venres, 26 de febreiro de 2010

Galego, no mellor sentido


Xornal de Galicia | Viernes, 26 Febrero, 2010 - 08:27
Hoxe, a palabra galego como Galicia soan a calidade. Marca con garantía dos produtos que dá o noso mar e a nosa terra.

Poderíamos nomear tamén ás mellores firmas da moda e maila industria téxtil, punteira no mundo, por poñer un exemplo da iniciativa empresarial dos galegos, que son capaces de levantar un imperio partindo da nada.

Logo está a oferta turística de calidade: as Rías Baixas. Santiago. O percorrido polos mosteiros románicos da Ribeira Sacra. Lugo. A Coruña. Os balnearios de augas termais de Pontevedra e mais de Ourense. O turismo rural para os amantes da natureza: un paraíso para ollar, sentir e repousar.

Por outra banda, hai que subliña-los fogóns da cociña galega, un galano para os amantes da boa mesa regada cos aromas de viños exquisitos e atendida a mesa por xente amable, respectuosa e familiar. Un lugar para volver un ano tras outro.

Esta postal da Galicia de hoxe non foi cousa de xente parva, nin veu así coma quen di por xeración espontánea. Coido que non.
Foiche cousa de nós, porque en tal niño vive tal paxariño.
Os galegos, no sentido que vostede quixer, estamos orgullosos do noso.

Señora deputada, ser galego é un privilexio. Unha única acepción aparece no último Dicionario publicado da RAE: gallego, "natural de Galicia".

Está vostede coa áncora botada no pasado, volvendo unha e outra vez cos estereotipos da España de fai cen anos de cando os galegos, os vascos, os asturianos, os estremeños, máis pobres, saín a busca-la vida por eses mundos de Deus. O nivel sociocultural dos españois de hoxe en xeral, e dos galegos en particular, non ten nada que ver coa xente de finais do século XIX. Xa non queda nada daquel "gallego" pobre, parvo e pailán.

Se en algúns lugares de Sudamérica a palabra "gallego" ten, ou tiña, a acepción de tonto ou tartamudo, saiba vostede que por alí tamén chaman "salvavidas" ós galegos, por algo será. Non?

Ademais é de todos coñecido que a expresión "gallego" en Arxentina e noutros países de Sudamérica espallaba o significado a tódolos españois. Polo que vostede, nestes países, tamén sería unha "gallega" na acepción que mellor lle cadre.

Esquézase de nós! Non veña por aquí a rañar uns cantos votos ós galegos, que non somos tan parvos, como dá a entender coa súa falla de sentido político máis "pexorativo" para a seu grupo.

Miña señora, recapacite. Un consello lle queremos da-los galegos dun e doutro xeito de sermos: non utilice nas entrevistas e mitins os adxectivos xentilicios: que os galegos somos tal, que os cataláns son patatín, que os vascos, no peor sentido da palabra, son patatán, porque se vai quedar vostede sen parroquia a quen predicar nin bisagra a quen condicionar.

Ningún comentario: