O outro antonte,
aproveitando unha escapada á Ribeira Sacra, embarquei no catamarán que percorre
o Sil dende a ponte de Paradela deica ao mosteiro de santo Estevo. Ao pé do
embarcadoiro, serpea a estrada que xungue a terra de Caldelas coa de Lemos, preguiceira
ela, vai gañando altura polos socalcos de Doade. O barco de dous cascos laterais unidos a unha plataforma, o
catamarán, comezou a virar cara abaixo, mentres o guía daba a benvida aos
turistas, e axiña de espallar polo miúdo a singradura polo canón do Sil,
enmudeceu un bocado; entón, cada quen foi ao seu, ollando en fite ás dúas bandas
do río, engaiolados polos debuxos dos pataos, valados incribles retendo a terra
pobre e lixeira da pendente fan decotío viños ricos nas adegas, godello e tinto
de mencía con sona de Amandi: “dignos de ser amados” acó e mais acolá. As
paredes de vella cantería, pedra sobre pedra calzadas unhas nas outras, trala
procura dun axeitado acomodo: os socalcos, do latín sub calce, fan posible esta viticultura heroica.
Sentado nun beiril do barco, a
estribor, continuaba ollando a paisaxe humanizada das viñas de Doade que baixan
multiplicándose en liñas paralelas a xeito de pentagramas de brancas e negras até
bicaren as augas quedas do Sil. Porén, axiña, co ruxerruxe dos motores fun
entrando nos meus adentros, e axiña me veu á memoria o accidente do coche da
feira aínda afundido por debaixo de nós: cóntase que un home de Lemos, “O
Troitas”, salvara a vida agarrándose ao rabo dun porco... Despois dun bocado en
branco nos biosbardos, o meu maxín entrou na moviola do percorrido do Sil antes
do embalse. (Os que xa peiteamos canas andamos, dálle que dálle, escarvando nos
aluvións da memoria de cando nenos naquela Galicia rural de pan centeo).
Na altura de A Teixeira, o río
recibía o nome de Cachón. No albor da primavera, os mozos das dúas bandas do
río andaban na cava das viñas, obriga dun dos mandamentos do ribeirao: “andar
trala gancha” de dous gaios amontoando a terra en cavañós! Ao remate dunha
parede, era o momento de darse un respiro ou, mesmo, berrarlle aos limeses que
estaban a furgaren nas viñas da porta doada de Lemos: “A túa nai cando pariu
cantos porcos trouxo, hooo...? Ai, hooo…! baixade ao medio do río, de terdes
c., que para todos vós abonda un de nós…!” Ademais doutros aturulos de bonhomía
e de benquerenza, frecuentes entre a mocidade das dúas abas do río. Outras
veces, competían en guindaren coios máis lonxe ou ver quen era o máis destro en
capar o río cun cacho de tella que brincaba sucesivas veces nas vairas e pozas
dos remansos.
Na desembocadura do Mao, río humano
ou pequeno, o catamarán virou a babor entrando con tento pola raia do medio entre
Cristosende e Barxacova. Ao redor: viñas, hortas, soutos, amieiros, carballos,
sabugueiros... Tirando cara arriba polo río pequeno, agora hai unha pasarela de
madeira á beira do río, a ponte das Mixerelas, onde baixan as augas mexendo rebuldeiras.
Máis arriba, á beira da estrada, a Fábrica de Luz, hoxe un albergue. No cumio,
a unha carreiriña de can, a parroquia castrexa de San Lourenzo coas tumbas
antropomorfas de san Vitor que datan do medievo. No canón do Mao, o rumor de fervenzas
e cachóns: disque as augas baixan fuxidías das meigas, que as veñen atizando
coas vasoiras na altura da ponte de Conceliñas.
Recuperada a navegación no Sil, no
tramo máis espallado, ai está a aldea de san Fiz da parroquia de Sacardebois:
testemuño dos derradeiros que a habitaron; hoxe, un cemiterio de lembranzas. Os
ribeiraos de san Fiz, da Barca de Baixo, de Meixide e de A Ponte, en Barxacova,
ollaban coa tristura de bágoas porfiadas como as augas famentas do mal, un encoro
matinado polo demo, ameazaban con asolagar os eidiños da casa, herdados de pais
a fillos no percorrer de longos tempos: “Aí vai o burro cosa noces!”, berraba
un vello! Primeiro, a auga foise achegando pouco a pouco cubrindo as viñas e
mailos terreos que había por baixo das casas; logo, comezou a entrar nas adegas
a auga intrusa e ladroa do tsunami da
Fenosa no alpendre, no poleiro, no forno e nas cortes de porcos; mañá, vai vir deslizándose
coma serpe pola gateira da porta da casa; en poucos días, irá rubindo polas
paredes até as ventás das alcobas e fachinelos dos faios, e así, gañando rango,
non parará até cubrir os tellados de fea escuma. Ao lonxe, só queda á vista o
viraventos do campanario da capela de san Fiz coa crista dobrada do galo,
marcando un destino descoñecido: testemuño do que fora antano este lugar e como
sinal de aldea desaparecida en aras da voracidade do nomeado progreso.
A
construción do embalse de santo Estevo, inaugurado por Franco en 1955, cambiou
non só a paisaxe da ribeira do Sil, senón tamén os modos de vida de moita xente
que sufriu o desarraigo na emigración. Concello de Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.