saen airosos das súas falcatruadas como os gatos que teñen sete vidas, pois iso. O pai estame a dicir que me deixe de mexericadas, que así aprenden a vivir, aínda que non sei, se calquera día poida pasarlles unha desgraza. Vouche contar o que matinaron, os pillabáns, días antes da festa do Carme:

"Os catro rapaces coas canelas ó aire achancaban lixeiros camiño arriba, pisando as pedras do camiño real que xungue a ribeira de Parada de Sil coa montaña, lucindo chanquiñas ferradas de cravos novos, guindándolle unha chuvia de coios a unha raposiña que fuxía, espavorecida, cara á fraga do Covelo que se perde por riba da Casa de Viana: en chegando ó alto do lameiro do Cabildo, no cruceiro do Rouso, onde se abre un ramal cara Forcas mais outro cara Vilar, nesta forcada a raposiña desapareceu.

–Olla con tento nun recuncho ou nun burato da parede.

–Levouna o demo, non está, pois entón bótalle unha ollada polo oco da torada podre de castiñeiro, dixo Xin con voz de mico.

"O Luís, que estaba moi esmirrado, o pobre, sen pensalo dúas veces, foi esvarando como unha cobra polo furaco da torada, mentres coas maos ía escachando a madeira desfeita polas termitas e botándoa fóra como fan os coellos coa terra, cando están a arranxaren a súa tobeira.

"A raposiña, que estaba alí dentro agachada no seu lar, ó decatarse do raparigo intruso, entroulle tal medo no corpo que saíu disparada polo outro extremo, varrendo co rabo da vasoira, que é de seu, as pegadas que ía deixando polo camiño. Trala raposa, apareceu o Luís con dúas plumas vermellas e outras tantas negras: son as plumas do galo!, dixo, que desaparecera unha tardiña do mes de xuño antes encerrar as pitas no poleiro.

"Agora –dixo o Xan– imos botar unha carreira de galgas polos eidos abaixo. A lousa que chegue máis lonxe é a que gaña. A primeira pedra que caia ó chan ou a que chegue última perde a carreira. Si, vamos...eh, vai gañar a miña! –sorría ledo o Xan.
"Entón, vai o Xan e díxolle ó ‘Milhomes’: Entra outra vez polo oco da torada que me quero arranxar un sombreiro con follas de castiñeiro cosidas coas agullas que caen ó chan do piñeiro da adega e mais unhas plumas temoneiras do rabo do galo que axiña vou oficiar de indio navalla… o neno do zapateiro, sen encomendarse nin a Deus nin ó diaño, foi entrando pouco a pouco pola boca do furado até que lle desapareceron os pés…  o Xan, de golpe, saltou dado un berro, e coas zocas e coas maos sacou forza dun malvado xigante para remexer o calzo que estaba retendo á torada, a cal ó verse ceibe de atrancos axiña comezou a rodar ganando rango que metía medo lameiros abaixo enfiando o río Sil.

"Cando a torada oca, co Luís dentro, estaba chegando á estrada polos lameiros abaixo, o corpo do neno da señora María do zapateiro estarricou tanto, quizais pola forza centrífuga do movemento, que lle amosaban os pés por un extremo e a cabeza polo outro, a piques de se desconxuntar, o pobriño. Porén, como Deus dá unha a tortas e outra a dereitas, o neno, que baixara fuxidío dentro do tronco-móbil como foguete a reacción ó rebolos polos eidos ladeiros abaixo dentro da torada cara ó Sil, non chegou a se esfarelar, aínda que estivo a piques... ben moído dos golpes si que che quedou.  Parece un milagre, pero nin escachou un óso, porque a torada, que baixaba tola, atinou no seu percorrido coa laga do señor Avelino do Val e nun amén apagáronselle os aires, ficando queda, aboiando na auga. O Luís, medio pampo polo mareo da viaxe como gran na moa dun muiño, foi saíndo do oco da torada e coas maos (tiña medio corpo fóra da tobeira como se fose un verme saíndo da crisálida: cavila un pouquiño, é o verme o que sae ou é unha bolboreta?), mal como puido, foi remando cara a parede da laga. Ós poucos, apareceron os outros nenos, rindo ás gargalladas e, axiña, disque matinaron outra das súas. 


Casa de Viana, parroquia de San Martiño de Sacardebois, ano de mil novecentos cincuenta e dous, sendo de xullo oito días andados.

.

venres, 7 de outubro de 2011

Castañas louras


A lectura das seguintes rimas, ripias, débese acompañar de música celta para diluír a disonancia e desaxustes. Prende os teus altofalantes! Déixate levar cara atrás co  xiro do triskel druída.             
   
Mentres pingan as castañas no souto do Frade,
e renexe as follas o nordés rebuldeiro,
outros andan á procura dos mortos,
en San Vitor, no alto do cumieiro. 
 
                     
                                                                                                                             
Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas
para comer coas mozas  catro castañas asadas (C. pop.)

 Ferve o viño nos cubetos, 
 cerrotes nos cortiñeiros, 
 no luar dun claro de acivros, 
 tres druídas menciñeiros.  
                                                                         
 
                                                                            Foto de Rosa Villar Pumar    


Acabáronse as vendimas e veñen as esfollada 
para comer coas mozas catro castañas asadas.  

Xa regañan os ourizos, 
xiran os triskeis rodeiros; 
a néboa, peneirada, 
dorme encima dos Piteiros
 
 
    
 Acabáronse as vendimas  e veñen as esfolladas 
 para comer coas mozas catro castañas  asadas.  

  Bailan as follas co vento,  
  tapan o sol tres muiñeiros.  
  Nos soutos Xirás e Frade,  
  disque aúla o can cerbeiro. 
                    

Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas 
para comer coas mozas catro castañas asadas. 

Dúas mozas namoradas
de dous mozos brincadeiros
asan castañas louras  
para os xogos no fiadeiro.                        

Acabáronse as vendimas e veñen as esfolladas
para comer coas mozas  catro castañas asadas.


Castañas do souto de Merilán,  
pilongas do sequeiro,  
a  paparen, calados,  
os freires do Mosteiro.     
         
Fotos de Pablo Corrales, de Carlos Fente e de Antón Rodicio. 
                   
 
 
     

luns, 3 de outubro de 2011

A castañeira en Parada de Sil

                                                                 Foto prestada, blog Torbeo
Despois da vendima, vén a castañeira. Os soutos limpos, cos arellos nos lugares ladeiros xa arranxados, están a espera de regañaren os ourizos na ribeira. As primeiras castañas comezan a pingar polo doce de outubro. Apañar castañas é un traballo de paciencia e non tan doado como parece: hai que dobrar carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de Padrón, hai que apandar cos sacos ata a pista máis próxima, porque as cabalerías fai tempo que desapareceron das carriozas e camiños de ferradura e, por encima, empezan as chuviscadas do outono ó compás da batuta do mestre Vivaldi.

As castañas bótanse ás cestas de madeira producindo un ruxido estrepitoso e seco: compre ter bo tino para encestalas todas. As mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras en pingar véndense ben e, ó cabo do día, dúas ou tres persoas, de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños contantes e chichantes, que veñen como as castañas caídos do ceo; porén, as máis serodias xa non teñen tanta demanda.

Pola noite, é costume asar castañas encima da prancha da cociña económica, acompañadas dalgúns cerrotes atopados nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cun coitelo pequeno, porque a maior parte delas estouparían como petardos nunha festa. Despois das castañas, un prato de caldo de nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo.

A rebusca era a última colleita de castañas (oido que agora quedarán para os xabarís) caía polo san Martiño. Había que procuralas por debaixo das follas e dos ourizos coa axuda dunha forquita pequena. Esta xunta de castañas, máis pequeneiras, quedaban para cebar os porcos ou para secalas no canizo con lume que ía ardendo preguiceiro, alimentado con cozos e mailas raíces dunha caracocha que secara pola filoxera. De cando en vez, os nenos tiñamos que subir ó sequeiro para remexelas cunha roda de pao, mentres xogabamos brincando ás pelexas encima delas.

Despois de quince días, viña a xeira de mallalas, meténdoas en sacos pequenos e golpeándoos repetidas veces encima dun madeiro. E para rematar, íanse botando ós poucos nunha criba en forma de media lúa que se collía coas dúas mans polos extremos. O señor Vitoriano de Mouca de Sacardebois cribaba as castañas con moito xeito, separando as pilongas das belotas e das cascas que saían voando pola ventá do sequeiro.

As castañas, xa limpas, metíanse nunhas arcas grandes de madeira de castiñeiro que había no faiado. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de chourizos, morcillas ou con leite.

As castañas foron o alimento básico de animais e persoas durante moitos séculos, xa que a pataca non veu da América ata o século XVI.



 
                                            Debuxo de Eduardo A. Prieto


A unidade de medida das castañas era a tega; noutros lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente o troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de Gundivós, nova de trinque, para o viño podíase cambiar por dúas olas de castañas de Chandrexa ou de Sacardebois, as parroquias da ribeira de Parada de Sil.


E para rematar, adiviña:

                                          "Alto está, barbas ten,

                                           e, cando lle dá por rir,

                                           perde todo o que ten".