Caronte, o barqueiro de Hades, anda facéndolle as beiras ós últimos vellos da terra de Caldelas. Disque que os quere levar para a outra banda. Xente moza tampouco hai. E os nenos, noutros tempos rebulindo na praza xogando á billarda, dando vida e sentido ás aldeas, xa non se dan nestes lares dende hai anos.
Como se os comeran os ratos: as escolas amosan pechadas e silandeiras, cos vidros rotos; os bambáns, quietos. Aquí non roxe ninguén. A vida está comida do demo.
Os últimos vellos, co seu deber cumprido, vanse indo pouco a pouco, sen facer ruído. Son a última xeración que conviviu co carro e co arado romano de pau de freixo.
Con ela, desaparece a economía de autoconsumo e subsistencia destas terras minifundistas: leiras de dous ferrados de sementeira; tres cortiñas, de patacas; por San Ramón a sementeira dos nabos; unha horta con coias; dúas corgas e mais tres lameiros para manter dúas vaquiñas; na fraga, vinte carballo. Un souto, unha tapada, unha touza, un pasteiro e, na ribeira, oito cavaduras de viña para o gasto. Moitos recantos e pouca terra que labrar. Son os últimos vellos, moitos deles por riba dos noventa anos, dos longos tempos da Galicia rural. A Galicia de centeo e de touciño.
En troques, a natureza hoxe orfa e viúva, aparece cada vez máis guapa, malia de ser antano unha nai desafortunada: a pobre,deunos a vida, viunos medrar, pero xa mozos non nos puido manter. Porén, corren aires de retorno: son moitos os noivos e pretendentes que lle queren face-las beiras,tanto os naturais que volven da diáspora coma os forasteiros vindos de terras de lonxe.
Xente namorada destas terras, virxes, que veñen na procura do repouso, ávidos de respirar a pulmón aberto, sen chucha-lo veleno da boina da polución: abren as ás no alto dunha pena e déixanse levar polo ar, ceibes, papando o vento con aromas á candea. Outros gustan de botaren aturulos de gratitude á nai natureza, quebrantando o silencio que é de seu nestes paraxes naturais.
Como noutras moitas parroquias e casares da Galicia do interior,as aldeas da Teixeira e mailas de Parada de Sil loitan por sobrevivir. Polo de agora vanse agarrando ó turismo rural que, seica, vai a máis: o internet non sabe de fronteiras e todo está ás vistas no noso computador. As redes sociais espallan as boas novas cos álbums de viaxes e de vacacións: reportaxes e vídeos ó pé dos mosteiros, gozando destas terras da Ribeira Sacra que logo colgan no You Tube para envexa dos que se queiman no asfalto.
Presumen perante ós seus navegando en catamarán, de andaina polas carriozas solitarias, de paseo polos camiños vellos no medio da fraga e polos sendeiros pegados ó ríos de auga brincadeira nas fervenzas que baixan polos montes ladeiros, ou dacabalo polos camiños reais, hoxe ceibes de carros cantareiros cargados con herba ou coa carrexa de mollos de centeo. Outros practican o nudismo observados por xílgaros, merlas e pardais cantando melodías de chíos e rechouchíos empoleirados nas gallas dos bidueiros, que medran á beira do río para protexer á xente moza que goza rindo neste paraíso, mergullando a perna solta nas pozas e remansos do río Mao.
Á tardiña, para recuperar forzas dun longo día de lecer, comen na Abeleda o polbo con cachelos na Casa Cachín; outros, carne ó caldeiro na Casa Lelo; estoutros,costeletas de tenreira na Casa Grande de Cristosende; estes, cachucha con grelos ou cocido galego no restaurante O' Curtiñeiro na vila de Parada de Sil.
No medio de toda a comedela, a xarra de viño da Ribeira Sacra preside o centro da mesa: cadaquén coa súa cunca a brindar e a molla-la palleta a cada pouco.
-Viño tinto, mencía, ou branco de godello da adega Valcar?
-Poña do mellor.
-Os dous sonlle moi bos: o tinto casa mellor coa carne, o godello vai ben
para acompaña-lo peixe e mailo marisco.
-Entón, sirva dos dous, miña señora, sirva a bondade!
Viños Amandi ou de Sacardebois do Priorato de San Adrián, criados en ribeiras sacras, terras lixeiras, que haberían de presidir antano banquetes de emperadores e de facer obra-la maxia cos druídas. Viños que reconfortan o espírito. Aínda se escoita como resoa nos claustros dos mosteiros de Santa Cristina e de Santo Estevo: "aaamaandi.", de cando os freires cantaban misa de'angelis'.
Na sobremesa, vense xa chispas; comen e rin, colorados, a bica Malena de Castro. Logo veñen as copas de licor de café: elixir espirituoso elaborado na Ribeira que din de purifica-lo meigallo, espanta-la tristura e de dar azos para seguir no choio ata o ano vindeiro, se Deus quixer. Eduardodeviana@hotmail.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario