O castiñeiro senlleiro de Entrambosríos (Fotografía de Rosa Villar Pumar) |
A Ribeira Sacra do
Sil: terras ladeiras de viñas cosidas en minifundios de poucas cavaduras: socalcos,
por esta banda ‘pataos’, de viñas que se espallan polas engurras das dúas abas,
tendidas ó sol en ambos lados do río; adegas de viño tinto de mencía con nomes de
antigo: ‘Amandi’, terras dignas de amar; pintorescas aldeas e casares
remarcados na paisaxe coas agullas de góticos cipreses; souto de Merilán, o leito
do mosteiro de Santa Cristina: veraos de música clásica que se espalla á
tardiña no lene sentir das follas dos castiñeiros; miradoiros que se miran,
repetidos nos picoutos en cada banda do canón do Sil; fragas ateigadas de fauna
e flora, autóctonas: lobos xa non se ven polos camiños vellos... garduñas, lagartos,
cucos, bubelas...; acivros, caraveis, loureiros...; pasteiros e corgas de cerca á beira
dos regatos: un vello está atento na cravuña da gadaña: os golpes monótonos do
martelo compiten co paxaro carpinteiro que peta teimudo pra afuracar unha trabe do castiñeiro
senlleiro de Entrambosríos: disque cando espertaron os dinosauros, xa estaba
plantado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario