As fillas da caracocha: Os barqueiros da ribeira do Sil
Os barqueiros da ribeira do Sil
Para cruzar o río
Sil –no Porto, na Barca de Baixo, en Meixide ou en San Fiz– antes do encoro de
Santo Estevo, ademais das dornas para unha soa persoa axeitadas para os enxeños
da pesca das troitas, as nasas e mailos galaritos ou, mesmo, para traballar as
viñas noutro lado do río, había outras barcas, tamén lixeiras, para o traslado
da xente que ía ou viña da estación de Monforte; as máis mediadas, para unha
cabalería.
As
barcazas usábanse pouco, porque cumprían dous homes manexando os remos, só
cando viña unha xugada de vacas ou unha reata de cabalerías para as feiras de
Sober, Pantón, Monforte ou pasaban o río, en sentido contrario, de Lemos a esta
banda, ás feiras de gando de Montederramo, de Chandrexa de Queixa, de Castro
Caldelas e de Maceda, entón, non había outro remedio que empregalas e remar,
virando a súa proa un pouco cara a arriba, a contracorrente, co gallo de ganaren
a outra orela, dado que, ás veces, nas enchentes do inverno, a forza da auga
arrastrábaos río abaixo.
Naquela, tiña moita sona a feira dos bois de Montederramo: “Polo camiño vello que vai dende Vilariño a Pradomao cara a Ribeira había unha paraxe” –recorda a nai de Antón Fernández de Vilariño Frío, unha señora de 90 anos cunha memoria aínda prodixiosa– “que se chamaba a Casa Nova, onde pasaban a noite os tratantes de Lemos que acostumaban acudir á feira de Montederramo á procura dos bois da montaña”.
Á romaría do Santuario dos Milagres acudía por entón moita xente devota da Virxe e das empanadas ó pé do Santuario. Coa noite pecha, a mocidade retornaba da esmorga alumando os camiños con fachóns de palla de centeo, que ripaban dos palleiros, á beira dos camiños: eran días de moita xeira coas barcas, abofé que si.
O tránsito nas dúas bandas do Sil era continuo: a mocidade escoitaba as chamadas dos foguetes e das campás que repenicaban engaiolantes ás romarías de Amandi e de Cadeiras. A esta banda do río, viña tamén a mocidade de Lemos ás festas do Carme, en Sacardebois, ás de Trigoás e mais á festa das cocas de Santa Tecla.
A media tarde, cando rubían ó Santuario de Cadeiras ou cos primeiros tímidos luceiros do luar, ó retornaren, as barcas non daban abondo con tanta mocidade esperando por embarcaren: por entón, había un exame de mozos e mozas nestas aldeas da Ribeira Sacra, que daba gusto velos. Cos bailes, a bota de viño e coa pándega de cabrito, as mozas abríanse ó namorisco e, tras varios encontros noutras festas, falaban mirándose no espello dos ollos, sendo frecuentes as parellas, ás veces amañadas polas familias de albiscaren cabezas de gando, viñas ou cortiñas no haber dos prometidos.
Os miúdos das casas grandes pasaban nas barcas montados en machos e bestas para acudiren ós internados dos colexios Escolapios e da Divina Pastora en Monforte. Os ribeiraos máis pobres, en troques, tamén se achegaban ás barcas coas cestas de pavías, que vendían nas vilas e feiras da bisbarra de Lemos. Cada cando, se lles facía ó caso, trocaban as pavías, cereixas, uvas e pexegos a razón dun saco de centeo da chaira, que lles viña a sorte de cara para coceren o panciño no forno de leña.

Ningún comentario:
Publicar un comentario