Logo está a oferta turística de calidade: as Rías Baixas, Santiago, o percorrido polos mosteiros románicos da Ribeira Sacra; a cidade de Lugo coa mura romana; A Coruña, unha das cidades máis bonitas do norte de España; os balnearios de augas termais de Pontevedra e mais en Ourense; o turismo rural para os amantes da natureza: un paraíso para ollar, sentir e repousar. Estas son só algunhas das estampas turísticas da nosa terra.
Por outra banda, hai que subliñar os fogóns da cociña galega, un galano para os amantes da boa mesa regada cos viños brancos exquisitos, sen esquecer os tintos, e atendidos por xente amable, respectuosa e familiar. Un lugar para volver un ano tras outro.
Esta postal da Galicia non foi cousa de xente parva, nin veu así coma quen di por xeración espontánea: foiche cousa de nós, porque en tal niño vive tal paxariño.
Os galegos estamos orgullosos do noso. Señora deputada, ser galego é un privilexio. Preste atención: unha única acepción aparece no último Dicionario publicado da RAE na entrada de 'gallego': "natural de Galicia".
Está vostede ancorada no pasado, volvendo cos estereotipos da España de hai más de 150 anos, de cando os 'galegos', os vascos, os asturianos, os estremeños, máis pobres, saían a buscaren a vida polas novas terras transoceánicas. O nivel sociocultural dos españois de hoxe en xeral, e dos 'galegos' en particular, non ten nada que ver coa xente de finais do século XIX. Xa non queda nada daquel 'gallego' pobre e pailán.
Vostede di que non sabe se estamos a subir ou a baixar unha escaleira?, mais de quen é a culpa? Por que no olla onde miran os bicos dos nosos pés? nós pensamos por onde queremos camiñar, cousa que vostede non o fai cando bota a lingua a pacer. Se en algúns lugares de Sudamérica a palabra 'gallego' ten, ou tiña, a acepción de parvo, saiba vostede que por alí tamén chaman 'salvavidas' ós galegos, por considerarnos un bo partido para as mozas daquela banda: onde haxa un 'galego', hai negocio. Ademais é de todos coñecido que a expresión 'gallego' en Arxentina, e noutros países de Sudamérica, espalla o significado a tódolos españois: polo que vostede, nestes países, tamén sería unha 'gallega. ( Na acepción máis pexorativa que lle cadre, que é a que se merece).
Esquézase de nós! Non veña por aquí a rañar uns cantos votos ós galegos, que non somos tan parvos, como dá a entender coa súa falla de sentido político.
Miña señora, recapacite. Un consello lle queremos dar os galegos dun e doutro xeito de sermos: non substantive nas entrevistas e mitins os adxectivos xentilicios: 'galegos', co depende; cataláns, rañando os cartiños; vascos, con seu factor RH peculiar. Aprenda o poder do silencio dun político. A estas alturas, aínda non se decatou de que España é un país diverso, habitado po españois, iguais en dereitos e deberes; porén, diferentes. De continuar deste xeito de pensar, vai atopar a porta da súa parroquia atrancada, pois a bisagra, da que tanto presume, con tanto exabrupto e esgallo, vaille crear ferruxe: o tempo pon a cadaquén no seu sitio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario