mércores, 1 de maio de 2013

Os barqueiros de Parada de Sil



Para cruzar o río Sil –no Porto, na Barca de Baixo, en Meixide ou en San Fiz– antes do encoro de Santo Estevo, ademais das dornas para unha soa persoa que se usaban para botar na auga os enxeños da pesca das troitas, as nasas e mailos galaritos, ou, mesmo, para traballar as viñas noutro lado do río, había outras barcas, tamén lixeiras, para o traslado da xente que ía ou viña da estación do tren de Monforte e mais outras, medianas, para unha cabalería ou unha res.   
      As máis grandes usábanse pouco, porque cumprían dous homes para remar, só cando viña unha xugada de vacas ou unha reata de cabalerías para as feiras de Sober, Pantón, Monforte ou pasaban o río, en sentido inverso, de Lemos a esta banda, ás feiras de gando de Montederramo, de Chandrexa de Queixa, de Castro Caldelas e de Maceda, entón, non había outro remedio que empregar estas barcazas e remar, virando a súa proa un pouco cara a arriba, a contracorrente, co gallo de alcanzaren a outra orela, dado que, ás veces, nas enchentes do inverno, a forza da auga, que baixaba a cachón, arrastrábaos río abaixo.
     Naquela, tiña moita sona a feira dos bois de Montederramo: “Polo camiño vello que vai dende Vilariño a Pradomao cara a Ribeira había unha paraxe” –recorda a nai de Antón Fernández de Vilariño Frío, unha señora de 90 anos cunha memoria aínda prodixiosa–que se chamaba a Casa Nova, onde pasaban a noite os tratantes de Lemos que acostumaban acudir á feira de Montederramo á procura dos bois da montaña”.
     Á romaría do Santuario dos Milagres acudía por entón moita xente devota da Virxe e das empanadas ao pé do Santuario. Coa noite pecha, a mocidade retornaba da esmorga alumando os camiños con fachóns de palla de centeo, que ripaban dos palleiros, á beira dos camiños: eran días de moita xeira coas barcas.                   
     O tránsito entre as dúas bandas do Sil era continuo: a mocidade acudía á chamada dos foguetes e das campás que repenicaban engaiolantes ás romarías de Amandi e de Cadeiras. A esta banda do río, viña tamén a mocidade de Lemos ás festas do Carme, en Sacardebois, ás de Triguás e mais ás cocas de Santa Tegra pola ponte de Abeleda.                                                      
       Á tardiña, cando rubían ao Santuario de Cadeiras e tamén cos primeiros tímidos luceiros do luar, ao retornaren, as barcas non daban abondo con tanta mocidade que, por entón, había un exame de mozos e mozas nestas aldeas da Ribeira Sacra, que daba gusto velos. Cos bailes, coa bota de viño e coa pándega de cabrito, as mozas abríanse ao namorisco e, despois de varios encontros noutras festas, falaban, mirándose no espello dos ollos, sendo frecuentes as parellas, ás veces amañadas polos pais dos mozos e mozas, dos dous lados do río.
     Os miúdos das casas grandes e con haberes pasaban nas barcas montados nas bestas para acudiren aos internados dos colexios Escolapios e da Divina Pastora en Monforte. Os ribeiraos máis pobres, en troques, tamén se achegaban ás barcas coas cestas de pavías, que vendían nas vilas e feiras da bisbarra de Lemos. Cada cando, se lles facía ao caso, trocaban as pavías, cereixas, uvas e pexegos por un saco centeo da chaira, que lles cumpría para cocer o pan no forno de leña.

Ningún comentario: