domingo, 30 de setembro de 2012

Os Casares de Parada de Sil


‘Casares’ é un apelido de orixe vasca, que en romance vén ser coma se dixéramos un sotobosque, breña ou cousa parecida. A Casa Solar dos ‘Casares’ seica tivo o seu berce no lar de Alza, desto xa medraron os carballos, claro; agora Alza é un barrio de Donostia dotado co ‘Centro Cultural Casares’, en honor a esta familia de avoengo. Disque unha liña destes Casares foi parar a Cantabria, arraigando longos anos na aldea de Toranzo: ao parecer, desta rama montañesa procedemos os Casares de Parada de Sil, a ver como cho explico, sen enredarme nas pólas desta árbore xenealóxica.
 

Francisco Casares figura como tallista-escultor no censo de Ensenada de 1756. Certo. E disque partira de Cantabria cara Parada de Sil co gallo de cubrir a ábsida do Mosteiro de Santa Cristina cun retablo barroco, ao gusto da época, e que tivera casa e lareira en Fondodevila, onde arraigara ao carón do Sil. De Francisco Casares, o noso devanceiro artista, descendemos tódolos Casares de Parada de Sil: José Casares, o xastre que deixa aos veciños feitos un pincel; a súa sobriña, a panadeira, que elabora as mellores bicas da contorna; na ribeira, os da Casa de Viana, e mais outros. (O retablo devandito pódese ollar na igrexa de Sacardebois, grazas ao empeño e bo facer na súa restauración levada a cabo por Helito do Sagrado, artesán e mais ebanista primoroso).  

Outra puntada no perfil dos Casares de Parada: Casimiro Casares,  neto do escultor, foi concelleiro do Concello, cando daquela estaba nas maos dos liberais, con José Gómez de Páramo á cabeza. E resulta que o fillo de don Casimiro, Tomás Casares, médico el, veu na conveniencia de casar coa rapaza de don José Gómez de Páramo, a señorita Ramona Gómez Losada, filla vinculeira da Casa de Viana, así que deste xeito, o apelido ‘Casares’ pasou a intitular a miña liñaxe.

E para rematar o desenrolo do devir da familia Casares, só falta engadir que os nosos devanceiros, víronse implicados na política e na guerra, servindo tanto por mar como por terra ao rei Alfonso VIII, xunto a quen loitaron na batalla de ‘Las Navas de Tolosa’, en 1212. Os anais da época falan de Don Juan e don Pedro Casares que formaban nas filas de Don Diego López de Haro, señor de Biscaia, segundo vén testemuñado no traballo manuscrito de Sebastián Lisazo, titulado: ‘Nobiliario de los Palacios, Casas Solares y linajes nobles de la Muy Leal y Muy Noble provincia de Guipúzcoa’. Nobreza de alma que, con certeza, herdamos tódolos Casares do Concello de Parada de Sil.

Escudo de Armas. Escudo acuartelado: 1º y 4º, en campo de prata, un xabaril de sable andante; 2º y 3º, nun campo de ouro, unha torre de gules. Concello de Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra. 

Loas o meu fillo Eduardo que andou á procura destes datos da liñaxe Casares cos que artellei o artigo que acabas de ler.

xoves, 20 de setembro de 2012

Parados na rede



Dicía un anuncio: “Todo está no Internet, instala o ADSL e non saias da casa a traballar”. Así o fixen. O meu fillo, como está no paro, pasa todo o santo día enganchado ao “TablePC”. E como nesta terra pobre de minifundios da Ribeira Sacra, á beira do Sil, non hai traballo, púxenme a cavilar deitado no leito recordando o conto da leiteira: ‘Vou mirar de mercar unha pequena dorna a ver se pesco unhas troitas, aínda que sexan unhas carpas, no encoro de Santo Estevo, na altura da desembocadura do río Mao, alá no recuncho de Barxacova, onde, ao solpor, dá gusto ollar os peixes brincando a cada pouco, limpando o encoro de mosquitos, e nos con ganiñas de botarlles o guante, e claro como levo tantos anos parado, coa canseira de can no corpo, vaime ir ben o choio da pesca, tantos anos esperando que me chamen do paro, o Inem deixa pegadas no corpo, certo como cho digo, xa entumecido coma un bacallau, porén imos ver, o enredo da pesca é pan comido’, me dixen para os meus adentros.

            Así que, por fin, determinei facer algo de proveito, movéndome deste estancamento: merquei os aparellos da pesca nun chino e encamiñeime cara ao río. Alí permanecín parado coma un estafermo á beira do río todo o santo día a velas vir, e logo volvín outro día, que nos comezos dunha industria ou dun traballo, hai que pór empeño, e así un día tralo outro, co ollo do sol a piques de furarme a tapa dos miolos e de queimarme as poucas neuronas que conservo acendidas, mentres seguían a picarme os malvados vampiros, demoño de mosquitos, obrigándome coa caña a un continuo mobbing de acó acolá, como se tivese o mal do formigo metido nas entrañas. 
  
            ‘A vida é dura, aguanta e espabila, que estás feito un pínfano, me repetía a cada pouco a miña muller que trouxera de cando a mili no C.I.R. de Badajoz’, recordaba todas estas verbas da muller para darme azos para seguir para adiante, mais axiña caín na conta que o traballo, nin este nin estoutro, abofé que non se fixera para min.

             De maneira que unha tardiña, no solpor, ao voltear do río coa cesta baleira, feito un ecce homo, díxenlle ao rapaz: “Dende hoxe, imos trocar os aparellos, eu quedarei na casa a navegar pola rede, seguindo o consello do anuncio da tele e ti irás á procura da vida coa dorna a pescar, que es un mozo, na idade de traballar e mais outras recomendacións de proveito que lle deitei na orella. O rapaz engurrou o cello, mentres refungaba unhas lerias polo baixiño, porén ao final aceptou a proposta. Así o fixemos. Porén, malia que xa pasaron sete días de estar eu enganchado na rede do internet, navegando por mares descoñecidos e turbulentos, só pesquei tres vermes troianos, deixándome a máquina bloqueada cun aviso de que tiña que pagar unha multa de cen euros por navegar seducido por cantos de sereas de mulleres fermosísimas que nunca en outra me vira, mecagoental!
            Por outra banda, o rapaz, véndose na obriga de saír da burbulla do seu cuarto e de respirar o aire fresco que baixa polo Canón do Mao, cos pés torpes dunha longa vida sedentaria, o demo do rapaz esvarou polo valado á beira  do río, quedando enchoupado coma un pito nas augas quedas, ollando o ceo con ollos de peixe. Horas despois, malia ás copiñas de licor café que lle ofrecín para que entrase en calor, aos poucos pescou un arrefriado de moito carallo, o pobre, agora aí está no leito, delirando non sei que proxectos de cara ao futuro. E como as desgrazas non veñen soas, a muller, a Xenerosa, farta das nosas miserias, hoxe fuxiu de nós.

mércores, 19 de setembro de 2012

Sacardebois, Parada de Sil, un país de lerias






Unha estampa de Sacardebois: a familia da Casa de Viana, sete irmaos, todos xubilados.







O programa visita a Ribeira Sacra ourensá, concretamente, a Parada do Sil e preséntanos a Amadeo, que ofrece a súa despensa e a súa adega.
Da man do retranqueiro Alfonso Tellado, aprendemos a cocer a riquísima bica de Parada e coñecemos un xastre dos de antes, de traxes á medida. Ademais, o equipo do programa ten tempo para compartir sobremesa con mulleres e homes sabias/os e retranqueiras/os, xa que sairá repartir cun tendeiro que ten de todo, verá que na terra do viño tamén hai bo gando e mesmo montará en barca. Para ollar o video, pica co rato en Amadeo.

xoves, 13 de setembro de 2012

Felipe de Barxacova


Hoxe espertei eufórico con ganiñas de chiscarlle un ollo a unha moza –dicíalle Felipe de Barxacova, o outro antonte, a un puñado de turistas que subían cansos de percorreren a pasarela do Mao– máis enriba está a aldea castrexa de San Lorenzo, e a unha carreiriña de can a necrópole de San Vitor, agora mesmo andan furgando nela, o que leva a batuta évos un tal Eduardo, o dos contos, non!, que o rapaz de Viana anda nos biosbardos co maxín no aire inventando dicires duns e doutros... Estoutros seica que che veñen da Universidade de Santiago, que son doutores en arqueoloxía, escarvando na terra coma as toupas, o que manda é o tal Eduardo Breogán, aínda onte falei un bocado da capela do alto da pena de san Vitor... no fondo, a fábrica vella da luz, hoxe convertida nun albergue, todo isto fíxoo este alcalde, que vale un potosí; tirando cara Sacardebois, o cenobio de San Adrián: un recuncho encantado do Concello de Parada de Sil.

               Pero volvendo ao conto, a min gústanme as mulleres lucidas de peitos, alegres e simpáticas como aquela mestra que antano estivo por aquí para alegrarnos a vida, a señorita Florinda, que ensinaba as cousas da vida.“Carpe diem” dicíalle don Feliciano, o crego, que non sei que demoño lle quería deitar na orella con estas verbas, cando a rondaba facéndolle as beiras nos días soltos, desto xa medraron os carballos, claro. Eu mirábaa de esguello, pero ela non reparaba en min que lle gustaba máis porse como gata prosmeira ao carón do cura, sedutor el, que falaba latín e que acochaba o tesouro das partes pudendas por debaixo do traxe talar, aínda sen explorar, refungando a cabalo dunha moto Derby, nova do trinque; en troques, eu tíñame que contentar presumindo co meu burro Perico, que rubía camiñando paseniño pola carrioza, soltando a cada pouco algún peido, subindo dende Espartida a San Lourenzo nos días grises de enterros e cabodanos... Bos días, señorita, quere unhas cereixas? –dicíalle ao pé da fonte– e a mestra, como a deusa Venus, contestábame cun sorriso, para axiña comezar a comer as cereixas devagar, ao meu carón, pechando os luceiros e abrindo a boca de fresa con moita picardía e cerimonia, muller lúbrica nunca máis vira por ningures, porén non souben engaiolala coa miña fala tan escura nin co meu corpo, de destripador de terróns, que a min, un supoñer, unha moza seca, lisa e recatada, como unha monxa segoviana, con perdón, tampouco me vai, porén as outras, con máis curvas e donaires, non reparan na miña presenza, así que non houbo forma de casar a ningunha nun matrimonio que é de seu, ata que apareceu a María, que quedara viúva, pero que non tardou moito en finar dunha friaxe que lle entrara no corpo unha noite na terra fría de Trives, a pobre, morreu coma un paxariño... hoxe espertei alegre, que me comía o mundo a bocados, como antes cos negocios dos barquillos, das castañas e das noces, no viño, na augardente en calquera choio que se me presentase para apañar uns pesos, así que saín ao balcón con ganas de botarlle un aturulo ao río Mao, por ver se facía calar as fervenzas que baixan fuxidías, lambendo as pedras dende a ponte de Canceliñas, mais, hai carallo! só che me saíu un berro mudo, cavernoso, coa carrasqueira dun vello coa gorxa queimada polos ducados e maila augardente, que cumpría daquela para espreguizar as arañas do estómago na parva, aínda que como lles digo isto dígolles estoutro, que era máis da condición de aforralos para as miñas andainas nos carnavais de Río, onde as “garotas” están a riren que nin diola!, movendo o traseiro nunha samba, danzando 'o axé' ou, mesmo, a capoeira para quitarche as penas do corpo... xa andará vostede polos…? E logo, cantos me bota? Pois, non sei, por riba dos… nacín polos anos vinte, así que bótelle a conta, aínda que a estas alturas da vida, como os anos  xa non contan, tampouco se contan. Felipe de Espartida. Parada de Sil, o berce da Ribeira Sacra.

domingo, 2 de setembro de 2012

A empatía do poder


O silencio é figura en música e puntúa na escritura, certo; de te illar do mundanal ruído, como dixo o poeta, poderías ouvir o sentir da natureza: nos rueiros das aldeas de Caldelas xa non roxe ninguén; a natureza volve ao seu, imperando o dominio dunha comunicación sutil e silandeira na flora e mais na fauna autóctona, imperceptible aos ollos e ouvidos dun foráneo co sentido alporizado polo remuíño da vida moderna.
A xente importante, con creto de seu, sabe escoitar con empatía aos que máis saben e adoitan falar pouco: Buda leva un mangado de anos, controlando a metade da humanidade sen falar ren; Deus falou unha vez, mais daquela xa pasaron 2000 anos.
Os oficiais do exército teñen as cantinas separadas da tropa co gallo de conservaren o halo da autoridade. Os xenerais non frecuentan as cantinas: é a soidade dos mandos.
O Goberno disque fala pouco de cómo se está amañando o rescate que virá no inverno, cos santos inocentes; que don Mariano fala con palabras comedidas, certo, co gallo de non alborotar ao galiñeiro dos especuladores, e isto está moi ben. Pero, ai! o que dis hoxe, non comulga na misa de mañá, e isto, don Mariano, dóenos. Escoite, de falares, coida que as túas palabras sexan mellores co teu silencio, que o peixe morre pola boca, e non me veña axiña, ou máis tarde, que onde dixen digo, quixen dicir Diego.
Así que o equipo do PP vai perdendo seareiros polas reviravoltas do equipo técnico, perdendo no campo do xogo político, coa prima cara arriba, facendo levedar unha morea de desvinculados, os novos ateos, os que van por libre, porque non se fían dos predicadores de falsas promesas, perdida a fe mariana, renegados antes da benquerenza e bo talante de ZP, manco o sistema, pois, de oficiantes con creto, empoleirados cadaquén no seu púlpito ou na poltrona de cinco mil euros ao mes, disque ‘pasándoa canutas’, moucos ao murmurio do sentir dos cidadáns, fartos e cansos, pegados á crúa realidade de saberen o que vale un café, atrapados no ‘corralito’ das preferentes ou enganchados á hipoteca que non poden seguir pagando. Están a percorrer os tempos, pois, dunha longa seca e non se albisca no horizonte político unha nova estrela que tire do carro ibérico.
O próximo voto para vostede, don Amancio Ortega, fundador do imperio Inditex. Mentres, mire por nós e que Deus llo pague.