sábado, 6 de febreiro de 2010

Un pailán, en Madrid no Xornal de Galicia


De canta-lo galo pola maña, xa non me sinto só, aínda que van xa cinco anos dende que a Xenerosa se for para outra banda. No Nadal do ano pasado, díxome o fillo de ir con eles a Madrid. E fun. Collín o expreso en Monforte e alí me plantei na Estación do Norte.

O día seguinte, pola tarde achegueime ó centro, á Porta do Sol: ai, che digo, que de xente nas rúas, rediós! coma formigas nos camiños, bulen que bulen sen descanso, que non me deixaron ollar como é a capital, mal demo lles parta a crisma ou Deus os confunda. Pero que estou a dicir? Pido desculpas ós madrileños por pecar de prosmeiro, dicindo tantas parvadas.

En Madrid non deben falar deste xeito, que son xente educada na Capital -me dixen- e decidín comprobalo por min mesmo na rúa de Preciados; con este fin, comecei a pescuda botándolle un piropo a unha moza: "Á túa nai habería que levantarlle un monumento, mira que estás ben feita e rematada, ho!" e ela contestoume: "Es usted un maleducado, viejo asqueroso!"

Intenteino máis adiante con outra rapaza, xeitosiña ela e con cara de anxo, que camiñaba tremendo de frío, coitadiña ela: "De boa gana te quentaría eu cunhas boas fregas"! "A tu madre, hijoputa!" -díxome coma un demoño, cuspíndome na cara.

Ó chegar a Callao, xa non me quedaron máis ganas de seguir coa pescuda de "así falan os de Madrid".

Pois, como che estaba a contar, como se as rúas estiveren infestadas de persoas, coma os ratos fuxindo, uns por aquí, outros por alá; eu queríaos saudar, pero non daba abondo, nin eles me correspondían, a xente da capital esqueceu as normas da educación, cadaquén vai o seu, e non te entremetas, que te comen.

Me cago no demo bendito, que mal o pasei, coma un náufrago medio afogado naquela marea de persoas camiñando de présa: uns para arriba e outros para abaixo; uns saíndo da boca do metro e outros entrando. E digo eu: Por que non chegarán a un acordo de onde ir todos xuntos?

Abofé que había tanta xente nas rúas, que non puiden ver Madrid.

Eduardo Prieto Casares

Ningún comentario: