_______________________________________
3
3
Faragullas de ourego
“Ourego. Herba olorosa perenne da familia das labiadas (Origanum virens), de flores brancas ou rosadas en espiga, moi usada como condimento. A zorza dos chourizos pode levar ourego”.
Airiños da miña terra
Aire. “Mestura que, constituída por osíxeno, nitróxeno e outros gases
amais de vapor de auga, forma a atmosfera da Terra”. Vento. “Aire atmosférico
en movemento” (RAG). A auga, a terra, o
AIRE e mais o lume, para o filósofo Empédocles, e
mais tarde para Aristóteles, que denominou elementos, foron os principios
básicos que constituían o mundo, teoría que séculos despois quedou desbotada
cos avances da ciencia. O mundo sería, pois, unha determinada mestura deses
catro elementos.
Sen embargo, querida Claudia,
malia non querer esmiuzar agora tal teoría, con todo e iso, o ar para os
filósofos helenos tiña esta simboloxía de hálito creador, de sopro de palabra, o
mesmo concepto amosa no Xénese coa creación do home, de luz e mais lixeireza,
de mobilidade e mais de liberdade como o voo ceibe das aves.
A fraseoloxía coa palabra “aire” é abundante no galego,
mais para non andar co aire nas pólas, pídoche, Claudia, un respiro de
atención, que nun airiño de Deus remato o conto e xa quedas libre de planear ó
teu aire como unha presumida bubela.
Ó
reler o escrito ando no aire, tirándolle dardos ás erratas, mais axiña me
enfado, mecagoná! que corto o aire co
lapis! co cello engurrado do mal aire que me dá: como se for o aire de
mariñeiro maniático de cando arranxa o camarote colocando cada cousa no seu
sitio, aire que respirei cando mudei de aires nun cruceiro a Bos Aires, demoño
de bucle redundante!
Vou como unhas
castañolas co aire de primavera que abanica as folliñas de castiñeiro nos
soutos da ribeira escoitando o lene sentir da natureza; co aire fresco que
alivia as calores de verán na pasarela que serpea ó carón do Mao; co respiro de
aires antergos de tumbas abertas en canal na aira da necrópole de San Vitor;
vou de compaña cos aires renovadores do concello de Parada de Sil que poñen en
valor o rico patrimonio que é de noso: aires de brisa renovada na proa do
catamarán que asuca o Sil, airiños de música de concerto no mosteiro de Santa
Cristina, aires de achego de veciños que aventan coa criba de media lúa
castañas secas en Purdeus.
Que se afogue
eolo que aviva o lume devorando carballos e piñeiros! Suave airiño que seque as
bágoas de desconsolada nai por un mal aire que lle deu a un fillo; mal berce de
aire nado no océano que trae preñadas as nubes de ruinosa sarabia; non atopo abanico
menciñeiro para saírmos airosos desta crise; que leve o demo o mal aire que
ventan os adegueiros de cara ó futuro; noites de pedra cos fachinelos pechados
para os políticos, algúns, que rouban con aires mentireiros de “non me consta”.
Sopro de alento a persoas desvalidas que viven do aire;
fol de aire ventoso que limpe as culpas a un pobre necesitado que rouba a un
rico ladro; solta de gas ó aire polo escape de atrás que nos alivie dos
recortes o día da festa das urnas, mandando ós que tornan a auga para o seu
muíño, a tomaren o aire de Villadiego.
Vento
oportuno que esfarele a polución do escape da sociedade de consumo para que
repartan o pan ós que veñen con cara de fame a petaren na porta da terra de
promisión: que derruben as tupidas cribas nas fronteiras de alto aramado! Mal
vento de Tarifa que sopra en dous sentidos: vento en popa a toda vela nas
táboas do surf dos mozos ricos e vento tempestuoso que envorca as vellas dornas
afogando a mozos pobres de color que veñen do sur, en guerra. Airiños de Parada
de Sil, a terra onde me criei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario