Cofradería, confradería ou confraría, da maneira que sexa, é un topónimo da parroquia de Sacardebois, concello de Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra. Recibe este nome, porque neste lugar estaba situada a casa do cura, da que dependía a freguesía de Pradomao.
A miña mai falaba con agrado deste crego o que escoitara dicir a miña avoa:
“Foi un sacerdote moi querido polos veciños, tan santo varón que mesmo dicían que mexaba auga bendita, moi propia para estiña-las feridas polo corte dunha fouciña ou unha ferramenta calquera das que se usaban no traballo das viñas nos días soltos, que de facer xeira en domingo ou festa de gardar, a fonte do crego secaba de contado".
Vivía na Cofradería cunha ama, media curmá, e mais un loro que aprendera a cantar panxoliñas e seica que, ás veces, dáballe por farfallar palabras soltas latín.
–Dominus vobiscum! –cantaruxaba o papagaio presumindo vestido de cores, movéndose dun lado a outro na varanda do corredor da casa do crego sen acougo, como se tivese o baile de San Vitor, que seica invitaba a danzar ós mortos, ánimas en pena errantes no medio do cu da noite, confundidos entre as brétemas peneiradas do canón do Mao que baixa á cachón, lambendo as pedras, á beira de San Lourenzo de Barxacova.
–Et cum spiritu tuo! –contestaban as mulleres que pasaban cargadas co cesto da roupa para face-la colada no pozo do regato de Maraván.
Carballeira de Maraván (Foto de José Luis Pérez)
Disque tamén repetía tralo crego moitos rezos do breviario, sen embargo, malia vivir moitos anos en compaña do cura, non houbo xeito de que aprendera a cantar responsos e misereres nos enterros, que para iso estaban os corvos, vestidos de negro, de cello engurrado e de pico longo. Non, si?
Nos tempos que corren, son fabas contadas as almas que hai que salvar nestas aldeas. Van quedando pouquiños e todos, de tanto traballa-los minifundios ribeiraos, colgados de patao en patao ata bica-lo río, viticultura heroica que se di, teñen gañado dabondo o ceo.
Pero, ¿que é unha confraría?
Confraría derívase de confrade (del lat. cum, con; frater, irmán). “Irmandade de persoas devotas con fins relixiosos” –reza, nunca mellor dito, no dicionario Cumio da Lingua Galega. A orixe destas irmandades vén da época dos romanos que recibían, naqueles tempos esvaecidos, o nome de collegia funeraticia.
Por tanto, este lugar de Sacardebois recibe este nome de Cofradería, porque os confrades tiñan a súas xuntanzas nesta casa parroquial. Os ribeiraos, noutros tempos pasados, respectaban moito a San Martiño e mais a San Roque; coido, sen embargo, que sería a Confraría da Virxe do Carme, patroa da parroquia, a irmandade que ocupaba este lugar con moitos adeptos dende o século XVI.
Tamén se chamaba a Confraría do Escapulario, que se ofreceu ós confrades como medio de saír do purgatorio: Aquellos que llevaran el escapulario de la Virgen del Carme y cumplieran las condiciones que imponía su uso, serían automaticamente liberados del purgatorio el sábado posterior a su muerte,” indulxencia sabatina confirmada polo Papa, Pablo V (1602-1621).
Os confrades pagaban unha pequena cota en especie: castañas, patacas, viño, augardente… O mordomo levaba as contas e convocaba as xuntas, pero todo baixo a supervisión do cura. A primeira finalidade destas irmandades era socorrer ás familias dos confrades nos enterros: misas concelebradas polas almas dos defuntos, ceras para alumar nos velorios; cabodanos, a caixa mortuoria, o xornal do enterrador e mailas empanadas e media ola de viño ofrecido polo finado como derradeira vontade, fiel ó dito castelán: "el vivo al bollo y el muerto al hoyo".
Nos tempos de laicismo que nos tocou vivir, a estas confrarías de antano chámanselle agora pólizas de decesos, Sta. Lucía… que ofrecen soporte económico nos peores momentos. As cotas periódicas de paga-los mortos veñen a ser como a chamada de atención dos Mércores de cinsa que nos lembran a coincidencia da nosa orixe de ser co noso destino de non ser: "Memento homo quia pulvis eris et in pulvere reverteris".
Abofé que, se vivir non é cousa doada, morrer resulta se-la factura máis cara de pagar coa que liquidamos a vida.