sábado, 16 de xaneiro de 2021

O caso da burra endemoñada

                                                                 Video do conto  
 
Noutra banda do río Sil, na terra de Lemos, en Doade, érguese a nova escultura “O Carreteiro” de Manuel Rial preto do miradoiro de Soutochao, símbolo do esforzo sobrehumano da viticultura heroica de antano, preto da ermida de San Amaro, na Pena do Castelo.  
 
     Aquel día da consagración da nova ermida,  Engracia, unha freguesa moi devota do lugar acudira coa burra co San Amaro ás costas camiño da capela. Un sospeita que o santiño non era da súa devoción, por ser unha burra protestante, refungando cando era obrigada a camiñar, espoliada cunha caxata de vimbio que enarboraba a súa ama. 
    
     Disque a Pascasia, que levaba media cerimonia con dores de barriga, tiña o demo solto no corpo. A coitada burra, dende entón, xa non foi tal, dado que, ó quedar por partida tripla endemoñada, toleou de todo, non podendo a Engracia facer xeito dela até que os botou fóra na pena do Caste.  
                        
     Os diaños fuxiron brincando os socalcos cara ó fondo do Sil, temerosos do crego que oficiaba a bendición da capela de San Amaro, alporizado de socato pola ousadía dos diaños de se presentaren no medio e medio da cerimonia. O crego, coma che estou a contar, correu lixeiro e sen acougo tras deles, armado co hisopo na man dereita, desexoso de esfarelalos alí mesmo co chorro da auga bendita. 

     Entón, inesperadamente, apareceu unha ventada que ergueu en voo ó crego mentres corría a todo gas perseguindo ós diaños polos sendeiros abaixo, levado por un refacho de vento oportuno que lle enchía a sotana coma se tratar dun globo aerostático. Os diabros endexamais viran tal cousa en ningures, co rabo entre as pernas e coas mans nos cornos continuaban fuxindo daquel titán que os perseguía polo ceo coma un gabián xigante, que regaba abundante choiva de auga bendita. O demoños, atemorizados, acocharon mergullando nas augas escuras do Sil.  
                
     Ó amosaren as diabruras coa barriga revirada, aboiando na superficie do encoro, apareceu Caronte coa abarca, para subilos a bordo con tento e sixilo e marchou con eles remando, devagar, cara a abaixo ata o canón do Sil, onde Hades seica ten a boca do inferno na altura dos Balcóns dos Mouros. 

     O barqueiro de Hades entrou coa barca na misteriosa gruta, negra coma a boca dun lobo, que se mantén en segredo dende cando os abades do mosteiro de Santa Cristina fuxían por un dédalo de pasadizos, se as cimitarras dos mouros arrodeaban as muras do mosteiro co gallo de roubarlles as arcas de castañas do souto de Merilán.

Ningún comentario: