venres, 31 de outubro de 2014

A andaina da castaña



Autumnus, plenitude do ano; novembro, o noveno mes no calendario romano: o 9 é un número perfecto, o do home, que nove meses cómpren para nacer, nove para o día dos santos…, malia ás dúas posturas: coa cabeza cara baixo, invertido, é o número 6, de mal agoiro na cabalística, o número da parca, unha señora de palabra que cumpre con todos: as ventadas, días antes do Samhain, anuncian a súa presenza coa gadaña, só os castiñeiros, moitos feitos unhas caracochas como pantasmas enfariñados trala néboa, aguantan ano tras ano pegados á terra: disque cando se espertaron os dinosauros, xa che estaban nos soutos… Magosto, magus ustus, festa máxica ao carón dunha fogueira: culto á fecundidade. Celebración celta de honra á nai terra no equinoccio outonal: festa do Samhain, fin do verán; noite de Halloween de ánimas e de fadas.                            
   O día de San Martiño, este ano o día oito, sábado, irei de andaina pola contorna do canón do Sil: itinerarios marcados nos camiños reais, nos de ferradura e por estreitas canellas, noutros tempos transitados por carros cantareiros, por burros e machos cara ós muíños e mais por homes varudos cargados con feixes ou con cestos dende os eidos; tal como cambia a vida, así mudan os personaxes nestes lares: unha fileira de homes, mulleres e mais nenos, xente moza, amigos da natureza, acudirán a visitarnos: estampas pasadías do fin de semana nestas aldeas onde non roxe case que ninguén.
    En Chandrexa do Sil, un vello anda queixoso di que non quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, luce morno mentres repousa o peso dos anos encima da Pena do Lobo, roéndolle o cu, fraco de chicha, pasa o tempo fitando os ollos na quietude do eterno fluír do río, que se vai indo e se queda; á noitiña, as castañas louras estoupan como petardos na prancha da cociña económica: “xa cho teño dito que cómpre amosegalas cun coitelo” –rifoulle a muller.  
    Enriba, no cumio do monte, a rapazada fixo un corro ao redor da capela de Trigoás: primeiro, un lume pobre de frouma e de garabullos; logo, leña seca apañada nas tapadas para alimentar a fogueira, día de andaina polo monte de troula cos amigos: mans tisnadas acarician a cara da mociña pola que ten o mozo o sentido no aire. “Acabáronse as vendimas / veñen as esfolladas / para comer coas mozas/ catro castañas asadas”, di unha copla popular.
     Á tardiña, de andaina á parroquia de San Martiño de Sacardebois a celebrar a mellor festa rachada do magosto: castañas asadas, viño novo, pan e chourizo, todo gratis; bailes de achego e de corro coa orquestra “Atrévete”, a mellor terapia para desconectar das novas da corrupción que nos feren os ouvidos: /Lume con recendo, / fogueira de cozos / de caracochas ardendo, / festa dos druídas / é o inicio do inverno: / estoupan os foguetes / nos eidos ermos. /
     O dezaseis, domingo, reza na axenda do concello a andaina micolóxica na Fábrica da Luz: a media mañá, saída ao monte coa navalla e mais unha cesta á procura dos boletos e mais doutros cogomelos nos soutos e nas carballeiras nas dúas banda do Mao; unha puñada de turistas van ao seu ar, senten dentro deles o tirón engaiolante do triángulo máxico: partindo da Fábrica pola pasarela que serpea á beira do Mao, baixa un cara Barxacova, logo hai que subir a petada da canella de San Lourenzo deica empoleirarse no alto da necrópole de San Vitor onde antes repousaba unha capela  e volta á Fabrica da Luz para a posta en común dos fungos comestibles apañados, e trala sosegada escolma, os chouparros seleccionados, con moito tento e a feito, pasarán ás mans da cociñeira, mentres na mesa do comedor esperan ansiosos os comensais cunhas cuncas de viño merenzao de cepas vellas, un caldo recuperado pola adega Ronsel do Sil.              
    O sábado, o 22, a terceira andaina da pisa das castañas en Purdeus, no chan da eirexa (Chandrexa do Sil): volven os sons propios da época da pisa das castañas quentes do canizo contra nun tarugo de madeira, a intervalos, entra polo ouvido o meneo da criba de media lúa, un ruxerruxe que vai aventando o po, as cáscaras e mailas belotas.                  
    Castañas pilongas, un recurso culinario nos restaurantes do concello. No Curtiñeiro: Lombo recheo de castañas e torta de castañas. A Casa Pepe, en troques, propón nesta andaina: Xabarín con castañas e mais pudin de castañas. A Fábrica da Luz, ofrece o cocido das avoas: de primeiro, un caldo tradicional de castañas; de segundo, costela de porco celta con repolo, chourizo e castañas; de sobremesa, un brownie de chocolate con castañas: unha delicia para os nenos.    
    Á noitiña, cando retornes ao teu lar, non sexa o demo que te esquezas de parar na panadería da Rosa, que elabora as mellores bicas da contorna: as bicas de castaña. Parada de Sil, 31/10/2014.

martes, 21 de outubro de 2014

O destino dos corruptos



Os avós da contorna de Caldelas falan dun túnel que vai dende o Sil, no canón, deica a vertical do mosteiro de Santa Cristina, din que fora escavado por debaixo do souto de Merilán polos criados dos freires como vía de escape, cando os mouros se aproximaban coas cimitarras de media lúa ás portas do mosteiro. O caso é que unha parella nómade de “amigovios,” como se di agora, seica a tragara a terra, a moza tirárase ao monte, tras ser rexeitada pola familia, de novos ricos, do prometido; o amigo, en troques, era un sindicalista da minería de Ponferrada que fuxira da vergoña dun “escrache,” pois seica xuntara unha morea de euros tisnados de negro co gallo de amainar as folgas do carbón.
         Din os vellos nos parladoiros do cruceiro de Forcas que entraran con fachóns prendidos e con moito ollo nos recunchos do pasadizo subterráneo; con todo e iso, nunha forcada de camiños, un sopro frío de bufido dun monstro parece que os deixa desnortados. Cos fachóns apagados, vagaron de acó acolá como morcegos, mais o tempo parou entre as paredes da gruta; entón, cos pés fríos na cova, entroulles o baile de San Vitor e de alí a pouco, esgotados polo arreguizo no corpo, quedaron na mina que percorre por baixo do mosteiro.    
         Non entres! que non te vai salvar ningunha loura Ariadna que tire do fío nos corredoiros entrecruzados do labirinto, que a modo de intricado Dédalo proxectara, aproveitando as galerías construídas polos freires, o prestixioso arquitecto Casares de Miranda a imitación do que se conserva soterrado no pazo de Micenas.
        Fora este titulado, doutor en arquitectura, o precursor da vivenda bioclimática para os penados, o gañador do concurso “Apuntes para o inferno do século XX”, o cal, aos ollos de Dante, pecaría con certeza de minimalista; porén, abofé que resultaría eficaz noutros tempos esvaecidos en dar tormento de cumpridas calorías a unha morea de xudeus, con perdón, acusados de viviren de manga, prestamistas usureiros, herexes como conversos xudaizantes, naquela penados pola Santa Inquisición por marráns.                  
         Casares de Miranda naceu na Casa de Viana polos anos corenta e pico. Casa grande de moita fachenda, e con memoria de atados que falan de aforamentos, cos seus décimos e primicias, das propiedades do mosteiro de Santa María de Montederramo, obrigas que rendían contas no cenobio de San Adrián: os labregos, como consolo da penosa quita, recibían en troques o “merchandising” das estampas, dos novenarios, misas de defuntos, rosarios e escapularios coa iconografía de San Martiño, patrón dos mendigos que se ven espidos na porta do inverno.
         Os políticos, de todo hai, son hoxe os xudeus daquela: van ao seu, non dan unha puntada sen nó, engaiolando aos incautos con campás de preferentes ou escudándose uns nos outros co consabido non me consta: "mexan por nós e temos que dicir que chove", dicía Castelao; de tan variada forma e cor que son coma as mazás: un carreteiro de barriscadas vermellas, unha banastra de reinetas de gardar, unha cesta de coiro de sapo, unha morea de repinaldas, e mailas outras que tocan o pandeiro: cómpre entrecoller as podres para que non corrompan ás outras.
         Son xente que engatan a un, malia de cuspiren moi alto, é a casta con caspa que non 'Podemos' aguantar por máis tempo empoleirada, recibindo subornos do poder económico con corruptelas de cartos en negro: gabelas e prebendas aos amigos, tarxetas bancarias opacas que compran vontades, a parte alícuota diferida dos orzamentos, reparto de décimos, primicias de portas xiratorias, correos de carteiras a Suíza, cursos de formación que se cobran e non se dan, ERES que non eran, paraíso fiscal en Andorra, a neve branquea os cartos que nin diola: porcións da torta que se comen ás agachadas antes de compartila na sobremesa cos demais, moitos con fame e a velas vir: primeiro, ripáronlle os cartiños aforrados con penurias, “vostede firme aquí…”, coas preferentes; logo, quitáronlle a casa, porque non ollaban maneira de afrontar a hipoteca.
         Non veñades con milongas festivas nin con enredos malabares que distraian  ou velen a arañeira da rapina, non xa! Se o ceo é ollar a Deus, o inferno para os corruptos será tornalos dos presebes do Estado, fóra con eles que nos tratan de parvos. Os paisanos da ribeira do Sil son sabedores do beneficio da rexeneración coa poda dos castiñeiros. Tarefas da demouca e da limpa dos soutos: a esgalla de pólas retorcidas con nós, aliviar os castiñeiros das trabes podres, entrecortar as fillas, as máis ruíns, que abrollan das vellas caracochas e, antes da castañeira, verse un na obriga de cortar a maleza que medra ceibe co gume de lei dunha fouciña.
         Que toquen a defuntos as campás de Santa Cristina, sons de compaña no auto de fe dos condenados por corrupción:

Tras ellos vinieron doce hombres y mujeres, con cuerdas alrededor de sus cuellos y velas en las manos, con con caperuza de cartón de tres pies de altura, en las cuales se habían escrito sus delitos, o representados de diversas maneras. Iban seguidos por otros 50, que también llevaban velas en sus manos, vestidos con un sambenito amarillo o una casaca verde sin mangas, con una gran cruz roja de San Andrés delante y otra detrás” (…) Auto de fe celebrado en Madrid en el ano 1680.

         Unha fileira de xudeus, illados do choio coa cabeza gacha, van depositando os cartos roubados nas banastras dos pobres; axiña de imploraren o perdón, que sintan dende fóra o frío da vergonza: Ladrónsss…! Mamónsss…! Logo, entrarán no inferno do souto de Merilán: por fin, arredados do “poderoso caballero es don dinero”.






















luns, 6 de outubro de 2014

O galo de Barcelos


O galo de Barcelos
A xente dálle por falar que seica houbo un simposio da crise do euro, unha xuntanza de representantes dos países da periferia, os nomeados “PIGS”. O lugar escollido foi o albergue da Fábrica da Luz de Barxacova (Parada de Sil), á beira do río Mao e a unha carreiriña de can da necrópole de San Vitor. Portugal, o país do galo, mandou a un recoñecido economista da Universidade de Braga, un home afable e sinxelo que adoitar viaxar lixeiro de alforxas; por parte de España, non se atoparon doutores en Economía dispostos a repousar nunha liteira mesturados cos rapaces de don Eduardo Breogán que viñeran voluntarios co gallo da descuberta do xacemento arqueolóxico. 

   Disque esta crise amosa dunha hiperplasia de ladrillo especulativo con metástase noutras industrias auxiliares: os bancos pecharon a billa dos cartos, entón foise todo ao carallo. Certo. E disque, malia que as mentes máis preclaras dos mestres gurus da enxeñería económica anden na pescuda dunha pronta recuperación, ao final baixan as orellas, pondo en consideración, mal a seu pesar, que esta maldita recesión polo xeito de se fraguar, mesmo, pode vir de resultas de feitizos meigos.      
                                                                        
    Así que, nos parladoiros do Simposio da crise do euro, tamén ten cabida a cábala dos números, que nesta desfeita bailan como os tarabelos nas portas, doutrina antiga dos mestres xamáns; ademais doutros obradoiros exotéricos da cartomancia, das pitonisas e meigas que matinan en trocaren, ao seu entoxo, o porvir de grandes e pequenos tralas liturxias dos conxuros: / Lagarto, lagarto, / dime a verdade, / se non te parto! /  
                                  
     Na desbandada, os voitres andan voando sobre as presas indefensas para comerlle os poucos cartos que, mal como puideron, salvaron da queima, mais axiña lles serán ripados con enredos malabares de depósitos preferentes e de rendas subordinadas.                        

     Imos guichar polo ollo da cerradua a ver como vai indo o debate na sala de usos múltiples da Fábrica da luz: o doutor de Braga e mais a meiga de Mondoñedo están na palestra ollando en fite as posíbeis saídas de socorro desta celada:   
                                                                               
   –Dr. Lúcio Almeida: Antes de comer de galinha, há que comer de sardiña; é preciso começar outra vez de cero –comentou o profesor de Trás-os-Montes. 
                                             
    A meiga de Mondoñedo: “Polo poder do meigallo que me confire o pauto co demo, que se esfume a crise bancaria do presente e que retorne o negocio ao pataco do pasado: a unha moeda pobre que non se quente!” –conxurou a meiga.    
                  
   Tras longos debates, confrontadas as posturas da ciencia coa alternativa do esoterismo, o voceiro da UE enviou o seguinte parte que resume o encontro: “Acadados os obxectivos do franco Norte, a tropa ibérica, esgotada e famenta, vén en retirada ao status quo do presebe de antano: cachelos con iscos, no país de Breogán; as gachas, na Castela; sopas de tomate, no Alándalus ; as feijoadas, en Portugal, o país do galo.                                     

     “Un mal fado para os lusos, os celtas e mailos outros reinos ibéricos de máis acolá, agora fóra do euro. Si, pero non: pois hai que engadir que no último suspiro de quedarmos a velas vir, un milagre, que Deus é bo e o diaño non é malo, fixo que amosara o galo de Barcelos debuxado no horizonte, galo milagreiro que cantara despois de asado para salvar a un pobre peregrino que ía camiñando cara Santiago, o galo de dourada crista, como digo, vén voando cara nós, batendo as ás de baixo cara arriba, disipando ao seu paso os grises nubeiros dun próximo retorno ao rego do pataco.
                                                                 
  “Esperan días de foliada e de pándega para os ‘PIGS’: o pesadelo da crise, que nos deixara tesos coas portas atrancadas na longa noite de pedra, como dicía o poeta, vaise desenmarañando coa luz dun novo amencer nos ollos: as meigas andan peneirando os negros agoiros para enfornar de novo pan candeal, xa fartos do centeo que se amasa con suor e se come con areas esmiuzadas tralos recortes de tanto picar onde non hai. O desexado outono comeza a medrar nos prados, renacendo dunha longa seca: o galo de Barcelos desatando co seu pico o nó gordiano da crise, empoleirado na tribuna coma un maraxá, deu a nova cun quiquiriquí de triunfo (pica para escoitar o galo): “La tasa de variación interanual del PIB español se aproximará al 2 % en el último trimestre de este año, tasa que también podría ser la de crecimiento medio de la economía en 2015”, mensaxe que se repetiu nos xornais e telexornais, presumindo o galo de compadre, na imaxe de Luís María Linde, lucindo as plumas douradas de Gobernador do Banco de España. (Desto xa medraron os carballos).