_______________________________________
5
Faragullas de ourego
“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”.
As bondades do lume
O home antecesor, o noso tataravó, querida Marta,
que lle tocou vivir nos albores dos tempos, foi aprendendo a dispor dos
recursos que lle brindaba a natureza, daquela inhóspita para un indefenso e
desvalido homínido.
Mais
o Homo Erectus, que foi gañando a verticalidade até plantarse como bípede
coas mans ceibes para afiar un óso contra unha pedra ou, mesmo, artellar un
coitelo cun cacho de sílex, disque coa avantaxe dun cerebro máis desenvolvido,
foi descubrindo novas tecnoloxías, daquela revolucionarias, destacando dous
achados decisivos para o porvir da humanidade: o invento da roda e mais o
segredo do lume.
Logo,
habería de presentarse un home sapiens,
fillo da súa nai: un home dual, pirómano e mais bombeiro, contraditorio de si
pero non, cordo e mais tolo, humano e mais lobo. Un día de verán, a iso da
noitiña, deulle por prender lume ó monte.
–Lume...! pegáronlle lume á fraga…!, fumega o monte, arde o monte…! –berra o alcalde pedáneo de
Santiago de Medorra, espertando ós veciños que xa moran quedos no sagrado.O
monte do Burgo cheira a morto, entre lusco e fusco quedou arrasado, só unhas
gallas retorcidas e esgazadas continúan con fume. Axiña, virán as chuvias do
outono lavarlle os pés para o enterro: o monte quedará lambido, só unha fea
calva de pedras desolada; primeiro, veu o lume e logo choveu do ceo, que mal
lle pinta a auga despois do lume ós montes ladeiros da ribeira de Caldelas!
Se
antonte amosaba espléndido, hoxe está triste e silandeiro: antes presumía de
esveltos carballos, acivros de follas espiñosas, frondosos castiñeiros; falcóns
peregrinos; raposos nos tobos; sinfonía de chíos de papuxas e paporrubios;
divertidos esquíos; campaíñas de
estalotes, frescos morotes; perfume de ourego, loureiro, alegres caraveis…
porén, onte veu a Parca co lanzachamas e daquelo tan fermoso xa non che queda
nada: calvo, negro e feo, monte queimado, que mal te vexo!
Así e
todo, o lume, querida Marta, tamén ten as súas bondades: fogueira de San Xoán
purificadora; lume de virxes vestais; lume do xamán Maui que baixou do ceo o
arte do fogo; lume, bolboretas de namorados: disque o home é fogo e a muller
estopa e ven o diaño e sopra; lume de volcáns, morada dos deuses; contos
lobeiros ó pé da lareira; fogar de familia romanés en acampada; lume
purificador de bacilos nun sanatorio; lume frío no velorio dun ateo; vagalumes
no camiño dun descarreirado; fol de zafra que debuxa santos de ferro a golpes
de martelo; fumeira dos chourizos nos fungueiros; lume que quenta a barriga do
forno; lume preguiceiro que destila augardente de bullo; lume afogado nas toleiras
dunha seara; lume de candil de carburo que perfuma o cu da noite; lume de
botafumeiro que purifica ós peregrinos; lume dos Fachóns de Castro Caldelas que
espanta ós lobos que queiman cos ollos; lume do inferno, divina comedia dos
cregos; lume no monte de Venus que apaga a vontade de varudo bombeiro; lume cuspido
polo Vesubio que conxelou o quefacer de sosegados pompeianos nun intre da
historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario