Día tristeiro, de defuntos.Entre catro homes levaron ó Félix perante o altar, a render contas ante o Altísimo. A néboa que suaba o río mentres viña rubindo devagar, brincando os pataos das viñas para se meter polo ventanuco da igrexa. O cura lavoulle as culpas co hisopo. Os familiares do finado choraban, rompendo o silencio plúmbeo da cerimonia. O defunto, entón, reconfortado cos responsos, abriu un ollo e destilou unha bágoa de despedida. A néboa pousou encima da caixa do defunto, envolvéndoa co seu manto frío e, logo, escapou bufando coa bágoa do Félix polo fachinelo da igrexa. Din que é a alma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario