Os feitos que se
narran sucederon no concello de Parada de Sil, na Ribeira Sacra. Desto xa
medraron os carballos, claro está. Bendito era un home da montaña, que recibira
este nome de elixido de Deus na pía
bautismal de san Mamede de Forcas, aínda que era máis coñecido, con chufa entre
os veciños da contorna, polo alcume de “Benita”.
Fillo dunha familia de xudeus,
orixinarios da terra dos Maragatos, daquela dedicados á facer tratos co
trasfego do peixe das Rías Baixas á Meseta, coas mulas da serra de san Mamede a
Estremadura e, mesmo, coa venta de panos de Bejar. Home moi recatado á hora de
cumprir os domingos, nos funerais e cabodanos, malia de ter unha fea costume,
iso si, de andar ás voltas cos carallos, usándoos como comodíns, en contrapunto
coa voz devota, de muller agarimosa da que estaba dotado: abofé que lle quedaban
os carallos saíndo da súa boca, como a Cristo, empuñando dúas pistolas.
Recurso da linguaxe que o habería de
sacar de moitos apuros, as cousas como son: disque o Bendito para enfiar á
xeito tres palabras seguidas, cumpríalle unha liña de bosquexo, a cada puntada,
unha pausa até articular a seguinte palabra, enchendo os ocos mudos da cadea da
fala, botando un carallo que lle cubría a espera. Un modo de falar
que non casaba co nome de 'Bendito': de primeiras, abofé que lle cadraba ben, que
soa a home santo e pulido de fala; porén, non era así no desenrolo dunha
pequena conversa, na que pronto quedaba desvelada a pobreza de léxico nos
dicires de uso diario deste home ambiguo, a medio levedar, que fora derivando dende
mozo de 'Bendito' a 'Benita'.
Emporiso, disque unha veciña, educada nas monxas clarisas de Monforte, un día de coresma, á saída da misa, recriminou a Bendito no atrio de igrexa de larafuzas, ao pé do cruceiro de pedra. Prédicas que caeron como chuviscadas nunha cesta. Escoita tal como foi:
–Ai, Bendito, como botas tantos esgarros por esa boquiña, que aínda o demo vai rubir do inferno a cortarche a lingua? –díxolle a Rosa de Senra.
–Boto os carallos que me saen da cona –replicoulle con voz de gata prosmeira, estoupando de risa os nenos, os pais e mailos vellos que estaban ollando a escena ao seu redor.
Entón, o crego de Forcas, colorado coma un tomate, tras permanecer mudo escoitando a Bendito, acochado dentro da sotana da que amosaba o nariz de can gardián, disque nun amén desaparecera voando, fuxidío coma un lóstrego cara á ponte de Canceliñas, tras unha inesperada ventada que o erguera en voo coa sotana inchada como globo aerostático, lonxe do corro que arrodeaba a Bendito, máis coñecido como “Benita”.