Faro de Vigo, 01 de julio de 2009
Nas últimas semanas están aparecendo na
prensa nacional unha manchea variopinta de alcumes: O Albondiguilla, O
Patillas, O Rata, O Cabrón, O Prior, O Curiña, O Mamón, O Bigotes... O
tema dos sobrenomes, aos galegos, non nos estraña nin moito nin pouco, pois
cantos de nós estamos rebautizados polos veciños como 'Cabrito', 'Moucho', 'Escachapiollos', 'A Morte, 'Regalado', 'Barquilleiro', 'Milhomes', 'barqueiro', 'O Herdeiro', 'Calcaterras', 'Pecadomortal', 'Paneiro', 'Labareda', 'Petís', 'Cagadepé'... e
mais outros, alcumes coa retranca de é seu: decotío pasaban de pais a fillos,
formando sagas ou familias: "Os Paneiros levantaron a meda máis grande da
parroquia de Celeirós".
Unha tarde, recibín un estraño
correo. Repousado na cadeira de brazos, co ordenador prendido, estiven a
pensar nos personaxes do e-mail, mentres lembraba a miña mocidade
na que presumín de estilo en atusar o meu poboado bigote, sen ser consciente da
irreverencia estética nin de poderme axustar ao canon de beleza que emana do
equilibrio e da harmonía.
-Por que deixas medrar ese
bigote tan feo, pareces un bolxevique?, espetoume o meu pai. A verdade é que, tan
enraizado estivo en min, e nos meus, que me sentín espido e indefenso,
aquela mañá que me levantei da cama coa firme decisión de raparme, deixando a
cara lambida e indefensa. Pero, de todos é ben sabido que os mostachos non
son todos iguais. Entre as categorías de bigotes, temos: o natural, estilo
Dalí, o imperial, o húngaro e mais o estilo inglés, moi propio como complemento
para un traxe da firma Milano. Logo de botar unha ollada aos bigotes que máis
pegada deixaron nos libros de historia, hainos que amosan nos almanaques afiados
como púas, chulos, incultos, estreitos de miras, estrábicos, espallados e
invasores... enfrontados cos poetas indefensos, que cantan, de cara e corpo
libre, poemas que debuxan, coas palabras, caligramas de pombas da paz voando
libres: debuxos de rimas de papaventos, soltos de bridas, seguidas pola ollada
dun neno, marabillado, como van subindo ó ceo, paseniño, gañando rango no ar, ó
lonxe, xa fuxidíos.
Tamén se dan os bigotiños
ridículos -como borranchos negros- nas caras duras de homes pequenos, que foron
grandes ditadores. Mostachos militares, os de Bismark cheiraban a pólvora,
tronando arcabuces contra o suave murmurio de ramas, follas e flores, apagando
o rumor de cores dos poetas que enmudeceron as súas rimas, cantigas de
reiseñores, cubrindo de néboa o día; e de tronos, a noite.
Xa se escoita o rebumbio
que levanta o tropel da Ditadura, achegándose para cercarnos dentro dos seus
recios muros: óese cada vez máis forte, marcando o paso, cego, autómata,
montada nas botas da parada militar. Outros bigotes espléndidos, sen embargo,
resplandecen góticos na historia de homes preclaros, guiados con arte,
literarios e suaves e dóciles no trato, provocando só formigo nas conciencias:
o bigotiño de Charles Chaplin, os bigotes espigados de Salvador Dalí: que eran
de 'gala'.
Toma unhas tesoiras
do kit da memoria histórica e afeita con ela os bigotes máis longos e afiados, enredados e daniños que, onte, fixéronnos cativos e que aínda, hoxe,
séguennos ameazando, desde o seu disimulado letargo, con reenvíos de mensaxes
totalitarias. Unha tesoira afiada por vella tarazana ao son de antigo barallete
que afeiten rentes os novos brotes de bigotes fascistas, que se medran coa
ignorancia, enmascarados detrás de bandeiras, cruces e símbolos, sen coñeceren
o seu significado, arróxaos ao fogón, para que participen do crisol purificador
de Hades ou se engurren en remollo no inodoro até que se laven e perdan o seu
cheirume.
Toma o estropallo e
mailo deterxente da memoria histórica e borra as esvásticas dos novos cachorros
tatuados, mozos ágrafos, obxectores ao pensamento, aos libros e mais á
historia, magister vitae. Mocidade desprotexida dos virus –vermes
troianos– replicándose , clónicos, xenófobos, invadindo, con cantos de sirena,
as súas cabezas baleiras, reprogramadas para tronaren mensaxes anacrónicas,
enarborando non sei que bandeiras, co fin de desturbaren ou profanaren as
ágoras democráticas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario