Ribeira de Doade (desnivel.com) |
As augas do Sil, rebuldeiras, foron afondando o seu leito nun canón, mentres as abas ían medrando cara arriba: terras deitadas en bancais, bendicidas por un clima oceánico benigno, xa engaiolaran ós celtas: nas partes altas das ribeiras, medraban os carballos, venerados polos druídas; nas máis temperadas, os terreos para o cultivo.
As estampas dos socalcos é un regalo para os ollos, como antes alegraban os viños de Amandi o triclinium dos patricios romanos. As vistas dende o Soutochao, en Doade, abofé que deixan a un pampo: un engúrrase ante tanta beleza; natureza quebrada e retorcida, que os nosos devanceiros ribeiraos foron moldeando para a viticultura, coséndoa con socalcos, pedra sobre pedra, ao redor da cintura para non perderen as enaguas no asiduo escorregar de augas dos nubeiros que veñen preñados do océano.
Ó pé do miradoiro da Pena do Castelo, brota unha fonde de ninfas lavandeiras; no picouto, érguese a o carreteiro cunha saba suada debaixo dun cesto para carrexar as uvas: intrahistoria de homes pequenos apandando con cestos grandes; formiguiñas que, pouco a pouco, achegaban o froito ós seus lares: adegas ricas de terra pobre.
Hai unha adega na ribeira do Sil, na Barxa, que elabora un viño cos matices dun harmonioso acorde, o Arpexo, que madurou colgado nos pentagramas, que son os pataos da ribeira de Parada de Sil. Onte, presidiu a mesa de varios amigos.
Un dos convidados, violín da Orquestra Nacional, de vacacións en Augas Santas, contaba na sobremesa que un mediodía, que baixaba a coller o catamarán no embarcadoiro da ponte de Paradela, seica vira saír a San Amaro da capela de Soutochao, cantaruxando unhas lerias polifónicas, mentres movía unha póla pelada delgadiña de castiñeiro, que lle servía de batuta. Subido nunha pena, despois dun toque de atención, arrincoulle unha marabillosa melodía ás viñas de Doade: nas gradas do escenario aberto exhalaban sons de cores brancos e negros; nas liñas de socalcos, coa partitura espallada, pendían as notas negras de mencía e mailas brancas de godello; ademais das finas e pasadías corcheas de treixadura, aparecían salpicados os silencios de escaleiriñas que rubían cortando os pentagramas. As folliñas verdes e ocres movíanse ó compás dos ventos allegro, adagio, allegro da batuta do santo: contrapunto da mencía solista, acompañada do baixo godello, fronte o resto da orquestra, enmudecida en sons xordos de eco imitador. Deleite de contrastes barrocos, sonada partitura do prete rosso, Vivaldi, que seica gustaba mollar a palleta, mentres debuxaba notas de primavera.