mércores, 25 de abril de 2012

Cristosende, unha aldea da Ribeira Sacra

Aqueles pequenos lugares que agochan tesouros de cada día, porque todos viven felices neles e non os cambiarían por ningures, estarán hoxe representados por Cristosende (A Teixeira – Ourense), vila emprendedora que se adapta aos tempos modernos, onde amais de galegos tamén se instalan ingleses e cataláns.

                                  
      Os habitantes de Cristosende (video tvg) convértense en narradores por un día de como é posible facer os soños realidade, como o caso da inglesa Débora “Lady Cristosende”, que traballa na horta e sente este lugar e os seus veciños como da súa familia; a tecedeira “fashion” que se namorou do tecido galego e dá clases no tear, casada cun cesteiro, namorado da cor canela da Ribeira Sacra; a familia que medra unida, xuntando bebés e avoas, e o retornado que prefire a vida tranquila pero de moito traballo que desenvolve na vide: “Temos moito que facer, pero realmente se vive devagar”.

        Nestes pequenos lugares é onde podemos apreciar como é a xente, as tradicións, iniciativas e usos sociais que realizan en comunidade, a través de historias que transmiten un sentimento común de pertenza, de familia, de benestar no rural e de orgullo da terra. Un mapa de situación indica os territorios escollidos e os seus habitantes como narradores, dispostos a ofrecer un retrato diferente do mundo rural, afastados das imaxes tópicas do envellecemento, cunha mensaxe optimista e vital dos que viven felices na súa contorna. (Texto e video orixinais de Grandes Lugares TVG)

martes, 24 de abril de 2012

Concello de Parada de Sil

“Parada de Sil, modelo para un máster de desarrollo rural”, aparece este titular na Región (21/04/2012)

Algo especial debe ter o meu concello, cando a Universidade de Córdoba reparou neste cacho de terra de minifundios con lentura para os contos de mouros e de meigas, que se espalla á beira do río Sil, para que sexa merecedora de visitas e de estudios como modelo de desenrolo rural.

En primeiro lugar, podemos destacar unha natureza incrible noutras latitudes, certo: dous ríos, o Sil e mailo Mao; dúas áreas recreativas: a do Pradomao e mais o río pequeno de Barxacova; unha carballeira dentro dunha fraga autóctona: Maraván en Sacardebois; un souto entre tantos: souto de San Andrés en Chandrexa; un animal do monte da variada fauna que se acocha na mesta fraga da Ribeira: o raposo; unha árbore senlleira: o vello castiñeiro de Entrambosríos; un miradoiro: Os balcóns dos mouros; un canón entre paredes de rochas: o canón do Sil; pataos de viñas ben traballadas: as viñas de Trabazos; unha aldea con ciprés debruzada no río Sil: Calvos de Sacardebois.

Patrimonio cultural: un oficio, o barquilleiro; un belén artesanal, o belén da capela de San Ramón, obra de José María Campo; un mosteiro románico, Santa Cristina; un cruceiro de camiños, o cruceiro de Forcas; unha ermida, Triguás; un cenobio, San Adrián; unha asociación cultural, Ouro do Sil; unha gran necrópole medieval, San Vitor de San Lourenzo de Barxacova; unha espada da prehistoria, a espada de Forcas; un muíño de mao de orixe celta, o que se atopou na Caldebaixo de Sacardebois; unha casa grande con testemuños escritos dende antes do século XVII, Casa de Viana; unha recuperación para o concello, a vella fábrica de luz como albergue; un blog, Contos da Ribeira Sacra; doutores académicos: Dr. Lamelas de Forcas, o catedrático don Eugenio Prieto do Valado, o doutor en Psicoloxía don José Luis Graña Gómez de Calvos; un intelectual lopista coa encomenda da raíña Isabel, La Católica, don Antonio Carreño; un alcalde como ben cultural, patrimonio de tódolos veciños, don Francisco Magide.

Para os momentos de lecer: de mercares viño de mencía, Adegas Valcar; un restaurante, O’ Cortiñeiro; de gozares coas camiñadas, a pasarela de madeira á beira do río Mao; de navegar nun cruceiro, o catamarán asucando o río Sil; unha camiñada polas corredoiras e camiños vellos á beira dos regatos do Sil, a andaina da castaña; unha festa rachada, festa do magosto de San Martiño de Sacardebois; para durmires coma un anxo, casa rural O’ Torgal ou na Casa dos Castiñeiros e, se vas para vello, farto xa de tanta andaina, hai un sitio reservado para ti na Residencia Luces do Sil con vistas á Cabeza da Meda, a dous pasos do ceo. (Para saber máis do noso Concello, do que foi e xa non é, pica co rato en "Un país de lerias").

xoves, 19 de abril de 2012

A Xenerosa de Parada de Sil

A Xenerosa da Cofredería traía de camiño a criatura que faría o número sete, o último 'sí' para completar a escala de nenos, con intervalos dun ano, que percorrían arreo os seis, como seis notas musicais, saltando os banzos do arpexo da fame, dando a nota 'mí': abrindo a boca esperando a bicada uns tralos outros nas horas de manducaren o pouco que houbera na artesa da cociña.

Esta familia da ribeira, que moraba nunha casa sen faiar dun cabrito da montaña, vivindo de prestado acubillo das augas entre catro paredes afumadas dun sequeiro, cantaba: "Venid y vamos todos con flores a María, que Madre nuestra es..." ou rezaba os misterios dolorosos do rosario para disimular a larota dos nenos, en troques de cenaren unhas papas de fariña de millo ou unha rebanda de pan cunhas lascas de touciño: os chourizos que se enchían duraban pouco colgados dos lareiros da cociña, só dúas tristes morcillas de colondro, encetadas polos ratos, quedaban como mostra da matanza do marrao que lle regalara Isidro de Viana, pois seica nacera o derradeiro da camada e xa non apañou teto onde se enganchar, polo que xa non quedaba outra que crialo ó cacho.

A tapa da artesa, no recanto da cociña, tamén levaba dous días aberta, porque xa non había nada que pechar dos ratos. A familia da Xenerosa amencía triste, a velas vir: no poleiro só cacarexaban dúas pitas acatarradas co cu pelado e mais dúas poliñas de rabo corto; o pai, cos brazos caídos sen terras que traballar, nin ovellas que botar ó monte, pasaba o día desnortado, matinando en roubarlle unha cesta de patacas ó señor Avelino do Val que tiña un picouto delas nun recanto do alpendre acochadas con palla, mentres non atinaba o camiño por onde tirar na procura de gañar uns pesos; a muller rodeada de bocas cheas de dentes branquiños e afiados como puntas de navalla, en troques, facía milagres saíndo na procura dun cacho de pan e mais un cacharro de leite ás casas con fachenda que repartía ós raparigos no fondo de seis cuncas de barro.

Esta parella de ribeiraos de Parada de Sil, pobre en herdanzas, pero rica en descendencias, traballaban uns eidiños dun leitón, uns recantos de nada para a sementeira dunha puñada de chichos, un rego de allos e mais outro de leitugas, porén, malia de seren a Xenerosa e mais Plácido unha parella sen casa nin brasa, abofé que se querían coma dúas ruliñas, porque como di o outro: 'O cariño verdadeiro entra polo mexadeiro'.
.

luns, 9 de abril de 2012

O río dos olvidos

Os escravos romanos, un bo día dos tempos antigos, colocaron una lousa no foro de Roma, logo plantaron outra diante da primeira, despois outra e mais outra e así, lousa tras lousa sementaron de vías o imperio. Despois de moitas andainas de conquistas de terras bárbaras, os milites romanos chegaron ós limes de Gallaecia, o río Limia.

Ante diem sextum kalendas Martias, 138 a. C., os soldados romanos quixeron ver no río Limia ó río Leteo, o río dos esquecementos da mitoloxía grega, de maneira que se negaron a cruzalo por medo a perderen a memoria da súa afiliación. Di a lenda que ante o plante do seu exército, o xeneral Décimo Bruto, alcumado ‘Galaico’, máis bruto cós arados romanos de pau de freixo que araban as leiras, pasou á outra banda enarborando un estandarte como sinal de vitoria e que, axiña, comezara a berrar a listaxe dos soldados que esperaban noutra orela do Río d’ Olvido, facéndolles ver que a auga do Limia non estaba preñada de encantamentos coma a do río Leteo.

Caprenius Rusticus, berrou o nome do primeiro soldado, que fora recrutado cun rabaño de cabras nos montes etruscos.
Aulus Reburrus, berrou outro nome, un mozo repetidor da ESOR da Academia Palatina, recuperado para o exército.
Florius Amor Eunucus, enganchado pola leva mentres atizaba o lume das virxes vestais.
Flacius Flaccus, o miles que estaba a tentar coa man se un oso do Val da Limia lle comera a chicha do óso dunha canela.
Veranius Ostianus Postumus, levado polo cónsul patricio para a campaña do Xeneral Galaico, cando coidaba das hamacas na praia da Ostia, con perdón.

A seguir, os miletes romanos cruzaron a raia do río. Mais como a lenda debía continuar por moitos anos, un soldado, raro coma el só, poeta para máis inri, que recitaba versos beatus ille entre campaña e campaña de loita cos celtas, despois de atravesar o río Limia, amosaba estar perdido, matinando no carpe diem e nos tempus fugit e mais noutras lerias que escoitara a Horacio.

–Canta a túa filiación, soldado! –díxolle o xeneral Brutus.
–‘Ninguén’ é o meu nome –contestoulle a secas.
–E logo, non te chamas Vinicius Caldius?

Vinicius: ‘doce viño do olvido’. Caldius: ‘o demo que fai ferver os caldos nas adegas, onde se evaporan os recordos para se converteren en esquecementos’ –dixo polo baixo aquel soldado, triste e descarreirado.

Seica que Vinicius Caldius fundara Antioquía, a cidade romana esquecida no fondo da lagoa de Antela. Daquela xa medraron os carballos, certo, así que non esperes que cho explique polo miúdo, que xa non me lembro de tal remota historia.