
/Lume con recendo/ fogueira de
cozos/de caracochas, ardendo/festa dos druídas/é o inicio do inverno/estoupan
os foguetes/ nos eidos ermos … /
Un vello anda queixoso de que xa non
quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, vén morno; as castañas
louras estoupan no fogar, bota de viño novo a medio encher, non lle dan acougo; primeiro, o lume pobre de frouma e
de garabullos; por riba, achas fendidas de carballo: leña seca apañada no monte
para alimentar a fogueira; festa familiar, a do magosto, de grandes e pequenos
na data de San Martiño, día de andaina polo monte de troula cos amigos.
“Acabáronse
as vendimas/ veñen as esfolladas/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas”/
–di a copla.
Maos negras tisnadas de cinsa para deixar
de loito a cara de rosa da mociña pola que ten o sentido no aire; en troques, o
seu o avó repousa o peso dos anos encima dunha pena, outeando a quietude do
eterno fluír do río, lembrando tempos fuxidíos, mentres a fría pedra teima en
roerlle o cu, fraco de chicha; paseniño, medindo os pasos coa caxata, retorna
de novo ao carón da fogueira que está a recender unha queimada que lle ha de
purificar as lembranzas retidas no seu caletre.
Máis adiante, en San Martiño, na Ribeira Sacra, o señor Amadeo, recoñecido contador dos quefaceres da ribeira,
continúa a recitar unhas sinxelas trobas coma resumo da festa rachada do
magosto de Sacardebois:
/Brasas de cepas vellas/chourizos
ao inferno/viño novo das Albeanas /fresquiño dos cubetos/trala Andaina da Castaña/polos camiños vellos/no corro, corre máis o viño/cá
auga do rego /axiña soará a música/cos bailes de achego/estamos na ribeira/onde
un se pon cego/comer e beber a eito/como no mosteiro, os cregos/ apertas
cumpridas/a todos de San Martiño/ deica o ano que vén/ ídevos indo... devagariño//