Ribeira da Teixeira (escapalandia.com) |
Carrexar as olas do sulfato era unha xeira dabondo penosa (un traballo 'fodido', diciamos nós), pois había que peitar coas olas cheas, subindo e baixando as paredes dos 'pataos' por esta banda, (en galego pulido: socalcos de sub calce, erguer as muras calzando as pedras unhas encima das outras)).
As viñas da Teixeira estaban subindo o río Sil, antes de chegar á ponte de Abeleda, mais a min gustábame ir: o pai comprara unha barca con motor fóra borda en Vigo, malia que o motor, xa vello, por veces non quería prender, véndonos na obriga de coller os remos como coitados condenados ás galeras.
Foi o que me pasou un día, andaría con doce anos no corpo, que me vin remando até á altura de Sacardebois, no Porto, á procura das viandas para os homes, os xornaleiros de Lemos que nos andaban cavando as viñas: unha bota de viño, unha lata grande de sardiñas, Rianxeira, pan e chourizos que xa tiña a nai afumados pendendo dos fungueiros na cocina vella. Os homes decidiran quedarse a durmiren dentro dunhas tinallas dunha adega próxima co fin de remataren a xeira o día vindeiro. Ese día souben o que era remar río abaixo e río arriba coa brincadeira de eolo que se erguera para soprar na miña contra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario