Canón do Sil (La Vanguardia) |
En Parada de Sil, o lugar con máis encantos de Galicia, no canón do miradoiro dos Balcóns de Madrid, a deusa Xuño permaneceu metamorfoseada nunha pena antropomorfa rodeada dun xardín de bonsais que aínda hoxe medran preguiceiros en estado natural: moreiras, arandeiras, acivros, érbedos, sobreiras, castiñeiros, carballos diminutos...; uces, piornos, toxos, xestas, xara e caraveis...; carqueixas, lavandas, ouregos... até que se arrepentiu, volvendo ao carón de Xúpiter, o cal, agradecido, tivo a ben que en adiante lucira Xuño o corpo insinuante de curvas e de contracurvas no percorrer do río Sil por estes lares sacros, e que vestira as súas faldras verdes, ocres e moradas, abas tecidas coa mestría de Autunnus en liñas estreitas de socalcos, brancas ou negras, tendidas ao sol, e que se quitaran os atrancos no leito do río que vai serpeando cara abaixo, reconciliados nunha aperta apaixonada con intercambio de fluídos, de augas preñadas de pebidas de ouro, no lugar dos Peares, de onde partirían fusionados no Miño cara ao mar océano: recibidos por Neptuno nun balbordo de espumosas olas e agradecidas loas.
Mais pasadas dúas lúas de mel, as augas volvéronse bravías: Xúpiter andaba metendo o seu cichón, inquedo, nos tobos das criaturas da contorna, valéndose do seu don mimético, deixando as medorras, fervenzas, canellas e penedos da ribeira do Sil repoboados de seres raros, cativos ou híbridos: nubeiros, sacaúntos, píntigas, encantos, alicornos, lobishomes, bruxas chuchonas, fadas, demos, trasnos, aves noiteiras, biosbardos, avelaíñas, mouras, lavandeiras da noite, ninfas feiticeiras e mais outras criaturas de lévedo de mala madre que viven acochadas no teu redor.