Do lat. Arca. Caixa, comunmente de madeira sen
forrar e con tapa chá que aseguran varios gonzos ou bisagras por un dos lados,
e un ou máis cadeados ou fechos polo oposto.
De cando neno, lembro catro arcas de castiñeiro repousando no faio da miña casa que mira ó Valdocán, por baixo dos balcóns de Madrid, o miradoiro do canón do Sil. Unha arca, chea de castañas pilongas; outra, mediada con noces; as demais, baleiras. Arcas grandes de madeira de castiñeiro con tapa asegurada con grandes bisagras, moldeadas a golpes de martelo na forxa dun ferreiro: leitos de acocho silencioso moi propio para desapareceren os miúdos nos xogos das agachadas, aínda que noutros tempos esmorecidos nas casas ricas, administradoras de foros dos mosteiros, se gardaban nas arcas, ó abeiro dos ratos e das humidades, atados de foros e arrendos, ademais doutros papeis testamentarios tralos sucesivos pasamentos de vidas e de anos; e, de cando en vez, moedas de ouro e de prata, arras de matrimonios que uniron casas con fachenda, escondidas nas entrañas da roupa limpa e mimosa para vestiren as camas, sabas de fino liño e mantas de la, así como os manteis brancos a cadros que se estendían encima de longas mesas de madeira os días de festa e fanfurriña.
Mais hai outras arcas nos recunchos das casas, e mais outras esparexidas polas páxinas dos libros. Certo. A arca máis común e familiar é a arca do pan ou artesa. No Lazarillo de Tormes, o pícaro describe a arca de pan do seu amo, o clérigo ruín e miserable: Él tenía un arcaz viejo y cerrado con su llave, la cual traía atada con un agujeta del paletoque. Y en viniendo el bodigo de la iglesia, por su mano era luego allí lanzado y tornada a cerrar el arca...
Tamén
ten o seu que de honor e misterio, nunha casa con brasón de avoengo, o cofre ou
arca que garda armas, medallas e tesouros, testemuño da nobreza rural doutros
tempos fuxidos; mais, á veces, un leva un desengano no intre de abrir a tapa das
arcas atopando gato pechado, tal foi cos xudeus, Raquel y Vidas,
como se pode ler no Primeiro Cantar do Mío Cid, onde se glosa o engano
das arcas cargadas de pesada area:En dos
arcas muy repletas tiene oro fino guardado. / Ya sabéis que don Alfonso de
nuestra tierra le ha echado, / aquí se deja heredades, y sus casas y palacios, /
no puede llevar las arcas, que le costaría caro, / el Campeador querría dejarlas
en vuestras manos empeñadas, / y que, en cambio, les deis dinero prestado./
Xa
suman os anos pasados unha morea, na altura da que a arca tamén era o ataúde
onde ía repousar o corpo na hora definitiva trala visita da parca; de finares
de resultas dun duelo, por honra ou amor, véxote loitando antes arca por arca varudo
coma un boi, neste caso falamos da arca do peito; e, de pasares a criba da rapina,
a maquía dos orzamentos peneirados ó teu favor, e continuares aínda con fame,
entón es unha arca sen fondo, mais ándate con moito tento nos escuros enredos
da política que na arca do avarento o diaño anda dentro.
Quizais
saibas gardar os segredos a ti confiados, perante os teus debuxando un perfil de
home cabal e discreto, neste caso os meus parabéns que en arca pechada non
entran moscas; e, de morares enriba, na Coruña, e vas de mañá de andaina ó
monte das Arcas, alá atoparás un mangado medorras, mámoas ou arcas; logo, podes
baixar á tardiña ó peirao na procura dunha arca ou dunha dorna: ten en conta
que se dás de arca, irás con ela a estribor, a modiño, iso si, no che vaian
entrar as arcadas co mareo, que te vexo moi neno nestas singraduras, mecagonamar!
E xa no preludio da porta do sono, á
noitiña, se repousas como Deus manda, vai e agarra a Biblia na procura da Arca
do Testamento (Éx. 25, 10-16) ou da
Alianza: despois dunha meditada lectura, comeza de novo polas primeiras páxinas
do Antigo Testamento: o primeiro libro é o Xénese, onde atoparás a Arca de Noé,
ateigada de animais vestidos de plumas a cores, de brillantes escamas ou de
pelo longo ou curto, como podes ollar hoxe nos pases de moda de San Antón, non
é? e xa que andas bulindo entre tantos capítulos e versículos, non me sexas un
maula, e pasa a listaxe ás parellas de cada especie co gallo dunha repousada escolma
da mascota que che cadre a dereitas (Gén.
6-9), que tal como respiras cara dentro, así vai ladrar o can na porta da
túa casa.
Por outra banda, para rematar esta incursión no campo das arcas, aínda quedan no tinteiro as arcas do Estado, hoxe baleiras pola sangría da crise, esperando como as arcas das uvas de castiñeiro, inchando con auga para a carrexa a granel de negras e brancas, a que canten na vendima, como os carros de uvas na Ribeira Sacra, que seica se albiscan anos vindeiros de crecemento e de vacas gordas, que tal como di o outro: Deus aperta, mais non afoga.