luns, 14 de xuño de 2021

“La serrana de la Vera”

deviantar.com
Daquela, os tratantes galegos eran pezas cotizadas para  espoliar polos salteadores de camiños, mais con todo e iso, malia de acocharen cartos aínda quentes da venta das mulas, os Prietos de Vilar non se arredaban a camiñar de noite: nas calores do verán, na Estremadura, terra dura, había que trasladar as mulas nas noites estreladas que polo día, entre as moscas e mais o ollo do sol que te perseguía de acó acolá, era un inferno: así que o señor Benedito co seu cuñado Isidro –entón, mozo garboso, con ollos chispos de lince– ían indo en silencio baixo o luar: Benedito de diante, ó lombo da mula mestra; Isidro, detrás, pechando a fileira da reata.                                                                           

    Na alforxa, envurullada nun trapo, por debaixo da borracha, do queixo de Zamora e dos chourizos da casa, acochaba a pistola do nove largo co cargador montado, polo si ou polo non. Mesturadas coas vituallas, bailaban algunhas balas soltas, que sobraran da última refrega cos bandidos: preto do regato, que baixa a cachón auga da serra de Gredos, no lugar coñecido como Garganta de la Olla –contaba Benedito de Vilar, xa entrado en anos, ó pé da lareira, mentres se afumaban os chourizos colgados dos fungueiros– que os máis vellos do lugar lembraban a lenda dunha muller montañesa, salteadora de camiños, coñecida en 'Castela' por “La serrana de la Vera”:  unha moza fermosa que se botara ó monte, disque entolecida por un amor non correspondido.

  “Legua y media de Garganta, cinco leguas de Plasencia
  habitaba una serrana, alta, rubia y sandunguera.
  Vara y media de cintura, cuarta y media de muñeca,
  con una mata de pelo  que la los zancajos le llega.
  Cuando tiene sed de agua se baja pa la ribera
  cuando tiene sed de hombre se sube para la sierra.
  Vio venir a un serranito con una carga de leña,
  le ha agarrado de la mano y a la cueva se lo lleva” (…)
                   

    Desenganada dos homes, e vingativa, esta muller que deu orixe ó romance, asaltaba ós mozos que subían á montaña por leña, e tamén ós “mulateros” mozos, que baixaban coas reatas por un atallo dende o porto do Piornal: valéndose das armas propias dunha moza agraciada, levábaos a súa choza: dáballes de cear a metade dun coello e, de beber, viño de “pitarra” que que gardaba ó fresco nunha xarra decorada de  acios de uvas tintas; logo, viñan as garatuxas e cariños disimulados: que si cóxegas no pescozo coa lingua ansiosa, que si cos dedos ‘paidetodos’ e mais o ‘furabolos’ furgando na entreperna, que si bicos húmidos entre trago e trago, elixir de Baco: ría e brincaba descalza encima do xergón de follas, trebellando moi riseira ela, mentres se ía espindo con cerimonia, pouco a pouco... e, para rematar a festa de aquela noite de goce, despois de riren e de beberen a eito, fochicaba con eles con teimosos suspiros ascendentes de frenesí, desculpando por falar da cousa así polo miudo, recuncando, ós poucos, unha vez máis até deixar o corpo do mozo seco, que se diría 'folla de bacallau'.  

Mais, de mañá cedo, cando os  mozos durmían coma pedras pola canseira que deixa unha noite de goce, coa primeira luz do amencer rebandáballes a gorxa, que tanto bicara, cun longo coitelo que escondía debaixo do xergón de palla.      

Ningún comentario: