venres, 31 de maio de 2013

mércores, 22 de maio de 2013

O coche misto da feira envorcou



–Onde…? Nas curvas dos penedos de Abeleda (A Teixeira).                                                 –Cando…? Coido que sucedeu o 18 de febreiro de 1964, á noitiña.                                    


Os veciños de Doade, de Marcelle, de Sober e mailos tendeiros de panos de Monforte retornaban contentos no coche misto: fixeran boa feira en Castro Caldelas, aínda que un home de Gullade, que lucía sombreiro e calzóns de pana, viña enfurruñado, laiándose, o parvo, para os seus adentros, porque consideraba que esta vez non estivera fino no trato da parella de bois que lle quería mercar a Antonio de Senra.                                                 
Levara consigo, acochados no peto da chambra, moitos cartiños aforrados dos becerros e das patacas, pero por falta de arroutos, que lle sobraban á su muller, volvera con eles de volta para a casa, canso de mirar e remirar os bois e de regatearlle os cartos: Canto queres…? E logo canto me dás…? Ti toleas ou estás de broma, eh…? Así que, malia á aparición do terceiro home que propuña, como o rei Salomón: “Pola metade, nin para ti nin para el”, nin así afrouxou a carteira tras mediar o bo home na tirapuxa.            
       
     “O Troita” de Val do Bolo, en troques, estivera na feira a comer a fartar: un prato de polbo con cachelos, pan, media xarra de viño da Teixeira e mais unha copa de licor café na cantina do Grilo, ademais da bica de Sas de Penelas. De maneira que volteaba alegre cara Marcelle; comera e mollara a palleta a eito, certo, pero mira ti, aínda lle sobraran cartos para mercar unha aixada para a derrega dos lameiros e mais un fouciño para achicar os silveiros.       
      
     Mais na curva da serpe, baixando de Abeleda, cerrada en pendente, á beira do Sil… axiña dun repentino balbordo de berros e ruídos, todo quedou patas arriba. Os tendeiros de teas de Monforte desapareceron nas augas quedas do encoro. Días despois, amosou unha parella, envurullada nunha mortalla de sabas, afogada á altura da Barxa, recibindo sepultura no atrio da igrexa de San Martín de Sacardebois, por causa de finaren cos pecados propios dos xudeus que dende antano se dedican a furtar no troque do comercio. E como non hai dúas sen tres, un dos fillos do Petolo, o da empresa do coche da feira, días despois, matouno unha chispa.                                                                                                                                                              
     O Troita non deprendera a nadar. Cando os mozos baixaban ó Sil á pesca da troita vella do pozo, este rapaz que non levaba cana nin gana, mataba o tempo de espera capando o río, guindándolle pedras ou cachos de tella, mais como dicía o outro: “Non se collen troitas coas bragas enxoitas” de aí, a retranca do alcume. Nesta ocasión límite, seica estivera a piques de salvarse, agarrado ó rabo dun porco larengo; malia que, na orela de Doade, o espelido animal saltou á parede dun patao que quedara ó nivel da auga, o parvo do Troita estirou os brazos a unha lasa que sobresaía dunha parede, pero a condenada pedra escapoulle das mans, esvarando fuxidía cara o fondo e, detrás da pedra, foi il.                                                                                                                                         
     Tampouco lle sorriu a fortuna ó mexericas de Gullade que se foi cos pesares que trouxera da feira á outra banda, mentres agarraba os cartiños aforrados que levara consigo para mercar os bois: a barriga preñe das augas quedas do embalse de Santo Estevo lapouno de contado sen responsos nin misericordias. Pena dos cartos, ho!

sábado, 18 de maio de 2013

Flores chorimas



A meiga de Requián (Parada de Sil), fermosa aldea preto dos Fiós, onde mora o señor Inverno, pegoulle tal golpe de risa que, mesmo, lle houberon de pingar as catro moas que lle quedaran abaneando nas enxivas, mirradas polo paso dos anos, como caen as castañas dos ourizos no souto de San Andrés, a mediados do outubro, mentres o viño novo das Albeanas, do cerengo de San Adrián ou, embaixo, do Outeiro está a soprar burbullas nun cacharro de auga: cantigas da colleita do outono que alegran as adegas dos ribeiraos de Sacardebois.        

   A vella de Requián, un día marcado no calendario, fixo dedo a un veciño de Forcas que transportaba no sollo dun carro, turrado por unha parella de bois, unha carga de pedras labradas de mármore co gallo de arranxarlle un nicho á súa mai que estaba a apiques de finar no mesmo leito, aderezado cun xergón de follas de millo, na mesma cama de latas de castiñeiro onde vira a luz polos anos corenta. E disque no mesmo xergón, recargado ano tras ano con follas novas debulladas no alpendre, entre ruxe e ruxe, nas noites frías de inverno fora cargando a barriga cunha ducia de fillos, que fora parindo, con perdón, un por cada ano até sumar doce: que non eran tantos, que máis pare unha coella, non é? A vella de Requián, a codia non a quere o miolo non llelo dan, quedara ceibe dos abrazos dun home, malia que for un homiño a medio levedar, que xa se encargaría ela, coas artes de muller meiga, de moldealo ao seu xeito. Chuchada e desdentada ela, houbo de afuracar o pan co dedo furabolos para comerlle o miolo no recadén do carro, gustosa de escoitar, mentres comía o panciño mol, o seu cantar queixoso.

   Unha mañá, axiña de persignarse ao pé do peto das ánimas de Teimende, saíu cara Forcas á procura dun carro que fose de camiño: en Espiñas, debruzada na parede dun valado, botoulle un aturulo á ribeira do Sil; en Forcas, ollou en fite o cruceiro, chorando bágoas porfiadas dos ollos: disque o Señor descolgara unha mao para facerlle un aloumiño nas meixelas, mentres preto da igrexa andaba por alí mexendo o crego da parroquia, remangado de camisa, facendo que facía sen facer nada. 

    –Meu Deus, que cousa máis fea, o crego vestido de home! –díxose para os seus adentros, antes de baterlle a queixada co tatexo de seu, perante ao señor abade que saía dunha caracocha ó pé do sagrado, onde entrara para aliviarse, gardando o pito vichelocrego dentro da súa gaiola.

   Logo tirou cara ó Mao. Ó abeiro do arco da ponte de Canceliñas, foi quitando os refaixos encebolados, un tras doutro, para as ablucións lentas e parsimoniosas como meiga que se purifica unha vez ó ano, por san Xoán; e xa cansa da liturxia preparatoria para a viaxe, rematou a andaina polo canle da fábrica vella, agora inzada de toxos de flores chorimas, deica deitar nunha tumba aberta na necrópole de San Vitor que lle cadraba á medida, co pan de ofrenda escoitando os latidos do seu corazón fatigado, cubrindo o corpo amolecido con ramallos de flores chorimas mesturadas con campaíñas de estalotes.

   Entón, así pola boas, coma quen di que salta un coello detrás dunha mata, apareceu San Vítor empoleirado no asento da que fora antano a súa capela. Sen parar mentes, axiña baixou onda á muller, que se dispuña partir para a outra banda, para darlle a bendición de despedida antes do pasamento e pecharlle os luceiros que lle quedaran prendidos, ollando o ceo: ós poucos, o ollo do luar enfocou a antiga necrópole; as fervenzas do Mao continuaron ruxindo, mais agora íanselle apagando os aires entre as ladeiras do canón; o manto gris da noite, pouco a pouco, foi cubrindo o lar enmeigado de San Lourenzo de Barxacova, un lugar máxico da Ribeira Sacra.

mércores, 1 de maio de 2013

Os barqueiros de Parada de Sil



Para cruzar o río Sil –no Porto, na Barca de Baixo, en Meixide ou en San Fiz– antes do encoro de Santo Estevo, ademais das dornas para unha soa persoa que se usaban para botar na auga os enxeños da pesca das troitas, as nasas e mailos galaritos, ou, mesmo, para traballar as viñas noutro lado do río, había outras barcas, tamén lixeiras, para o traslado da xente que ía ou viña da estación do tren de Monforte e mais outras, medianas, para unha cabalería ou unha res.   
      As máis grandes usábanse pouco, porque cumprían dous homes para remar, só cando viña unha xugada de vacas ou unha reata de cabalerías para as feiras de Sober, Pantón, Monforte ou pasaban o río, en sentido inverso, de Lemos a esta banda, ás feiras de gando de Montederramo, de Chandrexa de Queixa, de Castro Caldelas e de Maceda, entón, non había outro remedio que empregar estas barcazas e remar, virando a súa proa un pouco cara a arriba, a contracorrente, co gallo de alcanzaren a outra orela, dado que, ás veces, nas enchentes do inverno, a forza da auga, que baixaba a cachón, arrastrábaos río abaixo.
     Naquela, tiña moita sona a feira dos bois de Montederramo: “Polo camiño vello que vai dende Vilariño a Pradomao cara a Ribeira había unha paraxe” –recorda a nai de Antón Fernández de Vilariño Frío, unha señora de 90 anos cunha memoria aínda prodixiosa–que se chamaba a Casa Nova, onde pasaban a noite os tratantes de Lemos que acostumaban acudir á feira de Montederramo á procura dos bois da montaña”.
     Á romaría do Santuario dos Milagres acudía por entón moita xente devota da Virxe e das empanadas ao pé do Santuario. Coa noite pecha, a mocidade retornaba da esmorga alumando os camiños con fachóns de palla de centeo, que ripaban dos palleiros, á beira dos camiños: eran días de moita xeira coas barcas.                   
     O tránsito entre as dúas bandas do Sil era continuo: a mocidade acudía á chamada dos foguetes e das campás que repenicaban engaiolantes ás romarías de Amandi e de Cadeiras. A esta banda do río, viña tamén a mocidade de Lemos ás festas do Carme, en Sacardebois, ás de Triguás e mais ás cocas de Santa Tegra pola ponte de Abeleda.                                                      
       Á tardiña, cando rubían ao Santuario de Cadeiras e tamén cos primeiros tímidos luceiros do luar, ao retornaren, as barcas non daban abondo con tanta mocidade que, por entón, había un exame de mozos e mozas nestas aldeas da Ribeira Sacra, que daba gusto velos. Cos bailes, coa bota de viño e coa pándega de cabrito, as mozas abríanse ao namorisco e, despois de varios encontros noutras festas, falaban, mirándose no espello dos ollos, sendo frecuentes as parellas, ás veces amañadas polos pais dos mozos e mozas, dos dous lados do río.
     Os miúdos das casas grandes e con haberes pasaban nas barcas montados nas bestas para acudiren aos internados dos colexios Escolapios e da Divina Pastora en Monforte. Os ribeiraos máis pobres, en troques, tamén se achegaban ás barcas coas cestas de pavías, que vendían nas vilas e feiras da bisbarra de Lemos. Cada cando, se lles facía ao caso, trocaban as pavías, cereixas, uvas e pexegos por un saco centeo da chaira, que lles cumpría para cocer o pan no forno de leña.