venres, 26 de febreiro de 2010

Galego, no mellor sentido


Xornal de Galicia | Viernes, 26 Febrero, 2010 - 08:27
Hoxe, a palabra galego como Galicia soan a calidade. Marca con garantía dos produtos que dá o noso mar e a nosa terra.

Poderíamos nomear tamén ás mellores firmas da moda e maila industria téxtil, punteira no mundo, por poñer un exemplo da iniciativa empresarial dos galegos, que son capaces de levantar un imperio partindo da nada.

Logo está a oferta turística de calidade: as Rías Baixas. Santiago. O percorrido polos mosteiros románicos da Ribeira Sacra. Lugo. A Coruña. Os balnearios de augas termais de Pontevedra e mais de Ourense. O turismo rural para os amantes da natureza: un paraíso para ollar, sentir e repousar.

Por outra banda, hai que subliña-los fogóns da cociña galega, un galano para os amantes da boa mesa regada cos aromas de viños exquisitos e atendida a mesa por xente amable, respectuosa e familiar. Un lugar para volver un ano tras outro.

Esta postal da Galicia de hoxe non foi cousa de xente parva, nin veu así coma quen di por xeración espontánea. Coido que non.
Foiche cousa de nós, porque en tal niño vive tal paxariño.
Os galegos, no sentido que vostede quixer, estamos orgullosos do noso.

Señora deputada, ser galego é un privilexio. Unha única acepción aparece no último Dicionario publicado da RAE: gallego, "natural de Galicia".

Está vostede coa áncora botada no pasado, volvendo unha e outra vez cos estereotipos da España de fai cen anos de cando os galegos, os vascos, os asturianos, os estremeños, máis pobres, saín a busca-la vida por eses mundos de Deus. O nivel sociocultural dos españois de hoxe en xeral, e dos galegos en particular, non ten nada que ver coa xente de finais do século XIX. Xa non queda nada daquel "gallego" pobre, parvo e pailán.

Se en algúns lugares de Sudamérica a palabra "gallego" ten, ou tiña, a acepción de tonto ou tartamudo, saiba vostede que por alí tamén chaman "salvavidas" ós galegos, por algo será. Non?

Ademais é de todos coñecido que a expresión "gallego" en Arxentina e noutros países de Sudamérica espallaba o significado a tódolos españois. Polo que vostede, nestes países, tamén sería unha "gallega" na acepción que mellor lle cadre.

Esquézase de nós! Non veña por aquí a rañar uns cantos votos ós galegos, que non somos tan parvos, como dá a entender coa súa falla de sentido político máis "pexorativo" para a seu grupo.

Miña señora, recapacite. Un consello lle queremos da-los galegos dun e doutro xeito de sermos: non utilice nas entrevistas e mitins os adxectivos xentilicios: que os galegos somos tal, que os cataláns son patatín, que os vascos, no peor sentido da palabra, son patatán, porque se vai quedar vostede sen parroquia a quen predicar nin bisagra a quen condicionar.

venres, 19 de febreiro de 2010

A Ribeira Sacra, antano terra de centeo


La Región 19/02/10

As terras da Ribeira Sacra, espalladas polas engurras das abas dos montes que baixan en socalcos ata ós mesmos labios dos ríos Miño e mais Sil, non daban abondo para manter a tanta xente. Tampouco as terras da montaña, máis frías, cos pequenos lameiros nas beiras dos regatos e mailas cortiñas e leiras de secaño, enchían, nos últimos anos, a tulla de cento. Xeración tras xeración continuaron a parti-los eidos en minifundios, repartindo deste xeito, a pobreza do agro.

O leite non viñan por el; os becerros, na montaña, e o viño na ribeira, seguíanse a vender ó mesmo prezo de hai anos. Porén, os apeiros, o sulfato, a fiscaslia, o xastre, as menciñas, cada ano que pasaba, custaban máis. “Onde imos parar, porco goberno! Isto acabouse, non miran por nós, son uns ladrós, cumpría outra revolución irmandiña lamentábanse, en balde, os labregos nos faladoiros do cruceiro, despois dunha xeira interminable, que se alongaba dende o amencer ata ben despois do solpor.

As terras de Caldelas e mailas de Lemos non podìan dar máis de sí. Como vía de escape, xurdiu entón a emigración. Moitos foron os que sairon na procura da vida por eses mundos de Deus, cansos de traballar leiras e medias ou saír a xornal polo almorzo.

Outros , pola contra, preferiron combina-lo traballo dalgúns pataos de viñas ou o engorde dalgún becerro cun oficio que lle reportase uns pesos contantes e chichantes. Este é o motivo de abundaren os traballos artesanais, que xurdiron en pouco tempo, nas aldeas e vilas da nosa Ribeira: canteiros, telleiros, oleiros, cesteiros, zoqueiros, carpinteiros, capadores, serranchins, barquilleiros, alambiqueiros, barqueiros, afiadores... estesúltimos moi coñecidos na Ribeira do Sil.

Outros non desexaron emigrar moi lonxe da chaira, pero tampouco quedar parados na aldea, a velas vir. Cuadrillas de seitureiros, xente moza con ganas de xuntar uns pesos, sairon a sega-lo pan cento polas bisbarras máis próximas e, logo, por Castela, onde había moito traballo na sega do trigo. Tamén mulateros da nosa bisbarra, os tratantes que ían camiñando moitos kilómetros coas reatas ata a mesma Estremadura, pois cumprìa moito o diñeiro, para manter tanta rapazada, que deixaran ó coidado da muller e dos avos.

domingo, 14 de febreiro de 2010

O Moucho de Aguil, de sereno en Madrid


A media noite, encamiñeime cara á rúa da Cruz, peguei unhas palmadas, namentres chamaba ó sereno: Sereeenooo…! axiña, contestou dende lonxe: yaaa…vaaa…! Logo, máis preto de min, anunciou a hora e mailo parte meteorolóxico con voz máis potente e pousada: Son las doceee… y serenooo..! O Moucho de Aguil era, daquela, o vixiante nocturno da rúa da Cruz, paisano da Ribeira do Sil, de Aguil, de confianza, pois; moi amigo de percorrer os camiños cun candil a media noite co fin de espantar as negras sombras das portas das casas e dos cortellos dos porcos da ceba, de aí o alcume, e disque como xa non quedaba xente no seu vilariño, se viñera cara Madrid na procura do sorriso da fortuna.

Son-las-do-ceee…y se-re-nooo…! –repetiu unha vez máis, marcando as sílabas– porque aquí, ós naturais da vila, que son por riba dun millón, había que engadir os forasteiros, a xente de paso; e onde bule xente, hai negocio: dous cans e mais unha cadela fan un real; catro reais, unha peseta; unha propina por aquí e mais outra por alá, un peso; e, como dicía o outro, gran a gran énchese unha tulla.

   Seica estaba a xuntar moito diñeiro dos hostaleiros e mais dos clientes das numerosas pensións e fondas que, por entón, había ó longo desta rúa, a unha carreiriña de can da Porta do Sol.

   Nun tris, amosou pola embocadura dunha rúa estreita, noutro estremo, picando no chan de pedra co chuzo ferrado tac! tac! tac! tac..! con gabán, cinto e viseira, segundo as ordenanzas do Concello, coma un garda civil xubilado, viña camiñando coma sombra de ánima en pena, metendo medo, que nin diola! matinando en galego a súa filosofa, ou rosmándoa polo baixo, ó tempo de berrar en castelán a xerga do oficio de sereno.

   'O Moucho' convertérase en ventrílocuo, sen darse conta; mesmo de padecer tolemia de Babel, incipiente, debido ó desdobramento da súa personalidade e á practica do bilingüismo, coma resultas das horas de parrafeo, para facerse a se mesmo compaña nas longas noites de inverno, remarcando o ritmo das palabras coa pica do chuzo.

   Era o amo da rúa nas horas serenas da noite, onde só se moven esvaecidas sombras fuxidías; rebuscaba, no disco duro da súa caluga, a parola axeitada en castelán, que habería de servir de canle para chegar ó corazón do cliente, co fin de afrouxarlle a carteira e  sacarlle algún peso, que era do que se trataba.

   Víñase para acó, lixeiro, rascando, co pico do chupo, as reixas das ventás dos negocios e das habitacións dos baixos, canso de soprar co agudo asubío de latón, que lle deran no Concello, e que non acudise a policía, o pobre, 'que lle facían menos caso cós pitos dun sereno'.

   Mal como puider, estaba na obriga de espantar ós malfeitores, os cales, coma lobos ou teimados raposos, acochábanse nos recunchos, ó asexo, esperando á desvalida vítima; xente sen leito nin teito, pillabáns de navalla e de malas artes que saían á noite coma feras a rapinar ó transeúnte, amparados polo manto da noite que ía caendo encima da cidade, silandeira.

   Mais non era tal na rúa da Cruz, que O Moucho de Aguil mantiña a súa rúa limpa de ladros, dende había anos; anxo da garda nocturno que mantiña a orde e vixiaba as propiedades dos veciños os cales, a cambio dunha puñada de pesos, poderían repousar a perna solta sen preocupacións nin sobresaltos; nunca se detiña a parolar con ninguén, sempre camiñando de acó acolá, e non era raro de lle medir as costas co chuzo a máis dun malandrín, polo que fora condecorado no Concello e lle subiran a paga co grao de auxiliar de policía.

    Viña vindo cara min, tintinando a puñada de chaves dos portais, pendentes do seu cinto, ó tempo de alardear de falar idiomas, sen trabucarse na súa caluga, ó procesar en galego e falar en castelán; ás veces, ata se atrevía coas mesmas falas dos guiris:

“Yaaa…vaaa..! tanto berrar, sempre con présas, ya voy, okay, señor..! carallo que te pariu, que teño toda a noite por diante, no se desespere, the time viene del cielo, vite! vite! non has de ter esas présas en sacar os cartiños do teu peto; el tiempo, lo único gratis que tenemos los pobres, money! money! non, iso non, que che han de picar as maos..., yaaa…vaaa…! cando agarres un peso, coido que aínda lle has de botar un responso de defuntos, a que che doe soltar un peso? dóeche coma se che houbesen de cortar un ril..., mañana vendrá otro día y pasado, otro…mal demo te parta, a estas horas…, yaaa…vaaa..! one bedroom, okay, cinco pesos…a que viñeches a Madrid, de putas? ah, non, se é o Modesto de Miranda, outro barquilleiro de Parada do Sil, outro ribeirao, na diáspora…”

   O sereno de Aguil rosmaba polo baixiño, mentres escollía unha das chaves de ferro das máis grandes, para desatrancar o portón de madeira, preguiceiro e laión, da pensión Flora con carraspeira crónica, debida á ferruxe que van deixando os anos nas bisagras e mais nos remos dos que chegamos a vellos.

   Despois dos consabidos saúdos, boas noites e tal, subimos ó primeiro andar; mentres me acomodaba nunha alcoba veume á cachola o refrán, que aprendera de cando estiver na montaña, preto de Aguil,  coas vacas para o monte; os serenos son os amos da noite, cumpría caerlle ben, que me pode achaiar o camiño en Madrid, coñecen a tanta xente... con este pensamento lle soltei a rima, sorrindo, como o que non quere a cousa:“No fiadeiro de Aguil, tres mulleres e un candil”. Certo, dixo devolvéndome o sorriso, pero fitándome ó mesmo tempo cos seus ollos chispos, penetrantes, afeitos a escudriñar na noite coma os gatos e mouchos: agora xa non hai fiadeiro, nin mulleres; ó candil apagóuselle a mecha, a Aguil fóiselle apagando a vida; unhas aldeas van morrendo; noutras, xa non roxe ninguén, explicou gabándose, o pillabán. Como tódalas mañás cedo, á alba, se recollía cos petos cheíños de cartos, que daba gusto ver tantos 'cans, cadelas, rubias e pesos' e todo, así que, con razón dereita, ríase do mundo.

   Despois de trinta anos de acomodar ós trasnoitadores de Madrid, xa co corpo curvado polo peso dos anos, mesmo polas vinte e tantas chaves de ferro dos portalóns de madeira de pensións e fondas, e mailos cortellos dos veciños aliñados nos andares da corralas, que lle estiveron a tirar do corpo cara abaixo durante tantas noites colgadas do seu cinto, o sereno da rúa da Cruz, o señor Severiano, volteou a Galicia, xa xubilado, a gozar dos airiños do mar coa filla maior, Aurora, moi amiga de misas e de novenas, que quedara para vestir santos, a pobre, engurrada de tanto incenso e de ora pro nobis, sen probar abrazo cumprido de ningún mozo: a pobre, xa na altura das calores da menopausia, renegada como resultas de negarlle ó corpo o que é de seu: "Pasei a vida sen un mal pensamento, nun un roce, nin un bico, nada de nada –se laiaba a coitada, virxe como a aurora do amencer– mesmo que for cun mozo mariñeiro, famento e ansioso, recén chegado de Terranova de pescar o bacallau, máis que nada para probalo, disque sabe mellor que comer unha laranxa, pero nada de nada, aínda que a min tanto che me ten, que duns anos a esta parte xa non me chama, nin cousa ninghuna, a pobre, vai morrendo murcha na entreperna... ademais, por outra banda, fun recompensada polo ceo, cun pisiño en Vigo, no alto do Castro, onde me vou recoller co meu pai, que tornou de Madrid con moitos cartiños aforrados".

   Particulares, que esqueceran as chaves; os viaxantes de provincias, que acudían ás pensións; os guiris, amigos de museos, dos touros nas Ventas, de ceas, de verbenas e de festas en Pasapoga; solteiróns que viven a corpo de rei, artistas de teatros e cabarés, pupilas de Venus e demais ralea, que se recollían ás altas horas da noite, teimaban en chamar polo sereno: Sereenoo…! Seeereeenoo…! Mais ninguén respondía ás insistentes chamadas. O Moucho, canso de patear a rúa da Cruz, había días que se erguera en voo, de retorno a Galiza. Dende entón, as noites, nas rúas de Madrid, non eran as mesmas: noites perigosas, desamparadas, silandeiras, tristes… A voz, yaaa…vaaaa…! gastada polos anos de uso, rematou enmudecendo en tódalas rúas da améndoa dos Austrias da capital.

   Ó poucos, habería de aparecer o enxeño do porteiro automático, borrando das noites madrileñas a figura entrañable do sereno picando co seu chuzo no chan empedrado, tintinando puñadas de chaves, mentres acudía ás chamadas, solicitando o servicio do sereno. Sons e voces que arrolaron ós veciños de Madrid centos de anos, pero a roda do tempo, que xira sen acougo, foi cambiando as costumes: dos primitivos e vulgares berros, a pleno fol: Yaaa…vaaa...!  mudou ó refinado e relambido: "Diga, ¿a qué piso llama, por favor?

A muñeira de Chantada

sábado, 6 de febreiro de 2010

Bigotes con Xofre, Faro de Vigo

Bigotes con Xofre
Faro de Vigo, 01 de julio de 2009
Nas últimas semanas están aparecendo na prensa nacional unha manchea variopinta de alcumes: O Albondiguilla, O Patillas, O Rata, O Cabrón, O Prior, O Curiña, O Mamón, O Bigotes... O tema dos sobrenomes, aos galegos, non nos estraña nin moito nin pouco, pois cantos de nós estamos rebautizados polos veciños como 'Cabrito',  'Moucho',  'Escachapiollos', 'A Morte,  'Regalado', 'Barquilleiro', 'Milhomes', 'barqueiro', 'O Herdeiro', 'Calcaterras', 'Pecadomortal', 'Paneiro', 'Labareda', 'Petís', 'Cagadepé'... e mais outros, alcumes coa retranca de é seu: decotío pasaban de pais a fillos, formando sagas ou familias: "Os Paneiros levantaron a meda máis grande da parroquia de Celeirós". 

Unha tarde, recibín un estraño correo. Repousado na cadeira de brazos, co ordenador prendido, estiven a pensar nos personaxes do e-mail, mentres lembraba a miña mocidade na que presumín de estilo en atusar o meu poboado bigote, sen ser consciente da irreverencia estética nin de poderme axustar ao canon de beleza que emana do equilibrio e da harmonía.

   -Por que deixas medrar ese bigote tan feo, pareces un bolxevique?, espetoume o meu pai. A verdade é que, tan enraizado estivo en min, e nos meus, que me sentín  espido e indefenso, aquela mañá que me levantei da cama coa firme decisión de raparme, deixando a cara lambida e indefensa. Pero, de todos é ben sabido que os mostachos non son todos iguais. Entre as categorías de bigotes, temos: o natural, estilo Dalí, o imperial, o húngaro e mais o estilo inglés, moi propio como complemento para un traxe da firma Milano. Logo de botar unha ollada aos bigotes que máis pegada deixaron nos libros de historia, hainos que amosan nos almanaques afiados como púas, chulos, incultos, estreitos de miras, estrábicos, espallados e invasores... enfrontados cos poetas indefensos, que cantan, de cara e corpo libre, poemas que debuxan, coas palabras, caligramas de pombas da paz voando libres: debuxos de rimas de papaventos, soltos de bridas, seguidas pola ollada dun neno, marabillado, como van subindo ó ceo, paseniño, gañando rango no ar, ó lonxe, xa fuxidíos.

    Tamén se dan os bigotiños ridículos -como borranchos negros- nas caras duras de homes pequenos, que foron grandes ditadores. Mostachos militares, os de Bismark cheiraban a pólvora, tronando arcabuces contra o suave murmurio de ramas, follas e flores, apagando o rumor de cores dos poetas que enmudeceron as súas rimas, cantigas de reiseñores, cubrindo de néboa  o día; e de tronos, a noite.

     Xa se escoita o rebumbio que levanta o tropel da Ditadura, achegándose para cercarnos dentro dos seus recios muros: óese cada vez máis forte, marcando o paso, cego, autómata, montada nas botas da parada militar. Outros bigotes espléndidos, sen embargo, resplandecen góticos na historia de homes preclaros, guiados con arte, literarios e suaves e dóciles no trato, provocando só formigo nas conciencias: o bigotiño de Charles Chaplin, os bigotes espigados de Salvador Dalí: que eran de 'gala'.

   Toma unhas tesoiras do kit da memoria histórica e afeita con ela os bigotes máis longos e afiados, enredados e daniños que, onte, fixéronnos cativos e que aínda, hoxe, séguennos ameazando, desde o seu disimulado letargo, con reenvíos de mensaxes totalitarias. Unha tesoira afiada por vella tarazana ao son de antigo barallete que afeiten rentes os novos brotes de bigotes fascistas, que se medran coa ignorancia, enmascarados detrás de bandeiras, cruces e símbolos, sen coñeceren o seu significado, arróxaos ao fogón, para que participen do crisol purificador de Hades ou se engurren en remollo no inodoro até que se laven e perdan o seu cheirume.

     Toma o estropallo e mailo deterxente da memoria histórica e borra as esvásticas dos novos cachorros tatuados, mozos ágrafos, obxectores ao pensamento, aos libros e mais á historia, magister vitae. Mocidade desprotexida dos virus –vermes troianos– replicándose , clónicos, xenófobos, invadindo, con cantos de sirena, as súas cabezas baleiras, reprogramadas para tronaren mensaxes anacrónicas, enarborando non sei que bandeiras, co fin de desturbaren ou profanaren as ágoras democráticas.

       Tira da cadea, estaos esperando Caronte coa barca para conducilos á outra banda, onde serán formateados. Xa nos humillaron dabondo noutras épocas; hoxe, felizmente superadas.

Vacas de cores, La Región


Un rebaño de vacas multicolores estiveron a pacer nos eidos de Gallardón. Foron baixando, preguiceiras, dende o alto da Serra de Guadarrama, pola calzada romana, ata a Pradera de San Isidro e, logo, ocuparon as rúas, prazas e bulevares do corazón de Madrid, atraídas pola música da cidade: se trataba dunha concentración bovina, a ‘Cow Parade’.

Os pequerrechos de chupete, á xeito de cores do arco da vella de terras de lonxe: estes catro, brancos coma leite; con ollos resgados, estoutros marelos; mereniños de Machu Pichu, dous; crioulos e mais negros coma un tizón do lume, aqueles. Todos, alegres e rebuldeiros, lle están a tirar dos tetos a Albertina Pinturina na Praza de Lavapés, barrio multirracial de Madrid; a Vaca Paca de Recoletos, católica ela, xa perdeu os aros das orellas e non vai estar guapa para ver ó Cardeal Rouco, na próxima concentración de reafirmación católica; a Vaca Fotógrafa, está a recibir unha manchea de instantáneas dos paseantes pola Porta do Sol, recibiendo máis loas cá presidenta da Casa de Correos, que din que é a Marquesa do curral do PP.

Na Praza Cibeles, os nenos, máis medrados, que baixan do Retiro, empoléiranse encima do carrelo da vaca ‘Milk on the rocks’, que da leite frío, moi propio para os veráns de Madrid, e xogan a conducila agarrados ó guiador dos cornos, mentres a deusa pera, acostumada a tantas troulas e festexos merengues, sorrindo dende o alto do seu trono, os está a vixiar con ollos de avoa compracente.

Á vaca Mu, plantada no eido de Lavapés, uns vándalos escacharonlle unha pata, se a vaca dicir nin muk, e seica que querían marchar con ela como botín da falcatruada, mais, nese intre, soou a muuulancia de Samuuu do Hospial de Vacas. Entón, a vaca, alporizada polas luces chiscando intermitencais e mailos ouveos teimosos da sirena da urxencia bovina, espertou, cobrando vida e saltando da peaña para desaparecer nun amén, correndo a pata coxa, polas angostas ruas do Madrid do Astruas.

Logo a vaca Mu dis que entrara nun bazar chino de todo a 1 euro, como un elefante nun comercio de louza, aínda que, inesperadamente, o chino, mandarín da tenda, saíu coas mans implorando ó ceo, dan do garzas, sen preocuparse polo estrago, dado que unha vaca veña a petar na súa porta dous días despois dos festexos do ano novo chino en honor ó boi, viña a considerar este feito inaudito coma unha chiscadela do ceo que lle prometía un gran porvir cos negocios da quincalla china nestes tempos de crise e de vacas fracas.

Os poucos, arribou a muuulancia de urxencia bovina. Entarron dous gandeiros na tenda, na procura da vaca tripédica, ataviados coma enfermeiros, con boina, polainas, luvas e todo, trincaron á vaca nun recanto do bazar, medironlle o corpo coa aguilalda, mentres lle estaban a berrar unha fileria de carallos, pois seica que os funcionarios debíanche ser da Cabeza da Meda de Ourense, de onde viñeran doutorados e continuaban a usa-los tecnicismos propios da arte de ara-las leiras coa parella de vacas: ou,m vaca vén, to, eiii, carallo!

Casa de Viana. Xornal de Galicia

Casa Grande, non chega a consideración de pazo, con máis de 500 metros, de perpiaño con palleiras e casa para os criados, forno propio para 15 pans e dúas empanadas; adega, currais, tellado a catro augas, situada na Ribeira Sacra, cunha gran galería, mirando á boca do Canón do Sil; fraga propia con xabarís; acivros, loureiros e nogueiras de resío con simpáticos esquíos por riba da casa; no verán, lagartos e serpes; soutos con castiñeiros centenarios, algúns xa caracochas, de onde pingan as mellores castañas temperás da bisbarra, lameiro e horta con árbores froiteiras ó redor, auga fresca de mananciais das carballeiras da casa e mais auga da traída do regato Mao en toda a finca, doados accesos.
Isto non é un anuncio, perdoe vostede esta brincadeira.
Dende 1700, está a rezar con letras labradas no lintel dunha estancia: "Venta de panos, hoxe non se fía", pois os moradores actuais seguimos coa mesma: hoxe non se vende e mañá tampouco. O motivo son as pitas.
Nun pergamiño, atopado nunha arca de castiñeiro, onde se gardaba a roupa ou as castañas pilongas di: "no mil seiscentos e pico a Casa de Viana da parroquia de Sacardebois pagaba ó Mosteiro de Montederramo unha renda de catro galiñas, en concepto de aforo; obriga que se saldaba tódolos anos, por San Martiño, no Priorado de San Adrián".
Seguimos en débeda coas pitas, merecedoras da nosa gratitude, porque, co seu sacrificio, enchendo o bandullo dos freires, gañamos o noso lar.
Se lle gustou a casa, dígame cantas galiñas está disposto/a a por encima da mesa?

Eduardo Prieto Casares

Novembro, mes de santos. La Región

Día tristeiro, de defuntos.Entre catro homes levaron ó Félix perante o altar, a render contas ante o Altísimo. A néboa que suaba o río mentres viña rubindo devagar, brincando os pataos das viñas para se meter polo ventanuco da igrexa. O cura lavoulle as culpas co hisopo. Os familiares do finado choraban, rompendo o silencio plúmbeo da cerimonia. O defunto, entón, reconfortado cos responsos, abriu un ollo e destilou unha bágoa de despedida. A néboa pousou encima da caixa do defunto, envolvéndoa co seu manto frío e, logo, escapou bufando coa bágoa do Félix polo fachinelo da igrexa. Din que é a alma.

Un pailán, en Madrid no Xornal de Galicia


De canta-lo galo pola maña, xa non me sinto só, aínda que van xa cinco anos dende que a Xenerosa se for para outra banda. No Nadal do ano pasado, díxome o fillo de ir con eles a Madrid. E fun. Collín o expreso en Monforte e alí me plantei na Estación do Norte.

O día seguinte, pola tarde achegueime ó centro, á Porta do Sol: ai, che digo, que de xente nas rúas, rediós! coma formigas nos camiños, bulen que bulen sen descanso, que non me deixaron ollar como é a capital, mal demo lles parta a crisma ou Deus os confunda. Pero que estou a dicir? Pido desculpas ós madrileños por pecar de prosmeiro, dicindo tantas parvadas.

En Madrid non deben falar deste xeito, que son xente educada na Capital -me dixen- e decidín comprobalo por min mesmo na rúa de Preciados; con este fin, comecei a pescuda botándolle un piropo a unha moza: "Á túa nai habería que levantarlle un monumento, mira que estás ben feita e rematada, ho!" e ela contestoume: "Es usted un maleducado, viejo asqueroso!"

Intenteino máis adiante con outra rapaza, xeitosiña ela e con cara de anxo, que camiñaba tremendo de frío, coitadiña ela: "De boa gana te quentaría eu cunhas boas fregas"! "A tu madre, hijoputa!" -díxome coma un demoño, cuspíndome na cara.

Ó chegar a Callao, xa non me quedaron máis ganas de seguir coa pescuda de "así falan os de Madrid".

Pois, como che estaba a contar, como se as rúas estiveren infestadas de persoas, coma os ratos fuxindo, uns por aquí, outros por alá; eu queríaos saudar, pero non daba abondo, nin eles me correspondían, a xente da capital esqueceu as normas da educación, cadaquén vai o seu, e non te entremetas, que te comen.

Me cago no demo bendito, que mal o pasei, coma un náufrago medio afogado naquela marea de persoas camiñando de présa: uns para arriba e outros para abaixo; uns saíndo da boca do metro e outros entrando. E digo eu: Por que non chegarán a un acordo de onde ir todos xuntos?

Abofé que había tanta xente nas rúas, que non puiden ver Madrid.

Eduardo Prieto Casares

xoves, 4 de febreiro de 2010

O lugar de Serradores

Faro de Vigo PDF Imprimir E-Mail
escrito por Eduardo Prieto Casares miércoles, 03 de febrero de 2010
Quizais antano un pendello ou un sequeiro de castañas, onde acostumaban serra-las trabes de castiñeiro os serranchíns ambulantes ó acubillo das augas, xente nómade orixinaria do norte de Portugal. Normalmente viñan dous homes e mais un rapaz. Traballaban duro, a mantido.

Escascaban o tronco coas machadas e logo dábanlle forma de prisma de catro caras para corta-las táboas que marcaban cunha corda de lá mollada en auga con pos de tinta.Una vez que montaban o ‘burro’ para subi-la trabe, un dos homes empoleirábase por riba e outro por baixo para tirar dos mangos do tronzador. Era eu un miúdo, cando viñeron os últimos serranchín a miña casa. (Se queres saber máis, consulta o libro “Os oficios” de Xaquín Lorenzo).

Tamén poida ser, é máis verosímil, que neste lugar de Serradores asentou por primeira vez unha familia con fillos mozos, quizais portugueses, que gañaban o pan saíndo pola bisbarra a serra-la madeira nas casas con haberes.

A figura retórica consiste no cambio semántico do nome do lugar polo nome da profesión dos seus habitantes. A idea de ‘o lugar onde se asentaron os serranchíns’ –coincide coa palabra do portugués –quedou reducida no falar diario a ‘Serradores’, palabra máis próxima ó castelán.(Serradores, parroquia de Sacardebois, Parada de Sil, Ourense).

Gratis total: unha homenaxe a Eduardo Galeano, escritor.

Xornal de Galicia | Miércoles, 03 Febrero, 2010 - 08:24
Gratis!
Palabra que debería formar parte da ladaíña da Igrexa. Pola megafonía do Corte Inglés, a Catedral do Becerro de Ouro, escoitaríase o rosario de compras: viaxe gratis a Cancún, ora pro nobis! Carro de compras finde,ora pro nobis! Moda gratis, xa é primavera no, ora pro nobis!



Cantos fregués, meu Deus.(Espero a gratitude do Corte Inglés pola publicidade: gratis total).

A entrada desta palabra habería que sacala do dicionario e metela na Biblia. Ou erguerlle un monumento. Ou fundar unha Igrexa, unha palabra sagrada que chamaría a unha manchea de devotos. Descontando ós ricos que non son da nosa devoción, porque se aburren se non compran, cando non están a apañar máis e máis cartos, roubando a plusvalía que é dos traballadores,como estaba a dicir Carlos, o Marx dos comunistas.
Aínda che deben ser ben infelices os ricos pobres, mira que mercar cousas só para abri-lo paquete,o paquete das compras, claro, se non queren pasar polo trauma do psicoanálisis a remexer no seu,curriculum vitae.

-Vostede o que ten é eurolitis,di o psicoanalista.
-Que non me van os riles, quere dicir o Dr. ?
-Non, ho, os riles van indo. Trátase dunha enfermidade que só afecta a unha puñada de persoas.
-E logo, quen son? -pregunta o rico tocándose o bandullo.
-Os que andan no mercado.
-Na Praza de Abastos, preto das Burgas? -di o preguntón estarricado na cama da consulta.
-Queee..?
-Vostede é rico en euros, pero pobre de entenderas; un rico, pobre de mente, que non as apaña no aire, porque pasa a vida ollando onde apañar máis cartos ollando o chan coma un porco marrán na rebusca das castañas no souto da Porcalla. Parece vostede un saco sen fondo ou un cesto culeiro de apaña-las uvas co cu estragado e podre (o cu do cesto).
Veña cartos por aquí, veña cartos por alá (coida que 'alá' vai con minúscula, non sexa o demo que os mouros...).
Lembra, papón, pecha os ollos e deixa percorrer o teu currículo: os xogos coa bolsa do pan de persoas pobres, especulando no mercado do Ibex 35, protexido de guantes brancos para non deixar pegadas, coa idea sementada no bulbo raquídeo de vivir para facerte rico, de empoleirarte no más alto do poleiro da revista Forbes, para poder cantar kikiriquiii!, dono do curral dos cartos de nós.
Coido que vostede, foi o Director de 'caiga quien caiga'. O Grand Wyoming das finanzas, o que soprou coma un fol na economía requentada, facendo estoupa-lo globo da especulación. Non?
Dígolle todo isto porque vai quedar vostede de pedra.
O rico, como estaba coa barriga chea, botouse a rir mentres pechaba os ollos á realidade dos feitos. Que lle digo que...!-berroulle o Dr. no medio do psicoanálisis.
A pel da cara que ten peca de dureza como a Pena dos Almorzos da Fraga do Covelo. Almorzos onde tramaba os sucios negocios. Ó longo da vida a enfermidade dexenerativa foi a máis. Do sacrolitis do rabo subiulle cara arriba a reuma polo peso dos euros, espallándose por todo a súa mala sangre, ruín. Mentres a morea de diñeiro medraba que daba gusto vela, vostede íase quedando duro como unha pedra dos montes ladeiros da Ribeira do Sil. O peso dos cartos, cada día que pasaba, íao minguando ata facelo bica-lo chan.
O home rico, que levaba un anaco sen dicir nin mu, quedou alí convertido nunha fría estatua xacente, pois había xa tempo que se lle escapara a alma da solidaridade. Na seguinte vida volvería en forma de porco de pé. Mirando ó ceo coa boca aberta, onde lle deron coa porta no nariz de aguia de rapina, por ver de pingar algunha castaña no souto do Frade da Caldebaixo. Castañas que vostede tantas deu, anos atrás, ós máis débiles.
'Sit terra levis', como dicían os romanos. Non! Mellor que as miocas che entren polas fosas de arriba e che saian polos buratos (burato) de abaixo, para que no seu camiñar fagocitando, rematen de comerlle as entrañas e mailo fígado de mala fel, onde gardabas tanta avaricia.
Agora vai vir Caronte coa barca para acompañalo á outra banda da lagoa Estigia, o reino de Hades, porque como se di no Novo Testamento: 'é máis fácil que un camelo pase polo ollo dunha pechadura que un rico entre no reino dos ceos'. Así que, ollo ó dato. Amén.