La Región 19/02/10
As terras da Ribeira Sacra, espalladas polas engurras das abas dos montes que baixan en socalcos ata ós mesmos labios dos ríos Miño e mais Sil, non daban abondo para manter a tanta xente. Tampouco as terras da montaña, máis frías, cos pequenos lameiros nas beiras dos regatos e mailas cortiñas e leiras de secaño, enchían, nos últimos anos, a tulla de cento. Xeración tras xeración continuaron a parti-los eidos en minifundios, repartindo deste xeito, a pobreza do agro.
O leite non viñan por el; os becerros, na montaña, e o viño na ribeira, seguíanse a vender ó mesmo prezo de hai anos. Porén, os apeiros, o sulfato, a fiscaslia, o xastre, as menciñas, cada ano que pasaba, custaban máis. “Onde imos parar, porco goberno! Isto acabouse, non miran por nós, son uns ladrós, cumpría outra revolución irmandiña lamentábanse, en balde, os labregos nos faladoiros do cruceiro, despois dunha xeira interminable, que se alongaba dende o amencer ata ben despois do solpor.
As terras de Caldelas e mailas de Lemos non podìan dar máis de sí. Como vía de escape, xurdiu entón a emigración. Moitos foron os que sairon na procura da vida por eses mundos de Deus, cansos de traballar leiras e medias ou saír a xornal polo almorzo.
Outros , pola contra, preferiron combina-lo traballo dalgúns pataos de viñas ou o engorde dalgún becerro cun oficio que lle reportase uns pesos contantes e chichantes. Este é o motivo de abundaren os traballos artesanais, que xurdiron en pouco tempo, nas aldeas e vilas da nosa Ribeira: canteiros, telleiros, oleiros, cesteiros, zoqueiros, carpinteiros, capadores, serranchins, barquilleiros, alambiqueiros, barqueiros, afiadores... estesúltimos moi coñecidos na Ribeira do Sil.
Outros non desexaron emigrar moi lonxe da chaira, pero tampouco quedar parados na aldea, a velas vir. Cuadrillas de seitureiros, xente moza con ganas de xuntar uns pesos, sairon a sega-lo pan cento polas bisbarras máis próximas e, logo, por Castela, onde había moito traballo na sega do trigo. Tamén mulateros da nosa bisbarra, os tratantes que ían camiñando moitos kilómetros coas reatas ata a mesma Estremadura, pois cumprìa moito o diñeiro, para manter tanta rapazada, que deixaran ó coidado da muller e dos avos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario