domingo, 7 de novembro de 2010

Consideracións despois da visita do Papa


Chegou Bieito XVI a Santiago e veunos co conto, cando menos esaxerado, do laicismo activo, do relativismo, do anticlericalismo radical, semellante ó da República, non querendo ver que na España actual non somos anticlericais nin tampouco radicais, vai tempo que asumimos o Estado laico e liberdade relixiosa e que xa non andamos na queima das igrexas, pola contra estamos a financiala cos nosos impostos. O que pasa é que somos indiferentes á cousa relixiosa, porque non se ve coherencia entre o que predican e o que fan os que están dirixindo o choio.Tamén a súa mensaxe, ancorada no pasado, non atrae á xuventude, só a base da igrexa coa súa dedicación silandeira se salva da poda.

O Papa veu a Santiago a ofrecernos o credo da fe dos nosos avós, que vai camiño de ser esquecido na España moderna, malia de ser antano a reserva espiritual de Occidente.

O pastor Bieito XVI, experimentado no santo oficio, veu co encargo de devolver ó rego ás ovellas descarreiradas, unha desbandada nos últimos anos, malas pécoras!, quéreas de novo recadadas no seu curral, mailas ovellas de hoxe xa non son tan gregarias como as de antano nin gustan camiñar por carriozas estreitas, nin están dispostas a baixa-la cabeza, de aparece-lo lobo metendo medo; nin, mesmo, escoitan as prédicas dos últimos pastores, a piques de se extinguir, que en balde están a sermonar nos eidos desertos de almas e elas, medorras, esquecendo que un día foron marcadas coa sinal da cruz. Abofé que non se ve xeito de pastorear un rabaño tan descarreirado.

De Santiago, que representa a tradición da Igrexa, o Santo Pai voou a bendicir en latín a basílica da Sagrada Familia. Institución social profanada polos sociatas, segundo os peperos, ó sacar da manga –din eles– formas de matrimonio que nada teñen que ver co étimo mater. A nova Basílica consagrada, de Gaudí, representa a modernidade da sociedade española e a familia, un ben que o Santo Pai quere revalorizar como núcleo onde se han de asimila-los valores cristiáns.

Res dificilísima, certo, casar a tradición co progreso: cómpre levar a cabo o aggionamento da Igrexa cós tempos que corren antes que sexa demasiado tarde e se acabe o choio.

Los católicos están dejando las iglesias vacías – afirma El País.

–Xa non devecemos por estar atados a ningún credo, da cor que sexa, que non queremos seguir a comulgar con rodas de muíño, non necesitamos nin guías nin salvadores, porque, grazas a Deus, na España do século XXI xa non hai tantos parvos. Buscamos ser donos da Liberdade para pensar e decidir como antes os ilustrados, doutra banda dos Pirineos, a puxeran nun pedestal.

–Ai de vós! pécoras pródigas, a onde ides sen pastor, andádevos con tento que hai lobos soltos, cativadores, que os hai que amosan seren inofensivos como años co seu mirar magnético de azul claro baixo cellas arqueadas. Zapa, vade retro, zp!

O tempora, o mores! –Cicero dixit– xa non rezamos ás reliquias de San Pantaleón nin imos na busca do Santo Grial. Parécennos estar trasnoitados os curas célibes e as sores, virxes; as guerras santas, as bulas papais, os xubileos e mailos anos santos; tampouco corren os tempos de debulla-los rosarios dolorosos, gozosos ou gloriosos; nin se escoitan, dende hai anos, nos internados de seminarios e noviciados as ladaíñas e mailos latines que eran de seu, nin os cánticos gregorianos de misas de angelis de coros de voces brancas. Dime que pintan hoxe os cilicios, os escapularios, os velos, as velas e mailos velorios?

El número de nuevos adeptos disminuye y el de de personas, que deja de creer en la Iglesia, aumenta –informa El Imparcial.

Lugares de rezo e de tormento. Salvadores da nosa alma: curas, freires e freiriñas, bispos e beatas, ceos, purgatorios, púlpitos e confesionarios, limbo de xustos e de dindáns, autos de fe, condenas, responsos, inquisicións, san benitos penitentes, infernos de tormento eterno, legados patrimoniais ós mosteiros e demais beneficiarios... R. I. P.

Mandamentos de Deus, mandamentos da Igrexa, mandamentos do catecismo, encíclicas dos Papas, exercicios espirituais, sermóns guías do camiño a seguir da nosa conciencia para o seu curro redentor.

Duns anos a esta parte, ventos transvesais iconoclastas e laicistas corren polos eidos do saber, polas tribunas e palestras, polas ciencias e conciencias:"Non cómpre invocar a Deus para acende-la mecha e pór en marcha o Universo", agrega Hawking no seu libro The Grand Design.

El barómetro del CIS afirma que sólo el 13% de los católicos va a misa.

Entón, que facer coa bagaxe espiritual, cultural e económica acumulada século tras século?

Non podemos facer tábula rasa desta riqueza fraguada dentro e pola Igrexa Católica, aportada polos bautizados que, gran a gran, encheron esta tulla. De non contar con este patrimonio, celosamente gardado polos abades, bispos e cregos, non poderíamos entender a historia, o arte, a literatura, a arquitectura nin as distintas formas de organizarse a nosa sociedade. Patrimonio riquísimo de libros escritos nos mosteiros no medievo e posteriores, o berce das universidades co trivium e quadrivium, as pinturas barrocas, as catedrais góticas que debuxaron iconas e perderon a gravidade material, tirando delas os pináculos e mailas agullas con vocación de gaña-lo ceo.

Sen esquecer, no medio rural, os beneficios dos mosteiros, de capelas, dos oratorios e dos petos de ánimas; as imaxes sagradas das pedras dos cruceiros, que limparon dos camiños de maleficios de bruxas e de diaños noitébregos. Camiños a Santiago, marcados de pontes, igrexas e hospitais, monumentos de pedras que falan soas doutros tempos gloriosos, mais agora escoita: “nas pías da auga bendita dos mosteiros, comen os porcos e beben os cans” –espetoume este verán un paisano da Ribeira Sacra ó pé do mosteiro de Santa Cristina, afundido no silencio dos soutos de orat et laborat, do Canón do Sil.

Con todo e iso, se ti es cristián practicante, non te debes preocupar, porque disque despois dunha crise ou dunha poda axeitada (que lle cómpre tanto a nosa Igrexa despois de medrar vinte séculos, está hoxe feita unha caracocha que vai tirando sen zume, con gallas secas que hai que cortar e bravías que cómpre podar co fin de enxertar novos abrollos) coido que vai brotar unha nova comunidade cristiá, pequena, asentada nas súas raíces, porén máis auténtica e fortalecida: o consabido retorno da historia cíclica.

Ningún comentario: