Froilanciño, de cando estaba a andar a
catro patas, daquela xa medraron os carballos, vaiche boa!, disque xa gustaba de fozar no
bulleiro dos camiños nos días que orballaba toda a santa mañá e de se meter na arca dos farelos os
días enxoitos, onde gozaba abondo envorcallándose na fariña de centeo coma se for
un bacoriño.
Anos despois, de seminarista,
ascendeu a porco de pé: nos días de solta, polo Nadal, gustaba acudir no solpor
á beira dos alambiques nas noites longas da destila engaiolado cos figos pasos, o viño novo e mailos rezos da augardente, logo máis sosegado, agachado nun
recanto da adega sermonaba latíns ou mesmo se purificaba coas burbullas espirituosas da
augardente aínda quente, mentres escoitaba os fíos dos guizos das serpentinas, enchendo devagar as olas de barro: mais, coa monotonía das pingueiras teimosas dos tres potes, o rapaz ía entrando no sono: no canto dun leito de sabas brancas de liño, malo será para descansar nunha adega uns feixes de palla de centeo, non é?
Polo día asistía ós cregos da
bisbarra, cantando algún responso nos enterros e cabodanos, pensando na
comedela que había de vir despois na casa do finado, que deixara a mesa posta
antes de morrer, avisado pola curuxa do piñeiro de Viana.
Xa de crego, na parroquia de Cristosende,
non perdoaba ir de enchedelas ás festas e feiras da contorna, nin de acudir ás bandulladas nas
matanzas das casas con haberes e fachenda, onde comía e bebía ás bocas cheas, colorado e
babexando coma un marrao, dispensando. Xa chispa, púñase a falar de picardías
coas mulleres nas sobremesas, sacando a súa lingua de camaleón de cando en vez
para relamber os reguiños de graxa que baixaban, paseniño, esvarando polas
meixelas, zumegando o unto deica escorregar polas engurras que conducían ós
buratiños das comisuras dos beizos. De tal xeito que a manteiga que estaba
a destilar entraba outra vez no circuíto do pote do seu bandullo, volvéndose a
repetir o proceso da destila, polo que fora contratado pola multinacional Facianaderm para
os ensaios clínicos dos novos produtos esfoladores de peles graxentas, así que
o seu cometido no I+D da empresa, de luns a venres, en adiante, consistiu en encher a barriga cos primeiros raios do luceiro, tan pronto escoitara a alborada do galo no poleiro: chourizos, queixo de Zamora, pan e viño, lascas
de touciño ó churrasco, medio roscón de ovos, filloas con mel e mais azucre, e
así. Á tardiña, deixábase levar, ofrecendo o seu corpo preñado ós caprichos da ciencia, que os técnicos estaban feitos
uns lobos co tema do unto: medir en probetas os lípidos destilados, aplicar as novas cremas esfoladoras de
limpeza nas partes máis vistosas do corpo e comprobar os resultados en táboas
estatísticas.
Como resultas do ensaio, Don
Froilán engordou como porco de ceba a piques de quedar varado nun xergón ou de estoupar coma unha castaña na prancha da cociña, polo que tomou a postura máis cómoda de invernar como fan os osos: cos aires renovados da primavera, amosou de novo como mozo garboso, que daba gusto velo camiñar, lavado e pulido, cara tersa, brillante, sen
engurras. Así que, a carreira, que xa de neno tiraba para cura porco, derivou
nun arcipreste esvelto, limpo e relambido, moi propio para oficiar de crego na igrexa de Santa María da nobre vila de O Burgo de Castro
Caldelas, pois como di o outro: 'de tal niño, tal paxariño'. (Unha homenaxe a Vicente Risco).
Ningún comentario:
Publicar un comentario