domingo, 6 de xaneiro de 2019

As fillas da caracocha, a memoria da auga

  _______________________________________  
                               
                                  4

                    Faragullas de ourego


“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”. 







A memoria da auga



A mitoloxía di que a auga do río Leteo lavaba a memoria, querida Claudia, como as augas benditas lavan as culpas no Cristianismo. Tamén, de cando en vez, irrompen augas invasoras dun tsunami, borrando do mapa tanto a cristiáns coma a pagáns, todos somos iguais no lavadoiro da auga: que somos?, senón auga!  
     
     A auga e mais o viño sonche bos; pero, mira, en doses comedidas, aínda che son mellores: augas a cachón ou dunha treboada, que nuns sitios arramplan con todo e noutros nada, fronte ás preguiceiras gotas que pingan polos bicos dun tellado ou o orballo miudiño que vai caendo de cedo na horta para lavarlle as follas ás nabizas. Augas benditas, que cuspe o hisopo, e que perdoa as culpas a un finado; augas mornas que fan medrar o pan; augas que lle borra a cara tisnada a un larafuzas; augas de cristal da fonte da ninfa Sálmacis que remedian os quereres andróxinos, indefinidos de xénero; augas de maio, un regalo para as cortiñas sementadas de millo; augas menciñeiras que curan o mal de ollo; augas caídas do ceo, no agosto, que veñen a enmudecer as fauces do lume desbocadas, alampando cos piñeiros, malia ás bondades do lume domesticado.
     
     Na mitoloxía fálase doutro río, o Mnemósine, na ribeira do Sil recibe o nome de Mao, río humano, que resucita a memoria esvaecida dos vellos, tras amoleceren na poza dos Recordos unha noite de luar, mergullando cara dentro na introspección do pasado. Augas que refresquen as palabras patrimoniais, que con “cousa”, “carallo” e “vale” xa teñen abondo para os faladoiros da telelixo, moucas agora no dicionario, pero que camparon antes nos libros, esperando un certeiro dardo que as esperte, emporiso cómpren augas renovadas que as fagan abrollar nas ágoras da fala.            
     
     A inmersión no río Mnemósine, acá nas fervenzas do canón do Mao, era o remedio para recobrar a memoria. Disque houbo un filósofo na Atenas de Pericles, que mentres cantaba o galo no alpendre, no alborexar dun novo día, coa cunca da man bebía auga do río Mnemósine, en compaña do seu can, Orto, de dúas cabezas coas que lapaba o dobro co fol da memoria ateigado de datos, mais de alí a pouco estoupou como un globo inchado de atmosferas. En troques, o filósofo, máis comedido, gozou do tempo suficiente para matinar e dar corpo á que sería, en adiante, Doutrina Aristotélica.    
     
     Así que, querida Claudia que me escoitas, podemos deducir como corolario que unha das virtudes da auga é ir retendo a memoria no seu ciclo eterno, mais cómpre abrir, de cando en vez, o aliviadoiro dos recordos. Uns vasos de viño de mencía é a menciña recomendada para unha doada escolma dos recordos tecidos na arañeira da caluga que deben permanecer na memoria dun pobo.

Ningún comentario: