As fillas da caracocha, relatos breves: A lenda do Pedome.
A lenda do Pedome
Colleron dous galos
–conta don Antón Rodicio no Boletín
Auriense, ano 1995, o que escoitara sendo un neno ó seu veciño Avelino
Álvarez (nado en 1883), narrado aquí á miña maneira de tecer os contos– un branco do poleiro dos freires de Santa
Cristina e mais outro negro dun mouro xigante que quedara a vivir no lugar, preto do cachón de
Xabrega e do regato de Lamateiro, onde
se atopa unha pegada súa remarcada nunha
pena, o Pedome. Lugar moi propio
para pasar a ponte no verán, din os
máis vellos dos vellos do lugar
que se pasaba á outra banda brincando sobre as pedras do leito do río, que
seica de aí vén o nome de “Peares”.
E
botárono a sorte, se o primeiro en cantar na alborada era o galo branco,
habíase de erguer a ponte; se, pola contra, era o galo negro en dar o primeiro
quiquiriquí do amencer, o Destino, que estaba a xogar cos quiquiriquís dos
galos, manifestaba que non se debía construír. E disque o galo negro foi máis
madrugador e que, por tanto, xa dende entón, as barcas de Paradela, de Meixide,
da Barca de Baixo, de San Fiz, de Cerreda continuaron co oficio milenario de
transportar dunha banda á outra a persoas, animais e mercadorías. Dende aquí, una
merecida homenaxe ós barqueiros do Sil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario