xoves, 28 de febreiro de 2019


As fillas da caracocha: Os barqueiros da ribeira do Sil


  


                      ____________________________________________                                            
                                     11

                               Faragullas de ourego

“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 






Os barqueiros da ribeira do Sil


Para cruzar o río Sil –no Porto, na Barca de Baixo, en Meixide ou en San Fiz– antes do encoro de Santo Estevo, ademais das dornas para unha soa persoa axeitadas para os enxeños da pesca das troitas, as nasas e mailos galaritos ou, mesmo, para traballar as viñas noutro lado do río, había outras barcas, tamén lixeiras, para o traslado da xente que ía ou viña da estación de Monforte; as máis mediadas, para unha cabalería.
   As barcazas usábanse pouco, porque cumprían dous homes manexando os remos, só cando viña unha xugada de vacas ou unha reata de cabalerías para as feiras de Sober, Pantón, Monforte ou pasaban o río, en sentido contrario, de Lemos a esta banda, ás feiras de gando de Montederramo, de Chandrexa de Queixa, de Castro Caldelas e de Maceda, entón, non había outro remedio que empregalas e remar, virando a súa proa un pouco cara a arriba, a contracorrente, co gallo de ganaren a outra orela, dado que, ás veces, nas enchentes do inverno, a forza da auga arrastrábaos río abaixo.
    Naquela, tiña moita sona a feira dos bois de Montederramo: “Polo camiño vello que vai dende Vilariño a Pradomao cara a Ribeira había unha paraxe” –recorda a nai de Antón Fernández de Vilariño Frío, unha señora de 90 anos cunha memoria aínda prodixiosa–que se chamaba a Casa Nova, onde pasaban a noite os tratantes de Lemos que acostumaban acudir á feira de Montederramo á procura dos bois da montaña”.                                          
   Á romaría do Santuario dos Milagres acudía por entón moita xente devota da Virxe e das empanadas ó pé do Santuario. Coa noite pecha, a mocidade retornaba da esmorga alumando os camiños con fachóns de palla de centeo, que ripaban dos palleiros, á beira dos camiños: eran días de moita xeira coas barcas, abofé que si. 
    O tránsito nas dúas bandas do Sil era continuo: a mocidade escoitaba as chamadas dos foguetes e das campás que repenicaban engaiolantes ás romarías de Amandi e de Cadeiras. A esta banda do río, viña tamén a mocidade de Lemos ás festas do Carme, en Sacardebois, ás de Trigoás e mais á festa das cocas de Santa Tecla.
    A media tarde, cando rubían ó Santuario de Cadeiras ou cos primeiros tímidos luceiros do luar, ó retornaren, as barcas non daban abondo con tanta mocidade esperando por embarcaren: por entón, había un exame de mozos e mozas nestas aldeas da Ribeira Sacra, que daba gusto velos. Cos bailes, a bota de viño e coa pándega de cabrito, as mozas abríanse ó namorisco e, tras varios encontros noutras festas, falaban mirándose no espello dos ollos, sendo frecuentes as parellas, ás veces amañadas polas familias de albiscaren cabezas de gando, viñas ou cortiñas no haber dos prometidos.
    Os miúdos das casas grandes pasaban nas barcas montados en machos e bestas para acudiren ós internados dos colexios Escolapios e da Divina Pastora en Monforte. Os ribeiraos máis pobres, en troques, tamén se achegaban ás barcas coas cestas de pavías, que vendían nas vilas e feiras da bisbarra de Lemos. Cada cando, se lles facía ó caso, trocaban as pavías, cereixas, uvas e pexegos a razón dun saco de centeo da chaira, que lles viña a sorte de cara para coceren o panciño no forno de leña.

domingo, 24 de febreiro de 2019


As fillas da caracocha, relatos breves: A lenda do Pedome. 


  


                      ____________________________________________                                            
                                     10 

                     Faragullas de ourego

“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 




A lenda do Pedome




Colleron dous galos –conta don Antón Rodicio no Boletín Auriense, ano 1995, o que escoitara sendo un neno ó seu veciño Avelino Álvarez (nado en 1883), narrado aquí á miña maneira de tecer os contos– un  branco do poleiro dos freires de Santa Cristina e mais outro negro dun mouro xigante que  quedara a vivir no lugar, preto do cachón de Xabrega e do regato de Lamateiro,  onde se atopa unha pegada súa  remarcada  nunha  pena, o Pedome. Lugar  moi propio para pasar a ponte no verán,  din  os  máis  vellos dos vellos do lugar que se pasaba á outra banda brincando sobre as pedras do leito do río, que seica de aí vén o nome de “Peares”.
E botárono a sorte, se o primeiro en cantar na alborada era o galo branco, habíase de erguer a ponte; se, pola contra, era o galo negro en dar o primeiro quiquiriquí do amencer, o Destino, que estaba a xogar cos quiquiriquís dos galos, manifestaba que non se debía construír. E disque o galo negro foi máis madrugador e que, por tanto, xa dende entón, as barcas de Paradela, de Meixide, da Barca de Baixo, de San Fiz, de Cerreda continuaron co oficio milenario de transportar dunha banda á outra a persoas, animais e mercadorías. Dende aquí, una merecida homenaxe ós barqueiros do Sil.

domingo, 17 de febreiro de 2019

Folliñas que levou o tempo







                         Relato 9

                             


                           Faragullas de ourego



“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 


_________________________________________________________________________




As folliñas que levou o tempo






Aquí, en Parada de Sil, noutros tempos esvaecidos tiraban ó lixo a memoria dos antepasados. Agora bótanse en falta documentos gráficos e literarios que recollan o devir diario desta terra meiga, a xeito dunhas Folliñas que levara o tempo: os quefaceres dunha cultura milenaria, a piques de desaparecer –vai xuntando, Claudia, estas follas manuscritas–, melloraron  as estradas e, mesmo, as pistas baixan zigzagueando á beira do encoro de Santo Estevo, a traída e saneamento da auga, apareceron as casas rurais, a pisa de castañas en Purdeus, as andainas polas carriozas e canellas, a residencia de maiores Luces do Sil, as xornadas gastronómicas, o xacemento arqueolóxico de San Vitor, a pasarela que serpea na orela do río Mao, o albergue na antiga Fábrica de luz, os restaurantes e mailos furanchos nas adegas, o catamarán asucando o río Sil. Certo, non é pouco.    
                                         
     Aínda queda moito por facer: dar a coñecer, e gardar para tempos vindeiros, a cultura integradora que valore o que é de noso, non só o mosteiro de Santa Cristina e mais a necrópole de San Vitor, tamén as formas de vida de antano: os costumes ancestrais, as lendas dos mouros, os feitizos menciñeiros das mulleres meigas e dos curandeiros, compoñedores de ósos; o valor engadido da natureza tanto da flora autóctona como da fauna, un regalo para os sentidos: o raposo, a bubela,  a garduña, o gabián, os lagartos; os carballos, uces, acivros, morotes e estalotes; os ríos e mailos regatos coas fervenzas, onde se acicalaban as meigas no canle dos muíños vellos.    

     Unha terra encantada, quizais lixeira, con certeza minifundista, pero abofé toda ela con lentura suficiente, non só para facer medrar as patacas nas cortiñas da montaña ou elaborar o mellor viño de cepas vellas no cerengo de San Adrián: boon viño de Ourense loa nas súas Cantigas de Santa María o rei Sabio, hai que pór en valor o patrimonio inmaterial que é de noso: que tal niño, tal paxariño.   
       
     Disque estes lares, á beira do Sil, teñen un non sei que, quizais, un tesouro acochado dende os rituais dos druídas que recende un sentir máxico de arte e de poesía; unha terra con alma coroada de vivencias pasadas de onde abrollan doados contos e xorden misteriosas lendas, como A lenda do Pedome,  maquinadas, unhas veces, polas meigas e mais outras polos mouros que moraron, dende os tempos de Almanzor, nas medorras e picoutos de acó e de acolá, nas dúas bandas do Sil.

sábado, 26 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, o río dos esquecementos: relato 7


                                                                  




_____________________________________ 
                               
                    Relato  7

                             


                            Faragullas de ourego


“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 




O río dos esquecementos    
                                                                      


Xa na idade antiga se dicía que os desafortunados que bebían das augas quedas do río Leteo, o río de Hades, que vertía os recordos na lagoa Estigia, perdían dun golpe toda a memoria acumulada. 
                                                                                                                   
     Mira, Claudia, os escravos romanos, un bo día, colocaron unha lousa no foro de Roma, logo colocaron outra diante da primeira, despois outra e mais outra e así, lousa tras lousa sementaron de vías o imperio. Certo, como reza nos libros de historia, que ti coñeces. Despois de moitas andainas de conquistas de terras bárbaras, os milites romanos chegaron ós limes de Gallaecia: o río Limia.   
                                                 
     Ante diem sextum kalendas Martias, 138 a. C., os soldados romanos quixeron ver no río Limia o río Leteo, o río dos esquecementos da mitoloxía grega, de maneira que se negaron a mollarse nas augas do río sagrado por mor de non quedaren coa mente in albis, tanquam tabola rasa, como falaban eles. Di a lenda que ante o plantón do seu exército de cruzaren o río dos olvidos, o xeneral Décimo Bruto, alcumado “Galaico”,  pasou á outra banda, enarborando un estandarte como sinal de vitoria. Axiña, comezou a berrar os nomes dos soldados acampados noutra orela. 

     –Caprenius Rusticus, berrou o nome do primeiro soldado, que fora recrutado cun rabaño de cabras nos montes etruscos. 
   –Aulus Reburrus, berrou estoutro nome, un mozo repetidor da ESOR da Academia Palatina, recuperado para o exército. 
      –Florius Eunucus, enrolado pola leva, mentres coidaba ás virxes vestais.                     
    –Flacius Flaccus, o miles que estaba a tentar coa man se un oso do Val da Limia lle rillara un cacho de chicha do óso dunha canela.
    –Veranius Ostianus, levado polo cónsul patricio para a campaña do Xeneral Galaico, cando coidaba das hamacas na praia da Ostia.

     A seguir, os miletes romanos cruzaron a raia do río. Mais como a lenda debía continuar por moitos anos, un soldado, despois de cruzar o río Limia, amosaba estar voando, matinando nos biosbardos non sei que lerias. 
              
     –Canta o teu nome, soldado romano! –díxolle o xeneral Brutus.                                                            –“Ninguén” é o meu nome –contestoulle a secas. 
    –E logo, non es Vinicius, filius dos Caldius? Vinicius: “Doce viño do olvido”. Caldius: “O demo que fai ferver os caldos nas adegas, onde se evaporan os recordos” –dixo para os seus adentros o soldado descarreirado tras perder a memoria. 

venres, 18 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, memoria histórica






_______________________________________  
                               
                                6

                    Faragullas de ourego



“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 



Memoria histórica



Escoita, ó comezo da guerra tiña eu un taller mecánico en Ordes con dous coches, un pequeno utilitario para o servizo do taller e un Ford T Sedan de sete prazas que usaba para o transporte de viaxeiros entre Ordes e Santiago. Na vila só  conduciamos o teu pai, que xa o facía con trece anos, e mais eu: isto foi, Claudia, o que lle dixo o bisavó de Santiago ó teu avó.                                                                                                  
     Unha mañá, presentouse a Garda Civil no meu taller cunha orde escrita para requisar os dous vehículos da familia, advertíndome da obriga de presentarme no cuartel cantas veces fose chamado, de día ou de noite, considerándose a posible ausencia como motivo de consello de guerra. Unha noite, a iso das tres da madrugada, presentáronse dous números da Benemérita na miña casa e coas culatas dos mosquetóns empezaron a aporrear na porta, chamándome a berros: "Vístete rápido e acompáñanos, que tes un servizo". Unha vez montados no Ford, ordenáronme dirixirme á casa dun veciño, pouco amigo de misas. Os golpes secos coa culata dos mausers nos remaches de ferro na porta de madeira resoaron metálicos e ameazantes, rompendo a quietude da noite: sons de mal agoiros dos paseos nocturnos.                                                                                      

     O pobre home, quizais de tendencia comunista e amigo de lecturas, asomouse ó balcón en panos menores.   
                                                                                                 
     –Vístete e acompáñanos –díxolle un dos gardas.                                                        
     –Por que me buscan a min? eu non fixen nada –preguntaba dende a ventá.     
     –Se non te queres vestir, igual, para onde vas ir... –advertíronlle.                                 
     –Toma a estrada de A Coruña –díxome o garda que ía ó mando.                                  
     –Agora, desvíate por esa pista, á dereita –engadiu, de alí a pouco.                             
     –Para! e enfoca ese silveiro que hai nese valado –ordenáronme.                               
     –Baixa do coche, que che chegou ou momento do paseo! –oín que lle dicían. 
         
     De alí a pouco, escoitáronse dúas detonacións de fusil. Logo, os dous gardas civís colgaron as armas ó ombro, subiron ó coche e prenderon dous pitos. Neste momento, o rapaz baixou a cabeza, colleuna entre as súas mans e botouse a chorar: “Deixa os focos do coche acendidos e enfoca ese valado”, repetía unha e outra vez, entre saloucos. Pasado un tempo comentei ó meu pai o que me contara o meu avó: mentres me escoitaba, notaba que se ía poñendo cada vez máis serio, cambiándolle a cara a paso acelerado, facendo xestos que non sabía eu como interpretar.   

     Nunha pausa, díxome: “Cando non ía o teu avó, porque dicía que estaba malo ou chegaba borracho á casa, berrando como un tolo de atar, tiña que ir eu, con só quince anos, a dar o macabro paseo no medio da noite. Mais, un dos gardas adoitaba dicirme, antes de apertar o gatillo do fusil: “Marcialiño, ti mira pra outro lado”. Memoria da guerra que se vai lavando no río dos esquecementos.

xoves, 10 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, as bondades do lume




_______________________________________  
                               
                                  5

                    Faragullas de ourego



“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 





As bondades do lume




O home antecesor, o noso tataravó, querida Marta, que lle tocou vivir nos albores dos tempos, foi aprendendo a dispor dos recursos que lle brindaba a natureza, daquela inhóspita para un indefenso e desvalido homínido.   
                                                                  
     Mais o Homo Erectus, que foi gañando a verticalidade até plantarse como bípede coas mans ceibes para afiar un óso contra unha pedra ou, mesmo, artellar un coitelo cun cacho de sílex, disque coa avantaxe dun cerebro máis desenvolvido, foi descubrindo novas tecnoloxías, daquela revolucionarias, destacando dous achados decisivos para o porvir da humanidade: o invento da roda e mais o segredo do lume.                          

     Logo, habería de presentarse un home sapiens, fillo da súa nai: un home dual, pirómano e mais bombeiro, contraditorio de si pero non, cordo e mais tolo, humano e mais lobo. Un día de verán, a iso da noitiña, deulle por prender lume ó monte.     

     –Lume...! pegáronlle lume á fraga…!, fumega o monte, arde o monte…! –berra o alcalde pedáneo de Santiago de Medorra, espertando ós veciños que xa moran quedos no sagrado.O monte do Burgo cheira a morto, entre lusco e fusco quedou arrasado, só unhas gallas retorcidas e esgazadas continúan con fume. Axiña, virán as chuvias do outono lavarlle os pés para o enterro: o monte quedará lambido, só unha fea calva de pedras desolada; primeiro, veu o lume e logo choveu do ceo, que mal lle pinta a auga despois do lume ós montes ladeiros da ribeira de Caldelas!   

     Se antonte amosaba espléndido, hoxe está triste e silandeiro: antes presumía de esveltos carballos, acivros de follas espiñosas, frondosos castiñeiros; falcóns peregrinos; raposos nos tobos; sinfonía de chíos de papuxas e paporrubios; divertidos esquíos;  campaíñas de estalotes, frescos morotes; perfume de ourego, loureiro, alegres caraveis… porén, onte veu a Parca co lanzachamas e daquelo tan fermoso xa non che queda nada: calvo, negro e feo, monte queimado, que mal te vexo!            
                    
     Así e todo, o lume, querida Marta, tamén ten as súas bondades: fogueira de San Xoán purificadora; lume de virxes vestais; lume do xamán Maui que baixou do ceo o arte do fogo; lume, bolboretas de namorados: disque o home é fogo e a muller estopa e ven o diaño e sopra; lume de volcáns, morada dos deuses; contos lobeiros ó pé da lareira; fogar de familia romanés en acampada; lume purificador de bacilos nun sanatorio; lume frío no velorio dun ateo; vagalumes no camiño dun descarreirado; fol de zafra que debuxa santos de ferro a golpes de martelo; fumeira dos chourizos nos fungueiros; lume que quenta a barriga do forno; lume preguiceiro que destila augardente de bullo; lume afogado nas toleiras dunha seara; lume de candil de carburo que perfuma o cu da noite; lume de botafumeiro que purifica ós peregrinos; lume dos Fachóns de Castro Caldelas que espanta ós lobos que queiman cos ollos; lume do inferno, divina comedia dos cregos; lume no monte de Venus que apaga a vontade de varudo bombeiro; lume cuspido polo Vesubio que conxelou o quefacer de sosegados pompeianos nun intre da historia.

domingo, 6 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, a memoria da auga

  _______________________________________  
                               
                                  4

                    Faragullas de ourego


“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 







A memoria da auga



A mitoloxía di que a auga do río Leteo lavaba a memoria, querida Claudia, como as augas benditas lavan as culpas no Cristianismo. Tamén, de cando en vez, irrompen augas invasoras dun tsunami, borrando do mapa tanto a cristiáns coma a pagáns, todos somos iguais no lavadoiro da auga: que somos?, senón auga!  
     
     A auga e mais o viño sonche bos; pero, mira, en doses comedidas, aínda che son mellores: augas a cachón ou dunha treboada, que nuns sitios arramplan con todo e noutros nada, fronte ás preguiceiras gotas que pingan polos bicos dun tellado ou o orballo miudiño que vai caendo de cedo na horta para lavarlle as follas ás nabizas. Augas benditas, que cuspe o hisopo, e que perdoa as culpas a un finado; augas mornas que fan medrar o pan; augas que lle borra a cara tisnada a un larafuzas; augas de cristal da fonte da ninfa Sálmacis que remedian os quereres andróxinos, indefinidos de xénero; augas de maio, un regalo para as cortiñas sementadas de millo; augas menciñeiras que curan o mal de ollo; augas caídas do ceo, no agosto, que veñen a enmudecer as fauces do lume desbocadas, alampando cos piñeiros, malia ás bondades do lume domesticado.
     
     Na mitoloxía fálase doutro río, o Mnemósine, na ribeira do Sil recibe o nome de Mao, río humano, que resucita a memoria esvaecida dos vellos, tras amoleceren na poza dos Recordos unha noite de luar, mergullando cara dentro na introspección do pasado. Augas que refresquen as palabras patrimoniais, que con “cousa”, “carallo” e “vale” xa teñen abondo para os faladoiros da telelixo, moucas agora no dicionario, pero que camparon antes nos libros, esperando un certeiro dardo que as esperte, emporiso cómpren augas renovadas que as fagan abrollar nas ágoras da fala.            
     
     A inmersión no río Mnemósine, acá nas fervenzas do canón do Mao, era o remedio para recobrar a memoria. Disque houbo un filósofo na Atenas de Pericles, que mentres cantaba o galo no alpendre, no alborexar dun novo día, coa cunca da man bebía auga do río Mnemósine, en compaña do seu can, Orto, de dúas cabezas coas que lapaba o dobro co fol da memoria ateigado de datos, mais de alí a pouco estoupou como un globo inchado de atmosferas. En troques, o filósofo, máis comedido, gozou do tempo suficiente para matinar e dar corpo á que sería, en adiante, Doutrina Aristotélica.    
     
     Así que, querida Claudia que me escoitas, podemos deducir como corolario que unha das virtudes da auga é ir retendo a memoria no seu ciclo eterno, mais cómpre abrir, de cando en vez, o aliviadoiro dos recordos. Uns vasos de viño de mencía é a menciña recomendada para unha doada escolma dos recordos tecidos na arañeira da caluga que deben permanecer na memoria dun pobo.

xoves, 3 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, airiños da miña terra

                      _______________________________________  
                               
                                  3

                    Faragullas de ourego


“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 






Airiños da miña terra






Aire. “Mestura que, constituída por osíxeno, nitróxeno e outros gases amais de vapor de auga, forma a atmosfera da Terra”. Vento. “Aire atmosférico en movemento” (RAG). A auga, a terra, o AIRE e mais o lume, para o filósofo Empédocles, e mais tarde para Aristóteles, que denominou elementos, foron os principios básicos que constituían o mundo, teoría que séculos despois quedou desbotada cos avances da ciencia. O mundo sería, pois, unha determinada mestura deses catro elementos.                                            

     Sen embargo, querida Claudia, malia non querer esmiuzar agora tal teoría, con todo e iso, o ar para os filósofos helenos tiña esta simboloxía de hálito creador, de sopro de palabra, o mesmo concepto amosa no Xénese coa creación do home, de luz e mais lixeireza, de mobilidade e mais de liberdade como o voo ceibe das aves.                                 

     A fraseoloxía coa palabra “aire” é abundante no galego, mais para non andar co aire nas pólas, pídoche, Claudia, un respiro de atención, que nun airiño de Deus remato o conto e xa quedas libre de planear ó teu aire como unha presumida bubela.                 

     Ó reler o escrito ando no aire, tirándolle dardos ás erratas, mais axiña me enfado, mecagoná! que corto o aire co lapis! co cello engurrado do mal aire que me dá: como se for o aire de mariñeiro maniático de cando arranxa o camarote colocando cada cousa no seu sitio, aire que respirei cando mudei de aires nun cruceiro a Bos Aires, demoño de bucle redundante!                                                                                                                 
     Vou como unhas castañolas co aire de primavera que abanica as folliñas de castiñeiro nos soutos da ribeira escoitando o lene sentir da natureza; co aire fresco que alivia as calores de verán na pasarela que serpea ó carón do Mao; co respiro de aires antergos de tumbas abertas en canal na aira da necrópole de San Vitor; vou de compaña cos aires renovadores do concello de Parada de Sil que poñen en valor o rico patrimonio que é de noso: aires de brisa renovada na proa do catamarán que asuca o Sil, airiños de música de concerto no mosteiro de Santa Cristina, aires de achego de veciños que aventan coa criba de media lúa castañas secas en Purdeus.    
                             
     Que se afogue eolo que aviva o lume devorando carballos e piñeiros! Suave airiño que seque as bágoas de desconsolada nai por un mal aire que lle deu a un fillo; mal berce de aire nado no océano que trae preñadas as nubes de ruinosa sarabia; non atopo abanico menciñeiro para saírmos airosos desta crise; que leve o demo o mal aire que ventan os adegueiros de cara ó futuro; noites de pedra cos fachinelos pechados para os políticos, algúns, que rouban con aires mentireiros de “non me consta”.     

     Sopro de alento a persoas desvalidas que viven do aire; fol de aire ventoso que limpe as culpas a un pobre necesitado que rouba a un rico ladro; solta de gas ó aire polo escape de atrás que nos alivie dos recortes o día da festa das urnas, mandando ós que tornan a auga para o seu muíño, a tomaren o aire de Villadiego.                  

     Vento oportuno que esfarele a polución do escape da sociedade de consumo para que repartan o pan ós que veñen con cara de fame a petaren na porta da terra de promisión: que derruben as tupidas cribas nas fronteiras de alto aramado! Mal vento de Tarifa que sopra en dous sentidos: vento en popa a toda vela nas táboas do surf dos mozos ricos e vento tempestuoso que envorca as vellas dornas afogando a mozos pobres de color que veñen do sur, en guerra. Airiños de Parada de Sil, a terra onde me criei.

venres, 28 de decembro de 2018

As fillas da caracocha, airiños da miña terra

                      _______________________________________  
                               
                                  3

                    Faragullas de ourego


“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 


Airiños da miña terra



Aire. “Mestura que, constituída por osíxeno, nitróxeno e outros gases amais de vapor de auga, forma a atmosfera da Terra”. Vento. “Aire atmosférico en movemento” (RAG). A auga, a terra, o AIRE e mais o lume, para o filósofo Empédocles, e mais tarde para Aristóteles, que denominou elementos, foron os principios básicos que constituían o mundo, teoría que séculos despois quedou desbotada cos avances da ciencia. O mundo sería, pois, unha determinada mestura deses catro elementos.                                            

     Sen embargo, querida Claudia, malia non querer esmiuzar agora tal teoría, con todo e iso, o ar para os filósofos helenos tiña esta simboloxía de hálito creador, de sopro de palabra, o mesmo concepto amosa no Xénese coa creación do home, de luz e mais lixeireza, de mobilidade e mais de liberdade como o voo ceibe das aves.                     

     A fraseoloxía coa palabra “aire” é abundante no galego, mais para non andar co aire nas pólas, pídoche, Claudia, un respiro de atención, que nun airiño de Deus remato o conto e xa quedas libre de planear ó teu aire como unha presumida bubela.       

    Ó reler o escrito ando no aire, tirándolle dardos ás erratas, mais axiña me enfado, mecagoná! que corto o aire co lapis! co cello engurrado do mal aire que me dá: como se for o aire de mariñeiro maniático de cando arranxa o camarote colocando cada cousa no seu sitio, aire que respirei cando mudei de aires nun cruceiro a Bos Aires, demoño de bucle redundante!  
                                                                                                              
     Vou como unhas castañolas co aire de primavera que abanica as folliñas de castiñeiro nos soutos da ribeira escoitando o lene sentir da natureza; co aire fresco que alivia as calores de verán na pasarela que serpea ó carón do Mao; co respiro de aires antergos de tumbas abertas en canal na aira da necrópole de San Vitor; vou de compaña cos aires renovadores do concello de Parada de Sil que poñen en valor o rico patrimonio que é de noso: aires de brisa renovada na proa do catamarán que asuca o Sil, airiños de música de concerto no mosteiro de Santa Cristina, aires de achego de veciños que aventan coa criba de media lúa castañas secas en Purdeus.   

     Que se afogue eolo que aviva o lume devorando carballos e piñeiros! Suave airiño que seque as bágoas de desconsolada nai por un mal aire que lle deu a un fillo; mal berce de aire nado no océano que trae preñadas as nubes de ruinosa sarabia; non atopo abanico menciñeiro para saírmos airosos desta crise; que leve o demo o mal aire que ventan os adegueiros de cara ó futuro; noites de pedra cos fachinelos pechados para os políticos, algúns, que rouban con aires mentireiros de “non me consta”.                        

     Sopro de alento a persoas desvalidas que viven do aire; fol de aire ventoso que limpe as culpas a un pobre necesitado que rouba a un rico ladro; solta de gas ó aire polo escape de atrás que nos alivie dos recortes o día da festa das urnas, mandando ós que tornan a auga para o seu muíño, a tomaren o aire de Villadiego.                               

     Vento oportuno que esfarele a polución do escape da sociedade de consumo para que repartan o pan ós que veñen con cara de fame a petaren na porta da terra de promisión: que derruben as tupidas cribas nas fronteiras de alto aramado! Mal vento de Tarifa que sopra en dous sentidos: vento en popa a toda vela nas táboas do surf dos mozos ricos e vento tempestuoso que envorca as vellas dornas afogando a mozos pobres de color que veñen do sur, en guerra. Airiños de Parada de Sil, a terra onde me criei.

xoves, 27 de decembro de 2018

As fillas da caracocha, relatos breves. O retorno.

  


                      ____________________________________________                                            
                                     1 

                     Faragullas de ourego

“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”.






retorno
                                                                             


Despois de corenta anos na diáspora, un veciño de Parada de Sil retornou á terra que o vira nacer co seu deber cumprido. Pasaron moitos anos, Claudia, dende que se fora, buscando novos aires noutra banda do océano. Hoxe, despois da sobremesa, está a descansar, rodeado dunha morea de libros, na randeeira da galería que mira á ribeira do Sil, ó compás do vaivén da memoria, lembrando a primeira infancia coa nostalxia dun neno desexoso de volver a Arcadia.

     Á tardiña, acompañado do can, Troco, orfo do Tres, agora á procura dun novo amo, vai indo paseniño, lembrando o percorrer da súa vida, xa no outono, entre as paredes das canellas e mais polos camiños vellos por debaixo de Parada por onde case que non roxe ninguén.                                                    
                                      
     –Para, avó!, tranquilo, que cando enfías o conto pareces un xoguete autómata que non para até que volve o resorte ó repouso que é de seu, non me cadra que un indiano viva rodeado de libros –inquiriulle Claudia, a neta máis medrada.                                    
     –Don Antonio foi catedrático nunha  recoñecida universidade de América. Deixa que remate o relato, que son doado a trabucarme, cando ando a zurcir un conto cos fíos doutros relatos esfiañados, despois da escolma para mandalos ó prelo.                                     
     Escoita... á beira do camiño, mira os eidos ermos; preto dos regatos, os lameiros, daquela derregados con primor, hoxe abandonados a mercé dos silveiros: pegadas de retrincos de vida das aldeas da Ribeira Sacra, feridas de morte polo éxodo rural, hoxe xa estiñadas. Así e todo, os castiñeiros centenarios continúan ergueitos cos brazos abertos de alados xigantes vendo pasar o tempo, enchendo de vida os soutos da ribeira do Sil, cercados con paredes de cantería, recubertas de perrucas de musgo, e rematadas nun lazo de portelo, obra primorosa dos mestres canteiros de antano.                                                   
     De cando en vez, repousa sentado na tapa dunha parede tirando do fío dos  recordos que evocan estes lugares tantas veces recorridos na nenez: a mesma sensación de Odiseo de volta a Ítaca. Porén, unha tardiña, no solpor, caeulle a alma ós pés trala ollada do devir do tempo que dun sopro arrincara as estampas do calendario dos devanceiros que viviron nestas aldeas: e con elas, cinsa do vento, fóronse apagando os airiños que daban sentido a estas parroquias do rural en Caldelas... 

     –Todo se andará, avó: “A Ribeira Sacra será declarada 'bien de interés cultural (BIC)', Parque Natural de flora e de fauna autóctona, Reserva da Biosfera, Patrimonio da Humanidade” –engadiu a nena abrindo o libro de Ciencias da Natureza de 5º de Primaria.

xoves, 10 de maio de 2018

O lobishome


Polo 8 de decembro vai unha friaxe que pela, os días son pequenos e as xeadas quedan dun día para o outro, pois a meirande parte da xornada a néboa non escampa dos eidos: un tempo coma de defuntos, triste e outonizo. Hoxe, de tardiña, o pai do meu neno, o meu home, volveu de Ourense de amañar uns asuntiños na Audiencia, como che ten eses amigos tan importantes... Onte, á noite, díxolle ao neno: “Déitate xa, que mañá tes que vir comigo a Parada do Sil no macho, que teño que coller o coche de liña”.

     Ao día seguinte, o pai sentou ben estarricado no medio da albarda —o meu home éche teso coma un carabullo— tendo que amolarse o meu neno no duro reberete das costuras do aparello: “Mamá, dóeme o cu do aparello”, díxome  Xosé Ramón (o Pon) esta mañá. Mentres un lobicán estaba a piques de atravesar a estrada á beira dunha pontiña, o macho camiñaba devagar taca, taca, taca, taca..., pola estrada de coios e terra prensada. A quietude dunha noite de luar espallaba unha legua á redonda os ecos solitarios e monótonos das ferraduras do macho.

     Ao pasar a pontiña do regato de Rabacallos, o Pon viu uns ollos de lume acochados detrás dos carballos, relumeando coma brasas, coma se estivesen a espreitalos entre a néboa das primeiras horas da mañá. O pai tamén ollou os lobos, co seu ollar magnético, pero calou... Ao arribaren a Parada, o meu home quitou o abrigo e prendeu un pito, e axiña, cubriu o corpiño do neno que xa tremaba coa lentura das primeiras horas da mañá.

     Coa mesma, o pai arreoulle coa man nos cadrís ao macho e o animal, obediente, volteou a cabeza cara á ribeira, arrincando a desandar, de novo, a camiñada de case dúas leguas, andando a paso de home, devagar, sen présas: taca, taca..., taca, taca..., taca, ta... O meu neno acochou as orellas co gabán de montaña —o sobretodo tapaba o corpiño enteiro do raparigo e, pingando polas bandas, abrigaba tamén as costas do macho— logo, colleu  o ramal, coa monotonía dos pasos do animal, e coa persistencia da néboa que delongaba a alborada do día, os ollos íanselle pechando: axiña, comezou a toquear; ás veces, espertaba de súpeto, alporizado; malia a todo, o sono nas portas do amencer puido con el,  quedando durmidiño encima do carrelo do macho, que seguía a camiñar taca, taca, taca, taca, taca, ta... paso a paso, sen présas cara a abaixo; aínda que, de cando en vez, mudaba a paso de trenza: traca... traca; traca...traca, abaneándose polos dobres pasos contrapostos.

     O Pon, desde xeito arrolado, seguía a durmir como un pato que tivese acochada a cacholiña baixo unha á. O macho ía chegando ao regato de Rabacallos; asemade, dous lobos fracos pola fame do inverno, ao ventaren carne de cristián, descenderon por un atallo, trochando en ringleira vertical a todo correr; sorteando os carballos e castiñeiros bravos que poboaban a carballeira por riba da estrada.

     Axiña se puxeron a camiñar detrás do macho a certa distancia, un en cada banda; a cada pouco, achegábanse máis preto do macho, donos da situación: os lobos vanse aproximando a ti, coma quen non quere a cousa, logo aconchéganse aínda máis ata darche co rabo nas pernas... e, cando menos o esperas, arréanche unha trabada nas canelas ai, ai! Ai, os lobos que teimados che son, nai que os pariu...! O lobo da banda dereita comezou a ouvear unha e outra vez, alternando os berros co da banda esquerda.

     Ao macho espertouno o instinto da supervivencia e arrincou a trotar, lixeiro, estrada abaixo, tacatá, tacatá, tacatá...!, ollando de esguello aos lobos, ameazantes e perseguidores tras del coa lingua fóra, co rabo ergueito e amosando uns dentes brancos, húmidos e tan afiados coma puntas de navalla. O Pon seguíache a durmir como unha pedra, alleo ao perigo daqueles lobos famentos. O pai espertárao ás seis da mañá dun pesadelo. O macho, coma se vise ao mesmo demo, espreguizouse de súpeto e xa non parou de trotar, arribando deseguida á pontiña que hai por riba de Entrambosríos. Mal demo vos parta! —xurou a súa maneira, o machiño, apuntando ao ceo coa testa, orneando, á vez que freaba, arrincándolle faíscas aos croios do chan da estrada coas ferraduras arranxadas no outono na forxa do ferreiro de Celeirós.

     As crinas erguéronselle de punta coma fíos de arame cando viu outros dous lobos xa vellos, un a cada lado da ponte, cos dentes regañados e esvarándolles pola boca o cuspe que dá o cheiro a comida. Alí agardaban os lobos, desesperados pola procura de cobrar a peaxe da ponte.

     O macho, soíño no cu da noite, atopábase rodeado por catro lobos famentos en posición de ataque. Un dos lobos, o máis vello, o que levaba a estratexia da caza, pois era o que mandaba, pegou a falar deste xeito: “Temos que espantar ao macho, por mor de tirar ao neno, carne doce, de cristián, vainos saber como a dun cabrito, crávaslle ti os dentes no pescozo e afógalo un bo anaco, que nos quede ben teso, eh! Logo haberá que esnaquizalo en catro partes”. Aúú...!, aúú...! —falaba o lobo vello—. Eu prefiro comer o neno, aínda que me toque menos, que xa non podo roer a carne dura dun mulo, que vou vello, nin despezar a carne, non digo dun macho, nin sequera dun coello; ai, que será de min?

     —Aúúú, aúúú...! A que chegamos, cagoná! Un lobo sen dentes caninos, onde está a fera canis lupus? Aaúúú, aúúú...! —ouveaba chorando, o coitado lobo.

     As feras continuaban a parolar como repartir o botín da caza ao se decataren con certeza que a presa xa non tiña escapatoria por ningures. O Pon moveuse no carrelo do macho, pois estaba a piques de espertar, antes co trote e agora ao estar a cabalería parada tanto tempo na alfándega dos lobos.

     De súpeto, apareceu, non se sabe como, o lobishome, o lobo de xente, facendo estremecer cos ouveos a follaxe da espesura, namentres abaneaba xestas e piornos. Camiñaba de pé e portaba nas mans un longo fungueiro afiado; aínda que andaba espido, tapaba as vergoñas e gorecíase da friaxe cunha  tupida pelame. A cabeza érache a cabeza dun lobo pero grande coma a dun  xato, mouco, sen cornos. Presentouse deste xeito aos demais lobos: 'son o Lobishome da LRS (Lobishome da Ribeira do Sil) —noutros lugares mandan outros, como o Romasanta, en Allariz— aquí dende Maceda ata Castro Caldelas e Monforte goberno eu. Tamén son Licardo, o anacoreta que vive acochado no mosteiro de San Paio, aínda que, nas noites de lúa chea, dáme por camiñar, fuxindo de min, polos sendeiros das fragas de toda a contorna. Deixade pasar pola ponte a este neno. Fuxide de aquí, que vos cravo o fungueiro no bandullo e cómovos o fígado! Ídevos, xa, fillos de... loba! Este é o meu reino lobeiro da noite de luar —continuaba o lobishome coa prédica, mentes os demais lobos escoitaban, pasmados, repousando os cuartos traseiros encima dunha pena—. De agora en adiante, seredes os meus escravos e cazaredes para min; sodes unhas temibles feras, abofé que si, mais só estades a pensar cos dentes, matinando máis en matar que en comer, arrastrados polos carreiros, prófugos, escapando polos camiños vellos; xoguetes do demo para facer o mal'.

    'Son tan lobo coma vós, certo, pero tamén teño o cerebelo dun home, Licardo me chamo: o instinto depredador impúlsame a brincar no pescozo do macho para trabalo cos dentes ata afogalo, mais, por outra banda, algo teño nos miolos que me di que non, que me reteña, que se mata só para matar a fame'.

      'Nin son un lobo como Deus manda, nin son un home, que son un malpocado licántropo', choraba bágoas de crocodilo o lobo de xente de Parada de Sil. (Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra).