luns, 24 de febreiro de 2014

Lembranzas dun neno, enfornar o pan



Cando tocaba cocer o pan, era un día de festa para os nenos. Pola mañá, había que subir á fraga do Covelo á procura duns feixes de xestas para quentar o forno, aínda que,  na miña casa, que se dicía de moita fachenda, arreo había unha morea de leña de carballo, xestas e piornos no alpendre do patio ao acubillo das augas: lembro que se carrexaban uns cantos carros ben cumpridos de leña miúda para o forno cada setembro antes das primeiras chuvias porfiadas que adoitaban presentarse para pechar o verán e, de paso, escarallar a vendima que, por san Miguel, a piques de rematar estaba nas viñas máis serodias da ribeira do Sil.
     Quentar o forno tiña o seu que: a boca con viseira de perfil de granito do país ía tragando as garamatas. As paredes en forma de iglú, recubertas de barro refractario, primeiro suaban a humidade, logo, ían quecendo pouco a pouco ata branquearen coa calor concentrada na bóveda do forno. Mentres o pai atizaba o lume, a mamá preparaban a pota grande da cociña con auga morna para mesturar na artesa coa fariña peneirada de centeo que se moera nos muíños hidráulicos da contorna –Entrambosríos, Rabacallos ou, mesmo, no río pequeno de A Ponte de Barxacova– engadindo unha cunca de lévedo, que se deixara da última enfornada, e máis unha presa de sal lavada do salgueiro. A morea de masa, co debuxo dunha cruz no medio do peito, había que tapala cun cobertor branco co fin de que levedase quentiña ao redor dunha hora. Nun recanto da artesa, a señora María, a Carpinteira, envolvía as bolas dos pans con moito xeito: quince pezas grandes, con dous cortes de coitelo, un a cada lado, para axiña polas a lucir, collendo forma e dureza, tempo que se aproveitaba para varrer o forno cun fachizo mollado de mango longo, achegando a cinsa  ao burato da borralleira.
     Coas pedras xa brancas, o forno estaba a punto para recibir a enfornada do pan: coa pa íanse metendo os pans con moito tento e cerimonia, comezando polo fondo unha roda de pans ao redor da parede, despois unha segunda roda e así. Ao remate, coa mesma debuxábase no ar o sinal da cruz para que todo fose dereito como Deus manda. Bruxas fóra!, coidaban os presentes.
     A espera do pan cocido, unha hora e pico, transcorría de conversas, co corpo quente e satisfeitos do traballo cumprido, ollando de cando en vez como se ían dourando os pans, con ganas de tentalos e mesmo de encetar algún rebándolle a coroa. Para os nenos, as mulleres preparaban a bola, un pan pequeniño, que se sacaba antes para ir tranquilizando a larota dos máis pequenos ou para abrir as ganas de comer dos máis grandes, que cos rapaces nunca se sabe como vai ser a hora do almorzo.
     Aquela noite, para cear, tocaba empanada, a derradeira en enfornar por ser a primeira en saír, que se preparaba con chourizos, touciño, cebola, pementos... todo cortado miúdo e ben sazonado en aceite de oliva: o recendo da empanada quente no medio da mesa de mármore e máis o viño fresco do cubeto do gasto servido na xarra de Gundivós abría as ganiñas de comer a quen for. Logo, viña a sobremesa coas filloas, o licor café e mais unas partidas de brisca de seis.
     O pan, nos primeiros días, despois de encetalo, minguaba deseguida nas merendas de compango co chourizo ou nos tacos para os xornaleiros cavando as viñas; non era así cos últimos pans que duraban máis, amosando na vitrina do comedor duros por fóra e encollidos por dentro. Cando se acababa o pan, de non haber vagar para acudir ao muíño, había que pedir un prestado. O pan non se puña nunca boca arriba, nin se lle deixaba cravado o coitelo; de caer o chan, había que bicalo, nin se podía tirar un cacho ao lixo, pero si ao lume, porque eran xestos de mal agoiro. De non ter forno na casa, había que darlle as grazas a un veciño, deixándolle un pan en prenda como a maquía nos muíños.
     Do proceso de enfornar o pan, a fermentación era un misterio que me marabillaba, porque non podía comprender a metamorfose da masa co lévedo, como unha muller preñe deitada na cama da artesa, a quen lle fose medrando a criatura: nun descoido das mulleres, metendo a man por debaixo o cobertor, xogaba co dedo, furabolos… xogos máxicos dun neno asombrado.

martes, 11 de febreiro de 2014

Parada de Sil, a Casa de Viana




A Casa de Viana está á beira do camiño real que xungue a ribeira do Sil coa montaña, de aí a orixe do seu nome: 'Viana', terreo á beira da vía, con vistas ao Valdocán onde o Sil entra no seu canón; noutra banda, Amandi: terra lixeira cosida en pataos, adega de viños ricos. Un casar, antano con criados, forno, alpendre e palleiras; cortes para a facenda; adega e mais forxa. Nos atados de antigos documentos manuscritos desta familia de fidalguía rural, hai un que fala da súa fundación atopado no faio da casa, entre o armazón de trabes e pontóns, que soportan un tellado a catro augas, dentro dunha arca de castiñeiro, en compaña doutros testemuños en papeis de barba que falan doutra época de certo avoengo.    
      
     –Neste documento, querida Claudia, ten que haber gato pechado –comentoulle o seu avó, así como non quere a cousa– polo que cómpre andar con tento, non sexa o demo que dende aquela acoche o meigallo: 'fareille un estudo lexicográfico e mais outro semiótico'! –rematou o vello profesor cunha arrogancia que, abofé, non lle cadraba.  
                  
     Sello quarto, dez maravedís. Año 1677. O mosteiro de Montederramo afora o lugar e casa de Viana a don Francisco Vázquez de Páramo y a sus herederos y sucesores por las bidas (sic) e espacio de tres señores Reyes Católicos de España (...) que dichos Francisco Vázquez de Páramos y sucesores dé la Renta cada año por San Martín, cuatro gallinas, pagaderas en el Priorato de San Adrián. Atentos le hazemos (sic) dicho fuero por la menor renta de lo que merecería pagar. Sello quarto, dez maravedís. Año 1677.    
            
     Xa que logo, sermonaba, mentres escribía nun cacho de papel, aplicándolle o sistema pitagórico temos: ‘sello quatro’, 4; ‘Dez maravedís’, descompoñendo o número 10: 1+0= 1; Año 1677= 1+6+7+7=21=2+1= 3. Polo que, 4+1+3 resulta 8. 
          
    O mestre en letras clásicas, agora na cátedra de esperto semiólogo, decatouse deseguida que as pezas do manuscrito ían encaixando coma un crebacabezas, mentres matinaba na simboloxía do número 8, o poder de realizar feitos extraordinarios. “Catro galiñas, tres reis e máis un santo tamén fan 8, (oito)” –repetiu satisfeito: Oito!   
            
   –O oito é o número clave! –remarcou polo baixiño, mirando en fite a Claudia.     
   –Para retornar ao pasado, ademais do cacho, hai que procurar unhas palabras máxicas axeitadas ao texto que movan a vontade de Chronos.  

   –Certo, como me gustan os teus xogos –dixo a nena–  a ver estas, que acabo de glosar, engadiu, máis lista cós allos, engaiolada polo día no obradoiro meigo e pola noite desvelada cos ollos abertos como pratos no conto de “El nombre de la rosa”. 

   /“Unha vaca, catro patas / oito patas de negras gatas /‘vade retro, Chronos’ a ceacú! / soltando os anos pasados polo escape do cu…!”/ 

    Despois dunha breve espera, Claudia exclamou de novo, decepcionada cos enredos do avó: Avó, isto non vai…! Escapa, nena! déixame a min, dixo, erguéndose da cadeira:

  “Oh, Chronos, que vas movendo a terra ao dereito, fai agora que a roda do tempo vaia cara atrás! Oh, prudente Penélope, destece o teu manto outro tanto! Oh, linda Ariadna, tira do fío de Teseo, atrapado no dédalo! Polo poder de oito meigallos, polo cheirume retrógrado de oito allos, que se esfume o presente e que volva o pasado de repente, bruxas fóraaa…!”           
       
Neste intre, queimáronse os fusibles do contador da luz; o televisor, parado na mira de axuste, estoupou en cen cachos espallados nun abano de chispas; á cociña económica, artellada no Malingre do Couto, esfumouse pola cheminea; no seu lugar, apareceu a lareira de antano con escano e mais un pote colgado da gramalleira; a billa da auga do vertedoiro secou de contado. Fóra, no camiño, unha reata de burros cargados con moios de viño van gañando a petada das adegas da ribeira ás casas dos gandeiros da chaira de Forcas. Na fraga do Covelo, ouvea o lobo; ao lonxe, cantan os carros queixosos, cargados de estrume. Nunha leira de Senra, o arado de pau de freixo vai abrindo a terra de vagar e con tento, ó son de “vaca, vén…! top!, ei ah...”! Os tellados das casas quedaron estragados tras un pedrazo, porfiado: as paredes quedaron núas, mais no outono abrigáronas con mangados de palla de centeo: volveron as pallozas; os pés, calzados con zocas; os leitos, con xergóns de follas de millo; noites longas de invernía, na mesa de noite un cristo chora á beira dun pobre candil, no queixón de abaixo espera o ouriñal ó cu da noite; tralas badaladas, tristes, polo pasamento dun vello, tras deixar a mesa posta con pan e viño, veu a tirapuxa dos herdeiros dividindo os eidos: nacen os minifundios na ribeira do Sil. No balbordo da moviola ó pasado, as follas do calendario da parede afumada voaron,  fuxidías, polo fachinelo da cociña, quedando no cravo unha folla con esta data: “11 de novembro de 1677”, festa de San Martiño, viño novo e magosto en Sacardebois,  solta de catro galiñas aforadas do poleiro da Casa de Viana: hoxe serán recibidas aínda cacarexando no Priorado San Adrián e mañá, no xantar, serán bendicidas no refectorio polo abade prior, servidas en pepitoria. Parada de Sil, terra meiga.
  

luns, 3 de febreiro de 2014

O Troitas do Sil



Se mal non recordo, o nariz da desgraza amosou co seu cheirume aquel  18 de febreiro de 1964 nas curvas de Abeleda, á beira do Sil, na estrada de terra que xunguía Castro Caldelas con Monforte de Lemos; o accidente debeu suceder á noitiña. Os veciños de Doade e mailos tendeiros de Monforte retornaban da feira de Castro apousentados adiante na viaxe de retorno coa parola de cómo lles fora na feira; en troques, na traseira do coche misto, estrada de palla, dúas cabezas de gando, catro ovellas e media ducia de porcos laregos, recadados nun cortello de táboas, competían en laiarse alternando os berros na súa fala de babel, xorda aos ouvidos dos labregos, entretidos na conversa.  
     Disque fixeran boa feira en Castro Caldelas, aínda que o Regalado de Gullade, que lucía sombreiro e calzóns de pana, retornaba calado coma un moucho, porque non estivera fino no trato da merca dos bois. Levara consigo, acochados no peto da chambra, unha morea de cartos aforrados; home máis mexericas que varudo –a que mandaba con arroutos sobrados era a muller, naquela derreada no xergón de follas de millo co andazo metido no corpo– quedara canso dos porfiados regateos e de non probar bocado, así que a larota roíalle as tripas coma se foran ratos, avivada co recendo dos caldeiros das pulpeiras, dende cedo plantadas nas portas das cantinas.                                                                                                          
   –Canto queres? e logo canto me dás? ti toleas ou estás de broma…? De súpeto, escoitouse unha voz solemne, semellante á do rei Salomón, no medio da tirapuxa: “Pola metade, e morra o conto!”, mais nin por esas afrouxou a carteira o Regalado de Gullade.          
    “O Troitas” de Val do Bolo, pola contra, estivera na feira comendo a eito o ‘pulpo’ con cachelos, pan, viño da Teixeira e mais a bica mollada nunha copa de licor café na cantina do Grilo. Polo que volteaba alegre presumindo de aixada nova do trinque para a derrega dos lameiros a máis dun fouciño para achicar os silveiros dos beirís das leiras.         
     Mais, ai carallo! Na curva da serpe da Abeleda, tras un repentino balbordo de berros e de vidros escachados, todo quedou patas arriba. Os tendeiros desapareceron nas augas quedas do encoro. Moito despois, na Barxa amosou unha parella envurullada nunha saba que lle servía de mortalla, recibindo sepultura no atrio da igrexa de Sacardebois, pois o cura mantiña que finaran con pecados de avaricia no trato do comercio.                      
      E como non hai dúas sen tres, un dos fillos do Petolo, o da empresa do coche da feira, un día de tormenta matouno unha chispa. Tampouco lle sorrira a fortuna ao Regalado que se foi cos cartiños aforrados á outra banda, mentres patexaba contra o destino coa auga entrándolle polos buratos das orellas sen decatarse dos bicos dos peixes rebulindo ao redor, teimando en espilo da chambra e dos calzóns de franela e chucharlle as peladuras do corpo, dispensando: Pena dos cartos, ho!
      O destino do “Troitas”, poida que non deprendera a nadar decando neno, de aí a ironía do alcume ou quizais fose ao revés: nadaba coma as troitas? O caso é enfiar o conto, non é!, non foi outro que ser a bicada da Troita Vella do Sil. Disque cando os mozos baixaban ao río á procura da Troita Vella do Cachón da Teixeira, que de cando en cando se deixaba ver, este rapaz mataba o tempo capando o río, con moito xeito iso si, guindándolle lascas de pedra que rebotan sucesivamente na auga queda do encoro, ignorando o dito dos vellos pescadores: Non se collen troitas coas bragas enxoitas!
       Nesta última andaina no coche misto, seica estivera a piques de salvar a vida, agarrado ao rabo dun porco larego que nadaba amodo cara á orela de Lemos, no lugar que chaman porta Doada, despois de que o espelido animal brincase á parede dun socalco que quedara ó nivel da auga, o  Troitas minguado de corpo coa auga fría do Sil, estirou as mans para abrazar unha lasa que o tentaba, mais a pedra, de corazón duro e moi súa, fuxiu das mans do Troitas ao fondo do embalse non fose o demo que a guindase a un valado para asentala de por vida como tapa dunha parede. 
       Disque o Troitas arreara na súa procura ao fondo do río. Xa que logo, a Troita Vella, medrada tralos anos nun peixe abisal, que se enseñoraba dende a ponte de Paradela deica á desembocadura do río Mao, antes de acochar no río pequeno de Barxacova, rápida coma un raio polas augas coa boca aberta dunha quenlla, tragaría ao Troitas de Val do Bolo?, pois como di a filosofa dun amigo castelán que presume de sindicalista: “Los peces grandes se comen a los chicos (y así hacen, con los pobres, los hombres ricos)”.

Para saber, de certo, como foi o accidente do bus, pica no seguinte reportaxe do xornal El Pais: "Esqueletos debajo de las aguas del Sil".