mércores, 30 de decembro de 2009

A Casa da culpa

Este ano non me quixen perde-la festa do magosto que se celebra na miña aldea, Sacardebois, onde os meus veciños ofrecen ós visitantes castañas asadas, viño de mencía da última colleita e pinchos de chourizos ó inferno, amenizada a pándega por unha orquestra que fai move-lo esqueleto, mesmo ós máis vellos do lugar.

Xa o sabes, o ano vindeiro pola mañá participas na IV Andaina da Castaña percorrendo as carriozas e camiños vellos entre os soutos lindeiros ó Canón do Sil e pola tarde achégaste a Sacardebois a comer, beber e bailar. E todo gratis, quen dá máis nestes tempos de crise?

De paso por Ourense, gústame camiñar polo centro pisando as pedras centenarias ó carón da catedral. Na rúa da Paz, entro un anaquiño na librería Torga co gallo de olla-las últimas novidades: esta vez merquei o ‘Dicionario da fraseoloxía galega’ de Xerais. Logo rematamos a camiñada no bar Orella para recuperar forzas.

A Praza do Ferro, coa súa fonte ornamental, ten para min un non sei que. Poida que sexa o conxunto de soportais, da fonte orixinaria do Mosteiro de Oseira e mailos edificios nobres brasonados en pedra de perpiaño. Non sei. Quizais ese halo que sinto me leva a outros tempos, cando as vilas nacían para vivir en elas, harmonizadas e debuxadas a escala do home.

De volta a Madrid, cal non sería a miña sorpresa ó ver no Dicionario da fraseoloxía a resposta da orixe da “Casa da culpa”que se ergue na miña aldea e que tanto me inquietou de cando neno.

Os meus pais non souberon darme unha resposta convincente. Mais cando a pregunta dun neno queda no aire, pronto atopará unha explicación máxica: ‘Na Casa da culpa, en tempos pasados, debeu acontecer un horrible asasinato. Por iso, a xente maior non quere falar do tema’ –pensei para os meus adentros.

Había tres lugares en Sacardebois que me daban medo: O cemiterio; a fraga, cando ouveaban os lobos e mais a ‘Casa da culpa’. De noite, dábame medo todo. Nunca entrei nesta casa de pedra de dous andares, que moi ben podía servir como vivenda, aínda que só se utilizou como palleira.. Non houbo ninguén con suficientes arroutos que se atrevese a vivir nela. ‘A Casa da culpa debe estar encantada’ –seguía matinando, mentres andaba coas vacas no monte.

“A Casa da culpa” existe en realidade na parroquia de Sacardebois. Hoxe está en venta, esperando un novo propietario que a reforme e lle faga un esconxuro, non sexa o demo de que o meigallo siga facendo das súas ós novos moradores.

De ser ti un posible comprador, non teñas coidado, ho. Perdoa que che queira mete-lo medo no corpo.Son cousas de meu. Como o maxín non ten cancelas para voar ceibe e como din que dentro dun home segue a vivir un neno, pois…De tódolos xeitos, hai moita xente que le encantaría vivir neste lugar tan especial. Mais agora chega o momento de poñe-las cartas boca arriba e olla-los feitos tal como son. Hai que baixarse do burro e deixarnos de andrómenas. No Dicionario pode esta-la solución.

Un dito que se utiliza en sentido metafórico na miña aldea foi interpretado en sentido real: levantaron unha casa a unha frase. Un lugar onde os meus antepasados veciños decidiran gardar tódalas culpas, en troques de encerrar ós culpables.

En Sacardebois todo o mundo sabe cal é a “Casa da culpa”. De non ser do lugar, pregunte na estrada:

–Desculpe, onde queda a “Casa da culpa”?

–Desculpe, non! Non ten por que desculparse, que neste lugar non hai culpables

–responderanlle as miñas veciñas con moita razón.

Abro o Dicionario de Fraseoloxía Galega e transcribo o que di sobre o particular: “ Á culpa hai que lle facer unha casa’ dise cando ninguén quere levar a culpa: ¿Así que ninguén foi o que rompeu a maceta? ¿Calades? Está claro, á culpa hai que lle facer unha casa (Deza)”. Ata aquí, a explicación do Dicionario.

Na miña parroquia, en Sacardebois, como ninguén quería arrear coas culpas –‘a culpa foi do cha,cha,cha’…cantaruxaban con retranca– ergueron unha casa para metelas alí todas xuntas, atrancando portas e ventás. E os campaneiros, xentilicio do lugar, tan panchos coas xuntanzas, repenica que repenica nas campás que ata fenderon unha, veña foguetes e bombas, veña xogar ó tute ó carón dos potes destilando augardente, veña matanzas e desfeitas, a festa do Carme, a festa pequena de San Martiño, veña coas troulas e fanfurriñas. Os ribeiráns sempre tiveron sona no Concello de Parada de Sil de seren persoas moi ‘vividoras’ e divertidas.

–‘Débenche ser todos uns folgazáns’ –opina a Remedios de Celeirós.

–De iso nada, miña señora! E logo quen cava as viñas, e logo quen apanda cos cestos culeiros e logo…?

Os cregos daban conta deste feito ó señor Bispo, manifestando con asombro comedido que nesta parroquia non se utilizaba o confesionario nin o hisopo, dado que non había culpas que lavar nin pecados que confesar, que para iso estaba a “Casa da culpa”. De maneira que as culpas nesta parroquia decotío foron e seguen sendo viúvas.

sábado, 19 de decembro de 2009

As luces de Madrid

 

Un ano máis Madrid luce vestida de gala para as festas do Nadal que se aproximan. A xente comenta: ´Os motivos relixiosos tradicionais van desaparecendo nas rúas céntricas de Madrid en beneficio dos novos deseños de factura laica máis acordes cos tempos actuais´. Malia de que as novas filigranas de firma non desgusten a case que ninguén, non son da devoción de moita xente, partidaria de seguir coa tradición de campaíñas, beléns e panxoliñas. ´Os políticos de agora estannos a rouba-la memoria. Este non é o noso Nadal´ -comentan coa morriña doutros tempos máis respectuosos coa tradición.

As luces da Gran Vía, a piques da efeméride da súa reforma, a xeito dun 'skyline' ideado polo arquitecto Ben Busche, rememoran a importancia desta arteria comercial e de ocio con edificios de prestancia neobarroca: Hotel Metrópolis, Telefónica, Edificio Carrión, Pazo da Prensa, Pazo da Música; lugares emblemáticos como Bar Chicote, Pasapoga, Sepu; cafeterías al estilo americano como Nebraska, Manila; zapaterías, tendas de roupa, Casa do Libro, Madrid Rock...

Moita xente non comulga coas iconas de Agatha Ruiz de la Prada, de Amaia Arzuaga ou de David Delfín, autores destes deseños do novo Nadal, quizais máis propios para a mentalidade recatada do Norte que para xente de touros, festas e pandeireta.

Luces ecolóxicas, de baixo consumo. Certo. Non che discuto que hai que mirar polo cambio climático e todo iso. Pero estarás comigo que estes puntiños de luz tan tristes deixan a alma fría, como me vou animar a colle-lo pandeiro ou a zambomba para cantar "ande, ande, la Mari Morena, ande, ande que es la Noche Buena!"con estas luces de vagalumes!

Os tempos mudaron moito, dende aquel 20 de Novembro de 1975. Madrid é hoxe unha cidade cosmopolita que se quere ver no espello de New York. As crenzas van quedando recollidas no foro interno de cada quén. Xa non se dan as beatas, nin os ´mea pilas´ entre a xente influente, ó perderen o creto de seu nestes tempos laicistas. Como me dicía un veciño de Parada de Sil "nas pías de auga bendita, beben agora os cans".

Os nenos de Madrid xa non cantan panxoliñas na escola; nin nas rúas, nin nas casas nin no Cortylandia se escoitan. Os nenos das grandes urbes no coñecen, nin de oídas, o mundo agarimoso do medio rural: moitos só pacen nos presebes dos multimedia. Non fales do boi nin da mula para arranxa-lo Portal de Belén que lles soa a cosas de antano e de pailáns do campo.

Madrid é unha cidade con avoengo, pero aberta ó cambios que brinda o futuro. Aínda se conservan lugares entrañables e costumes que non se debiamos esquecer: quedan as vendedoras de lotería de Dona Manolita, arroupadas con varias capas de refaixos, como cebolas, ofrecéndonos a buscada fortuna; os bocadillos de luras (en castelán, ´calamares´)a tres euros ó carón da Praza Maior; a sidra natural cunha rebanda pan untado con queixo de ´cabrales´ no restaurante Ñeru, toma-las uvas e brindar polo ano novo na Porta do Sol e tantas outras (dun tempo a esta parte, pola contra, xa non se vén os barquilleiros polo Centro de Madrid.Como se os comeran os ratos).

Neste Nadal vénte a Madrid, podiamos quedar na Mallorquina que te quero convidar a unhas ´reinas con nata´ ou a unha ´napolitana´ para ir comendo, mentres intentamos camiñar entre a marea de xente que bule de acó acolá pola rúa Preciados.

Dende Madrid, bo Nadal.