O galo de Barcelos |
A xente dálle por falar que seica houbo un simposio da crise do euro, unha xuntanza de representantes
dos países da periferia, os nomeados “PIGS”. O lugar escollido foi o albergue
da Fábrica da Luz de Barxacova (Parada de Sil), á beira do río Mao e a unha
carreiriña de can da necrópole de San Vitor. Portugal, o país do galo, mandou a
un recoñecido economista da Universidade de Braga, un home afable e sinxelo que
adoitar viaxar lixeiro de alforxas; por parte de España, non se atoparon
doutores en Economía dispostos a repousar nunha liteira mesturados cos rapaces
de don Eduardo Breogán que viñeran voluntarios co gallo da descuberta do
xacemento arqueolóxico.
Disque esta
crise amosa dunha hiperplasia de ladrillo especulativo con metástase noutras
industrias auxiliares: os bancos pecharon a billa dos cartos, entón foise todo
ao carallo. Certo. E disque, malia que as mentes máis preclaras dos mestres
gurus da enxeñería económica anden na pescuda dunha pronta recuperación, ao final
baixan as orellas, pondo en consideración, mal a seu pesar, que esta maldita
recesión polo xeito de se fraguar, mesmo, pode vir de resultas de feitizos
meigos.
Así
que, nos parladoiros do Simposio da crise do euro, tamén ten cabida a cábala
dos números, que nesta desfeita bailan como os tarabelos nas portas, doutrina
antiga dos mestres xamáns; ademais doutros obradoiros exotéricos da cartomancia,
das pitonisas e meigas que matinan en trocaren, ao seu entoxo, o porvir de
grandes e pequenos tralas liturxias dos conxuros: / Lagarto, lagarto, / dime a verdade, / se non te parto! /
Na
desbandada, os voitres andan voando sobre as presas indefensas para
comerlle os poucos cartos que, mal como puideron, salvaron da queima, mais
axiña lles serán ripados con enredos malabares de depósitos preferentes e de rendas
subordinadas.
Imos
guichar polo ollo da cerradua a ver como vai indo o debate na sala de usos múltiples da Fábrica da
luz: o doutor de Braga e mais a meiga de Mondoñedo están na palestra ollando en
fite as posíbeis saídas de socorro desta
celada:
–Dr. Lúcio Almeida: Antes de comer de galinha,
há que comer de sardiña; é preciso começar outra vez de cero –comentou o
profesor de
Trás-os-Montes.
–A meiga de Mondoñedo: “Polo poder do meigallo que me confire o
pauto co demo, que se esfume a crise bancaria do presente e que retorne o
negocio ao pataco do pasado: a unha moeda pobre que non se quente!” –conxurou a
meiga.
Tras longos debates, confrontadas as posturas
da ciencia coa alternativa do esoterismo, o voceiro da UE enviou o seguinte
parte que resume o encontro: “Acadados os obxectivos do franco Norte, a tropa
ibérica, esgotada e famenta, vén en retirada ao status quo do presebe de antano: cachelos con iscos, no país de
Breogán; as gachas, na Castela; sopas de tomate, no Alándalus ; as feijoadas, en
Portugal, o país do galo.
“Un mal fado para os lusos, os
celtas e mailos outros reinos ibéricos de máis acolá, agora fóra do euro. Si,
pero non: pois hai que engadir que no último suspiro de quedarmos a velas vir,
un milagre, que Deus é bo e o diaño non é malo, fixo que amosara o galo de
Barcelos debuxado no horizonte, galo milagreiro que cantara despois de asado
para salvar a un pobre peregrino que ía camiñando cara Santiago, o galo de
dourada crista, como digo, vén voando cara nós, batendo as ás de baixo cara
arriba, disipando ao seu paso os grises nubeiros dun próximo retorno ao rego do pataco.
“Esperan días
de foliada e de pándega para os ‘PIGS’: o pesadelo da crise, que nos deixara
tesos coas portas atrancadas na longa noite de pedra, como dicía o poeta, vaise
desenmarañando coa luz dun novo amencer nos ollos: as meigas andan peneirando
os negros agoiros para enfornar de novo pan candeal, xa fartos do centeo que se
amasa con suor e se come con areas esmiuzadas tralos recortes de tanto picar
onde non hai. O desexado outono comeza a medrar nos prados, renacendo dunha longa
seca: o galo de Barcelos desatando co seu pico o nó gordiano da crise, empoleirado
na tribuna coma un maraxá, deu a nova cun quiquiriquí de triunfo (pica para escoitar o galo): “La tasa de variación interanual del PIB
español se aproximará al 2 % en el último trimestre de este año, tasa que
también podría ser la de crecimiento medio de la economía en 2015”, mensaxe
que se repetiu nos xornais e telexornais, presumindo o galo de compadre, na
imaxe de Luís María Linde, lucindo as plumas douradas de Gobernador do Banco de
España. (Desto xa medraron os carballos).
Ningún comentario:
Publicar un comentario