De cando neno, as rodas dos últimos carros coas arcas cheas de uvas da
vendima esmagaban as primeiras castañas temperás caídas na pista de Barxacova:
os soutos limpos, cos arellos arranxados nos lugares ladeiros para reteren as
castañas, están a espera de regañaren os ourizos nos soutos da Ribeira.
Para apañar as castañas
hai que dobrar o carrelo, os ourizos pican todos, que non son pementos de
Padrón, logo apandar cos sacos á pista máis próxima, as cabalerías
desapareceron das carriozas e camiños de ferradura e, por encima, veñen a
importunar as chuviscadas do ceo acompañadas de vento rebuldeiro que adoita vir
xogar coas saias das mulleres e mais coas follas na altura de tódolos santos.
Pola noite, é costume asar
as castañas na prancha da cociña económica, acompañadas de cerrotes atopados
nos soutos, sen esquecernos de amosegalas cunha navalla, que moitas estoupan
como petardos. Despois das castañas, regadas co viño novo, un prato de caldo de
nabizas abofé que senta ben para quitar a friaxe do corpo, non é?
As castañas bótanse ás
cestas cun ruxido estrepitoso e seco: cómpre ter bo tino para encestalas. As
mulleres usan máis o mandil que se baleira directamente no saco. As primeiras
en pingaren véndense como Deus manda e, ao cabo do día, dúas ou tres persoas,
de andaren lixeiras, poden xuntar uns cartiños constantes e chichantes, que
veñen, como as castañas, caídos do ceo; porén, as serodias e as máis ruíns quedarán
para cebar aos xabarís, porque xa non se fai a rebusca para secalas no canizo
ou no sequeiro: co lume que vai ardendo
de vagar, tempo de contos, de lerias, e de lobos á beira das brasas de tres cozos
dun vello castiñeiro. As
castañas, xa limpas, metíanse nas arcas de madeira que repousaban no faiado das
casas con haberes. Durante todo o ano íanse comendo cocidas, acompañadas de
chourizos, morcillas ou con leite. As castañas foron o alimento básico de
animais e persoas durante moitos séculos, pois a pataca non veu da América até
o século XVI.
E
resta por dicir que a unidade de medida das castañas era a tega; noutros
lugares, o ferrado. Daquela, era frecuente no Concello de Parada de Sil, o
troque de produtos da montaña polos da ribeira. Por poñer un caso, unha ola de
medida de Gundivós, nova do trinque para o viño, ou para a auga da fonte, podíase
trocar por unha ola de castañas da ribeira. E para rematar, a seguinte adiviña
que me veu á cabeza, de cando andaba coas vacas no monte: “Alto está, barbas
ten e, cando lle dá por rir, perde todo o que ten.”
1 comentario:
Yo también recuerdo cuando nos levantábamos a las cinco de la mañana para ir apañar las castañas, solo las que caían por los caminos. Porque muchas más no había. Con el dinero que se obtenía al venderlas nos compraban unos zapatos de gorila. Ribeira Sacra cuantas pespertivas tienes y casi todas preciosas.
Publicar un comentario