Gratis!
Palabra que debería formar parte da ladaíña da Igrexa. Pola megafonía do Corte Inglés, a Catedral do Becerro de Ouro, escoitaríase o rosario de compras: viaxe gratis a Cancún, ora pro nobis! Carro de compras finde,ora pro nobis! Moda gratis, xa é primavera no, ora pro nobis!
Cantos fregués, meu Deus.(Espero a gratitude do Corte Inglés pola publicidade: gratis total).
A entrada desta palabra habería que sacala do dicionario e metela na Biblia. Ou erguerlle un monumento. Ou fundar unha Igrexa, unha palabra sagrada que chamaría a unha manchea de devotos. Descontando ós ricos que non son da nosa devoción, porque se aburren se non compran, cando non están a apañar máis e máis cartos, roubando a plusvalía que é dos traballadores,como estaba a dicir Carlos, o Marx dos comunistas.
Aínda che deben ser ben infelices os ricos pobres, mira que mercar cousas só para abri-lo paquete,o paquete das compras, claro, se non queren pasar polo trauma do psicoanálisis a remexer no seu,curriculum vitae.
-Vostede o que ten é eurolitis,di o psicoanalista.
-Que non me van os riles, quere dicir o Dr. ?
-Non, ho, os riles van indo. Trátase dunha enfermidade que só afecta a unha puñada de persoas.
-E logo, quen son? -pregunta o rico tocándose o bandullo.
-Os que andan no mercado.
-Na Praza de Abastos, preto das Burgas? -di o preguntón estarricado na cama da consulta.
-Queee..?
-Vostede é rico en euros, pero pobre de entenderas; un rico, pobre de mente, que non as apaña no aire, porque pasa a vida ollando onde apañar máis cartos ollando o chan coma un porco marrán na rebusca das castañas no souto da Porcalla. Parece vostede un saco sen fondo ou un cesto culeiro de apaña-las uvas co cu estragado e podre (o cu do cesto).
Veña cartos por aquí, veña cartos por alá (coida que 'alá' vai con minúscula, non sexa o demo que os mouros...).
Lembra, papón, pecha os ollos e deixa percorrer o teu currículo: os xogos coa bolsa do pan de persoas pobres, especulando no mercado do Ibex 35, protexido de guantes brancos para non deixar pegadas, coa idea sementada no bulbo raquídeo de vivir para facerte rico, de empoleirarte no más alto do poleiro da revista Forbes, para poder cantar kikiriquiii!, dono do curral dos cartos de nós.
Coido que vostede, foi o Director de 'caiga quien caiga'. O Grand Wyoming das finanzas, o que soprou coma un fol na economía requentada, facendo estoupa-lo globo da especulación. Non?
Dígolle todo isto porque vai quedar vostede de pedra.
O rico, como estaba coa barriga chea, botouse a rir mentres pechaba os ollos á realidade dos feitos. Que lle digo que...!-berroulle o Dr. no medio do psicoanálisis.
A pel da cara que ten peca de dureza como a Pena dos Almorzos da Fraga do Covelo. Almorzos onde tramaba os sucios negocios. Ó longo da vida a enfermidade dexenerativa foi a máis. Do sacrolitis do rabo subiulle cara arriba a reuma polo peso dos euros, espallándose por todo a súa mala sangre, ruín. Mentres a morea de diñeiro medraba que daba gusto vela, vostede íase quedando duro como unha pedra dos montes ladeiros da Ribeira do Sil. O peso dos cartos, cada día que pasaba, íao minguando ata facelo bica-lo chan.
O home rico, que levaba un anaco sen dicir nin mu, quedou alí convertido nunha fría estatua xacente, pois había xa tempo que se lle escapara a alma da solidaridade. Na seguinte vida volvería en forma de porco de pé. Mirando ó ceo coa boca aberta, onde lle deron coa porta no nariz de aguia de rapina, por ver de pingar algunha castaña no souto do Frade da Caldebaixo. Castañas que vostede tantas deu, anos atrás, ós máis débiles.
'Sit terra levis', como dicían os romanos. Non! Mellor que as miocas che entren polas fosas de arriba e che saian polos buratos (burato) de abaixo, para que no seu camiñar fagocitando, rematen de comerlle as entrañas e mailo fígado de mala fel, onde gardabas tanta avaricia.
Agora vai vir Caronte coa barca para acompañalo á outra banda da lagoa Estigia, o reino de Hades, porque como se di no Novo Testamento: 'é máis fácil que un camelo pase polo ollo dunha pechadura que un rico entre no reino dos ceos'. Así que, ollo ó dato. Amén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario