domingo, 29 de xullo de 2012

Parada de Sil, as vacas non son verdes


“A FAO calcula que o sector gandeiro emite máis gases de efecto invernadoiro –o 18% – có  sector dos transportes.” Axiña de ler o titular xurdiu a seguinte conversa na sobremesa do Restaurante O Curtiñeiro de Parada de Sil.

O Galarito de Viana: “Manuel Rivas fala nun libro de “Un millón de vacas” que seica había por entón en Galicia, mais agora xa non se ven pacendo nos lameiros, nin se escoitan as chocas, repenicando, tilín, tolón, nas corgas e pasteiros á beira dos regatos; nin nas touzas, comendo nas carqueixas, tampouco se escoitan os carros cantareiros polas corredoiras”.

O Raposo do Covelo: “Pois, habelas hainas, que che están recadadas nas granxas, marcadas e clasificadas con códigos de barras; inseminadas coa mao fría do veterinario, medicadas con píldoras e mais outras caralladas: caldo de cultivo dunha próxima rebelión de vacas”.

O Xoán da Xaquina: “Galicia non a recoñece nin a nai que a pariu. De cando neno, non había un momento lecer no campo, un día co arado arando unha leira, outro coa aixada na horta, coa fouce rozando na toxeira, coa macheta na demouca e así.”

O Pepe de Donín de Baixo: “As vacas eran como da familia. De cando neno, nunca vin unha vara aguillada; nin un carallo malsoante, “mecagoental”! dispensando; nin un berro, “vaca vén to”! Pola contra, o pai acostumaba facerlle cóxegas, mentres lle cantaba coplas, rimando ripios cargados de benquerenza que aínda hoxe lembro: ‘/Escarrancha as patas, Morita /que o leite que se dá non se quita/ Camiña lixeira, Cachorra/que paras o mundo con esa pachorra/’ e así. As vacas ollábano de esguello, movendo o rabo; ás veces, gustaban tanto dos aloumiños do meu pai, que lles pingaba o leite dos tetos”.

A vaca Rubia, portavoz das vacas do país: "Muueno, non botamos tantos eructos nin estamos a soprar tantas flatulencias, como están a dicir os de “Greenpeaceque as vacas non somos verdes. Muuuu! como se nos vira o demo: que se antes adoeciamos coa tolemia, que agora somos fedorentas, só nos queda abrazarnos ao Hinduísmo: Muuuu! Estamos ata os mesmos tetos, co leite ácido. Na última Xunta de Vacas, vacasrubias@xunta.es, despois de rumiar un feixe de alternativas, decidimos poñernos de cornos fronte o ERE de vacas que se matina. Só pedimos á patronal unha cousa: Non queremos trato co veterinario, nin probar bocado de trevo branco, nin tomar píldoras de taninos, nin aceite de pescado, disque co gallo de minguar o gas metano causante do quecemento do planeta, que todo isto é unha trola das gordas, cousa dos políticos, demasiadas bocas a pacer no past@, xa sec@, do eido ibérico: o ERE para os “paquistaníes” (“e estes pa qui están”?) Muuu…!"

Ningún comentario: