Transtempo, exposición fotográfica no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Cristina García Rodero, a súa autora, móstranos unha escolma de fotografías de paisanos, en gran formato, nas que aparecen mulleres, homes e nenos en situacións alleas ó quefacer diario na Galicia rural. Imaxes que foi recollendo Cristina Rodero ó longo dos últimos trinta anos. Porén estes documentos antropolóxicos da intrahistoria do pobo galego non son só unha colección máis dun abano de fotografías calquera. Abofé que non.
Observando, sen présas, os detalles explícitos e mailos contidos suxeridos polo contexto destas estampas en branco e negro de Cristina García Rodero, co seu enfoque artístico, achégannos unhas fotografías tenras e inxenuas, pero tamén ridículas e cómicas vistas con ollos de hoxe, deixándonos amosar por fóra a alma e mailo palpitar do corazón destas persoas convertidas en personaxes.
Os enterros simulados de ofrecidos e mailos velorios tamén aparecen retratados nas caras dos congregados rezando ladaíñas purificadoras ó carón da caixa do finado, aínda que a morte, cos seus ritos sexa considerada na Galicia rural coma algo natural, formando parte do ciclo da vida.
Os días de troula, nos carnavais, amosan con imaxes máis tráxicas que cómicas: os disfraces aparentan o desexo de vivir outra vida mellor, como se quixer mudar de pel para entrar noutro rol, malia de que o destino os enraizase nunha terra de minifundios que daban un froito escaso para subsistir, soportando unha vida estancada de miseria herdada dos seus devanceiros. Así que, as máscaras teñen un ollar perdido e esperpéntico correndo, ó tolo de acó acolá, polos camiños de vilas e aldeas que conducían ós eidos, sen escapatoria posible destes lares cerrados.
En toda a mostra fotográfica, aparece rodeada dunha aura triste, de cor gris, de liturxia arcaica, mestura de maxia e relixión, oficiando ritos que levan como parella o medo ó descoñecido. Ignorancia contra a que loitou tempos atrás a pluma do pai Feijoo. As mesmas máscaras dos felos dos carnavais foron debuxadas para asustar e mete-lo medo no corpo dos nenos. Non, si?
En resumo, imaxes conxeladas dunha Galicia, quen ben podía ser calquera aldea do mundo, varada no medievo que se alongou por riba da metade do século XX. En por iso, esta mostra fotográfica é un documento histórico, quizais, único no seu xénero.
Unha mostra duns tempos serodios, aínda non de todo esvaecidos, do agro galego que de decotío foi de vagar en sen esquecer dos ritos e costumes atávicas.
A exposición de fotografías, Transtempo, de Cristina García Rodero estará aberta ata o 2 de outubro. Se podes, achégate a vela
Ningún comentario:
Publicar un comentario