Os cestos culeiros para a vendima, que seica naceron maquinados pola mente
resentida dun cesteiro coxo, co gallo de derrearen os cadrís dos
mozos ribeiraos no carrexo das uvas rubindo as escaleiriñas dos pataos da Ribeira Sacra, permanecen o resto do ano encasquetados, os cus duns nas bocas dos outros, no baixo
teito do alpendre da casa con fachenda, acubillo das augas. De repasares os
cestos cunha ollada, de un en un, podes adiviñar as cavaduras de viño que presume
ter un fulano, que tanto tes, tanto vales: o que darías ti naquela, de contares con cen
cestos para a vendima!
Alpendre: "Pequena construción de pedra e de madeira, normalmente pegada á casa labrega, aberta cara ó patio ou resío da casa, con tellado a unha auga auga, que servía de almacén para gardar o estrume para a cama dos animais; as xestas, uces e piornos para quentaren o forno; a leña demoucada dos carballos tanto para a lareira como, logo, para a cociña económica. No alpendre tamén se gardaba o carro e mailos outros apeiros da labranza".
Alpendre: "Pequena construción de pedra e de madeira, normalmente pegada á casa labrega, aberta cara ó patio ou resío da casa, con tellado a unha auga auga, que servía de almacén para gardar o estrume para a cama dos animais; as xestas, uces e piornos para quentaren o forno; a leña demoucada dos carballos tanto para a lareira como, logo, para a cociña económica. No alpendre tamén se gardaba o carro e mailos outros apeiros da labranza".
Co gallo de alimentar a lareira e de afumar os chourizos da matanza,
repousa amontoada no alpendre unha morea de cepas vellas, retorcidas polo
castigo de sucesivas podas, disque que as cargaran nun carro turrado por dous bois
dende as viñas de Barxacova deica a Casa de Viana, con sona de casaren os
cozos das cepas centenarias co cabrito trincado nun espeto para festexar o día do Carme, a
patroa da parroquia de Sacardebois, a quen se lle ofrecerá a mediados de xulio a primicia dun acio de mencía da Barxa: terra garimosa, bicada polo vaivén das augas do Sil.
Cepas centenarias de merenzao, que se esgotaran despois
de sucesivas vendimas de ateigagos de cestos culeiros de acios dourados no percorrer dos anos, da familia Trousseau, nada no lar da Borgoña
francesa, de onde viñeran de peregrinos noutros tempos esvaecidos polo Camiño
de Santiago, con fillos bastardos en Portugal e netos na Ribeira Sacra, os máis
guapos deles, os nomeados “Alpendres do ronsel do Sil”, criados devagar na
Barxa, co agarimo de seu, en barricas de carballo francés, amosan no setembro
brillantes á luz dos ollos, de trato suave e de color rubí, amigos de apañaren as
maduras grosellas, e disque naquela etapa dourada presidiran as mesas dos
freires nos días de liturxia grande: herdeiros, pois, dunha liñaxe de avoengo e
de loas de incenso aristócrata.
Os merenzaos, con comedida carga tanina e de pouca
coloración confrontados coa luz, hai
anos que caeran en desgraza pola omnipresente mencía, polas gabanzas do
mouratón xigante en encheren as tinallas e mais pola tinta garnacha que daba
corpo ós caldos, deixando impregnadas de negro as cuncas brancas de porcelana. Así e todo,
esta familia pouco a pouco vai gañando rango no terreo perdido dos socalcos, agora
de novo labrados, para a recuperación da sutileza dun viño distinto e
distinguido que emula nas catas o prestixio dun pinot noir.
No alpendre, descansa o carro, cos seus complementos: os
ladrais, a temoncela, os estadullos, os
xugos co temoeiro, sogas e mulidas, o sedeño para atar a herba en cruz e mailas
gavelas de toxos; o arado de vertedera
para romper e voltear a terra repousada dos barbeitos, e mais o outro, o arado
romano de pau de freixo, enxeño de 'avanzada técnica' agrícola: o temón cos
furados para a chavella que gradúa a fondura do rego; a rabela co dental e bico
de rella que fere as entrañas da terra, as orelleiras de abeacas para abrila e
aireala: terra con lentura, que repasan as lavandeiras á procura das miocas, para
a sementeira dos nabos, do millo e das patacas.
O alpendre, ou pendello, tamén é o sitio das ferramentas: o banco de carpinteiro para arranxar os
mangos das aixadas; o ‘burro’ para tronzar as gallas e paus; a corza
para arrastrar as pedras que han de calzaren os mestres canteiros en paredes lindeiras
e valados; a machada que fende dun golpe certeiro os troncos serrados de
carballo en hachas e pitelas que devora o lume no frío inverno; a macheta que afía as
estacas para o sostén das cepas, xa derreadas coa canseira dos anos, cargadas
de acios miúdos, pero que fan viños de cata sonada.
Nun recanto do alpendre, preto da borralleira do forno, dormen
os gatos, quentiños, co corpo estarricado encima dun saco.