martes, 13 de abril de 2021

O poder do silencio

Toque de silencio
A xente importante, con creto de seu, adoita falar pouco. Buda leva un feixe de anos, controlando a metade da humanidade sen falar ren; Deus falou unha vez, mais van xa 2000 anos que continua sen abrir a boca; a Esfinxe de Gizeh aí está plantada, hierática, sen descubrirnos o seu misterio. O silencio é figura en música e puntúa na escritura; un suspiro da alma escóitase dentro de ti, de te illar dos ruídos, poderías escoitar o fluír da túa vida e, mesmo, o falar da natureza como o lene murmurio das follas das árbores.

Hai xente que fala cos ollos, cargando a cella, sen abrir a boca. Outros falan e falan sen parar, dando voltas e máis voltas á roda da conversa, mais, ó final, non veñen a diciren nada aproveitable, só xiros de palabras viciosas, baleiras de contido.

 Os oficiais do exército teñen as cantinas separadas da tropa co gallo de conservaren o halo da autoridade das estrelas de seis puntas. Os xenerais non acoden ás cantinas: é a soidade dos mandos.                                                                                                                                                                           

–Pode gardar silencio –lee o policía a un detido, coma un dereito. Ó longo da historia, as malvadas máquinas de aplicar tormento nas cadeas, nos calabozos e comisarías duns e mais doutros; o lume, a tortura psicolóxica, todo valeu para entraren na intimidade das persoas, caídas en desgraza, e roubarlles o silencio.                                                                            

–Pois eu quero falar! fala, se queres, porén se o que dis hoxe, o cambias mañá ou se os teus feitos non van acordes co que proclamas, arruínas o teu prestixio de home de palabra, derivando nun pobre tarambaina. Coida que, ó falares, saen fóra as túas debilidades, cuspindo palabras vas perdendo a credibilidade de teu, mais has de saber que o inimigo anda ó asexo.


Non te estás vendendo ó demo coma as pitas que cacarexan, despois de por un ovo, triunfantes do milagre, pero que, ós poucos vai acudir o raposo, e por lingoreteiras coma ti, van a perderen os ovos e, quizás, a vida. Cando falares, coida que as palabras sexan mellores có silencio, como está a dicir o proverbio hindú. Escoita, pensa e mantén pechada esa boquiña, que o peixe morre pola boca: mellor ser rei do teu silencio que escravo das túas palabras.        

1 comentario:

Anónimo dixo...

Como sempre, un pracer
Graciad