|
San Fiz (Xoán Arco da Vella) |
Os ribeiraos
miraban como as augas do embalse asolagaban os eidiños das familias, herdados
de pais a fillos no percorrer dos tempos, mentres os ollos entornados choraban porfiadas bágoas.
En primeiro lugar, a auga cubría as viñas e mailos terreos que había por baixo das
casas; logo, comezaba a entrar a auga intrusa nas adegas, no alpendre e nas cortes
dos porcos e mais das ovellas; ó día seguinte, xa se deslizaba sinuosa coma unha serpe
pola gateira da porta da casa; en poucos días, as augas invasoras ían rubindo
polas paredes até as fiestras das alcobas e así, gañando rango, até rematar por
cubrir os tellados.
Ó
lonxe, só quedaba á vista o viraventos do campanario da capela de San Fiz co seu galo
marcando un destino descoñecido: testemuño do que fora antano este lugar e como
sinal de aldea desaparecida en aras da voracidade do nomeado progreso.
A
construción do embalse de Santo Estevo, inaugurado por Franco en 1955, cambiou
non só a paisaxe da ribeira, senón tamén os modos de vida de moita xente que
sufriu o desarraigo coa emigración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario