O silencio é figura en música e puntúa na escritura, certo; de te illar do mundanal ruído, como dixo o poeta, poderías ouvir o sentir da natureza: nos rueiros das aldeas de Caldelas xa non roxe ninguén; a natureza volve ao seu, imperando o dominio dunha comunicación sutil e silandeira na flora e mais na fauna autóctona, imperceptible aos ollos e ouvidos dun foráneo co sentido alporizado polo remuíño da vida moderna.
A xente importante, con creto de seu, sabe escoitar con empatía aos que máis saben e adoitan falar pouco: Buda leva un mangado de anos, controlando a metade da humanidade sen falar ren; Deus falou unha vez, mais daquela xa pasaron 2000 anos.
Os oficiais do exército teñen as cantinas separadas da tropa co gallo de conservaren o halo da autoridade. Os xenerais non frecuentan as cantinas: é a soidade dos mandos.
O Goberno disque fala pouco de cómo se está amañando o rescate que virá no inverno, cos santos inocentes; que don Mariano fala con palabras comedidas, certo, co gallo de non alborotar ao galiñeiro dos especuladores, e isto está moi ben. Pero, ai! o que dis hoxe, non comulga na misa de mañá, e isto, don Mariano, dóenos. Escoite, de falares, coida que as túas palabras sexan mellores co teu silencio, que o peixe morre pola boca, e non me veña axiña, ou máis tarde, que onde dixen digo, quixen dicir Diego.
Así que o equipo do PP vai perdendo seareiros polas reviravoltas do equipo técnico, perdendo no campo do xogo político, coa prima cara arriba, facendo levedar unha morea de desvinculados, os novos ateos, os que van por libre, porque non se fían dos predicadores de falsas promesas, perdida a fe mariana, renegados antes da benquerenza e bo talante de ZP, manco o sistema, pois, de oficiantes con creto, empoleirados cadaquén no seu púlpito ou na poltrona de cinco mil euros ao mes, disque ‘pasándoa canutas’, moucos ao murmurio do sentir dos cidadáns, fartos e cansos, pegados á crúa realidade de saberen o que vale un café, atrapados no ‘corralito’ das preferentes ou enganchados á hipoteca que non poden seguir pagando. Están a percorrer os tempos, pois, dunha longa seca e non se albisca no horizonte político unha nova estrela que tire do carro ibérico.
O próximo voto para vostede, don Amancio Ortega, fundador do imperio Inditex. Mentres, mire por nós e que Deus llo pague.
Ningún comentario:
Publicar un comentario