venres, 15 de outubro de 2021
Os xoguetes
De cativo levaba comigo unha navalla. Ademais de ferirme, tamén fabricaba os meus xoguetes labrando unha póla de castiñeiro, dun salgueiro ou do que for: madeira mol, flexible, coa casca con zume para unha frauta. As mans obedecen, se tes as ideas claras de cómo construír o enxeño: primeiro pensa, e logo fai.
Os carriños eran auténticos carros das vacas feitos a escala dos nenos, con todas as súas pezas: as rodas que rodaban no eixe de bidueiro, os estadullos cos ladrais, o chedeiro, o cabezallo coa súa chavella, a argola de ferro para o recadén, e así. Coas mans, movía os carros que levaba cargados de herba, de leña, de patacas, de gavelas de toxos, dependendo da época do ano.
Tamén construíamos outros carros más grandes para baixar montados polos camiños. Cortábase unha táboa á medida do noso corpo coa serra de carpinteiro. Para as rodas viña ben unha torada da que serrábamos catro cachos. As rodas traseiras metíanse nun eixe cravado por baixo da táboa. O asunto das rodas dianteiras era un problema de enxeñería superior: o máis práctico era xirar o eixe dianteiro cos pés mediante unha articulación que xunguía o eixo coa dianteira máis estreita do sollo da táboa. Podíase frear cos pés ou, mesmo, cunha panca de madeira que rozaba o chan. Non che quero dar máis explicacións, non vaias roubarme a patente, non é!
Dobrar un aro era máis doado. Había que torcer un dun caldeiro vello. Para manexar o aro cumpría un arame gordo e darlle a forma de “U” no estremo para viralo á dereita ou á esquerda, segundo a inclinación que se daba á “U”. Para frear, baixando por unha pendente, púñase a “U” do revés. O meu amigo, o Pepe do zapateiro, era un experto no seu manexo.
O tiracoios construíase cunha forquita de uz, dúas gomas e mais un anaco de coiro que usaba o pai do Pepe para remendar o calzado, onde se colocaba o coio. Estaba prohibido usar o tiracoios para matar as pitas ou, mesmo, os paxariños.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario