Capela de San Ramón |
Sendo eu aínda un
mocosiño, os meus pais resolveron pola súa conta mandarme coas vacas para Celeirós,
concello de A Teixeira: a transhumancia do ganado, vacas, bois, becerro e mais
unha mula, falsa, dende Sacardebois ás terras altas de Celeirós, terra do meu
pai, de onde viñera casar coa miña nai, por entón herdeira da Casa Viana, tocaba
cada primavera cós lameiros da ribeira reservados para a herba de sega.
Celeirós é unha aldea soleada de montaña, con hortas fértiles na beira
baixa do vilariño, con leiras chás de secaño espalladas ó redor, onde se
alterna o centeo coa sementeira das patacas. Embaixo, no río Vaos, soutos
húmidos e lameiros de rega; ó lonxe, as devesas. Na cima do vilariño, a capela
de San Ramón Nonato de cantería de perpiaño está a vixiar e protexer a tódolos
veciños e, dun xeito especial, ó nenos, de naceren prematuros ou con cancelas
para saíren adiante.
Un lugar lindo, aínda que, antano, carecendo de estrada e pegados de
noite ó candil de carburo, permaneceu durante séculos recollida en si mesma.
Nesta aldea, e mais noutras da Galicia do interior, o medievo alongouse ata a
década dos sesenta do século pasado, e como di o outro: “de tal niño, tal
paxariño, un lugar, pois, onde seica xurdían veciñas meigas con poderes, e
tamén algunha bruxa, de mal agoiro o seu meigallo, chuchonas elas: moi cativas por teren feito
un pauto co demo", díxome o meu pai de boca
á orella, unha tardiña de verao que baixamos ó Reconco a pescar troitas na vaira
do Conde.
Velaquí algúns indicios de falsas crenzas: ferraduras cravadas nas portas das cortes; axiña de enfornar o pan, facer coa pa o sinal da cruz; salpicar as portas e fachinelos dos cortellos dos porcos de ceba con auga de ruda ou da pía bendita; o rito máxico de curar as vacas con infeccións nos pezuños, deixando secar ó sol o terrón pisado pola res enferma: ó secar a herba do terrón, a vaca deixaría de coxear...“enróscalle o rosario nos cornos, que a Gallarda está a piques de parir, non vaia ser o demo que...” –díxolle un día a meiga de Celeirós ó Queridiño da María.
Demo, non digas! meigas en Celeirós...? non creo nas meigas, mais como di o outro: 'habelas hainas...!'
Ningún comentario:
Publicar un comentario